CONSIDERACIÓNS SOBRE O LIRISMO REVIRADO DE CHARO PITA

Porxmeyre

16/06/2021

Título: O cuarto de Jane

Autora: Charo Pita

Editorial: Caldeirón

Aclaremos, primeiramente, que O cuarto de Jane. é O XV Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica. Existe na sociedade a crenza de que no erotismo pouca cousa pode sorprender. Pois ben, esa xente debería ler coidadosamente os Illas Sisargas para caer do engano. Un engano moi occidental, as sociedades orientais adoitan ser  moito máis requintadas e explorar convencidamente un mundo que realmente pode ser moi rico, mais a sociedade occidental é moi puritana e condena/condenou toda aproximación ao erotismo. Aliás aínda hai outra cousa a considerar, escribir sobre o que se considera, en principio, tópico, é moito máis complicado e, cando se remata, se antes non o crían xa, as autorías decátanse de que iso do tópico é unha consideración totalmente errada porque a xente vive o erotismo de maneira moi persoal e única.

                     Titulo esta crónica libresca como “lirismo revirado” por dúas razóns. Primeiro porque a voz poética se autoproclama, no primeiro poema, “femia revirada”. É dicir, ten a conciencia de non ser persoa de comportamento erótico “politicamente correcto”. De ser persoa cuxas práticas sexuais se enfrontan conscientemente á ortodoxia social en temas sexuais. Razón? A homosexualidade, o lesbianismo. E, en segundo lugar porque aínda necesitamos moitos “lirismo revirados” para que a xente entenda que cada persoa ten o dereito de vivir o seu erotismo como lle pareza, sempre e cando non lesione as liberdades dos demais, cousa que non ten porque suceder nunca.

                     E, efectivamente, nos versos de Charo Pita, as palabras danzan (por utilizar unha afortunada expresión da autora) coreografías sexuais onde os termos eróxenos son de tod@s coñecid@s, mais a arte na seducción é única e intransferíbel. Que unha protagonista sexa unha “anana” non deixa de ser unha curiosidade máis, un engado temático pouco frecuente. Pois o que verdadeiramente importa é que a expresión poética resulta potente, moi traballada. Os seus versos son como pedras labradas (e collo estas palabras do inmortal Miguel Torga) que acantazan a moral puritana á vez que afirman/reafirman unha vivencia erótica desprexuizada, propia e rica.

                     A este respecto debemos dicir que a poesía erótica non reflicte frecuentemente conflitos, porque precisamente o erotismo conxuga dous corpos que se atraen e gozan. Porén, despois do anteriormente dito, fica clariño que esta “femia revirada” vive permanentemente no conflito social que os seus comportamentos eróticos supoñen. Que a estas alturas do século XXI teña que existir a rebeldía nas actitudes eróticas…non fala nada ben da sociedade en que vivimos.

                     Por ende, a poesía de Charo  Pita resulta formalmente variada, e tamén conceptualmente. Deste xeito podemos viaxar desde poemas baseados en predicións metereolóxicas (o tempo) a outros que diseccionan o día en partes, desde versos longos até poemas curtos e contundentes. Sempre cunha máxima que se converte no maior valor, a noso xuízo, deste primeiro poemario de Charo Pita: a súa poesía, os seus poemas conmoven. Non se trata de ningún espectáculo verbal, como moita xente pensa da poesía erótica, son versos sentidos que espertan emoción e racionalidade en quen le. A epifanía poética é rica en matices porque a concepción do erotismo tamén é moi rica. Por sinal, léanse estes versos que poñen cabo ao poemario:

                                               Frétome, si, bambeabdo verso a verso o meu abraio,

                                               enchoupada ata o cítotis de tinta,

                                               abandonándome sen pudor

                                               á confusa pornografía de estar viva

Asdo. : Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content