crítica de CELADA, de Antonio Piñeiro

Porxmeyre

12/06/2020

AQUELES ANOS DE INQUEDANZA E ESPERANZA

Título: Celada

Autor: Anatonio Piñeiro

Editorial: Xerais

Hoxe, recén encetada a segunda década do século XXI, parece como se os anos 70, ou 80 do pasado século foran xa Historia sedimentada da que só catro vell@s se lembran. Digo isto tanto para os acontecementos históricos (velaí, como exemplo, a mal chamada Transición) como para o decorrer literario (autororías que abriron camiños e hoxe son practicamente ignoradas baixo a fría lousa do esquecemento). Por iso, que un autor como Antonio Piñeiro decida rescatar aquela atmosfera setenteira que mesturaba ansias de liberdade, inquedanza por un futuro onde a mocidade quería participar con protagonismo decidido e valente, e esperanza en que o futuro traería a caída do franquismo e a chegada da democracia…é como para ter moi en conta. Aquí cabería agora salientar que o nome de Antonio Piñeiro vai asociado nas nosas letras a unha obra personalísima na cal os valores estéticos e temáticos camiñan de mans dadas; valores, preocupacións, angueiras…tamén éticos, tamén éticos, non se esquenza. Porén, a nosa misión é ecribir sobre a súa última novela, Celada, coa que obtivo o VII Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. E comprácenos moito esa denomincación (novela curta) porque así se distingue claramente da novela breve, que xenericamente é diferente, outro mundo.

                     Celada é, pois, unha novela curta, curta pola extensión, mais que segue e garda os requisitos dunha novela, non dunha novela breve. Un formato que proporciona unha lectura rápida e concentrada. Precisamente este tipo de lectura ben querido polo público lector, ou iso parecía, décadas atrás. Mesmo xurdiron os “Relatos dunha hora” da Editorial Nigra, nos 90. Agardemos que este premio teña mellor fortuna.

                     De primeiras, cómpre indicar que o principal valor da novela reside na recreación do ambiente universitario politicamente activo dos anos setenta. Mais, ollo, cando dicimos “recreación do ambiente” para nada queremos sinalar unha novela curta panfletaria ou unha novela curta politicamente interesada (sobre todo porque despois engadimos o de “politicamente activo”). Entendámonos cando dicimos recreación do ambiente é iso, é que as súas páxinas cheiran a papel e tinta de cliclostil (a “máquina” da que saían os pasquíns, as follas voandeiras, non se indica a color política delas, nunca, quen le debe colaborar desde a súa experiencia ou vivencia ou cultura enchendo un oco que, a verdade, só tiña unha mensaxe posíbel), e cheiran a atmosfera de bar (de viños, cervexas, balbordo de conversas e ruído de flippers ou pimball) e tamén e sobre todo cheiran a esa atmosfera de temor e inquedanza, de medo e de esperanza dunhas personaxes que son recluídas polas forzas de seguranza do Estado nunha celada, unha de tantas que houbo, da que había que estar espelido e saber orientarse para fuxir con éxito.

                     Esta novela curta de Antonio Piñeiro recrea moi ben ese ambiente universitario comprometido dos anos 70, previos á caída do franquismo, aqueles anos en que Compstela era un fervedoiro comprometido, audaz, onde mozos e mozas loitaban por outro mundo posíbel fóra das gadoupas franquistas. Recrea moi ben ese ambaiente, e léndoa lembramos a ese mestre na recreación de ambientes (de calquera época, no só do XIX) que foi Otero Pedraio, e tamén, tamén a Blanco-Amor, outro mestre na recreación ambiental (en calquera das súas obras, mais para a ocasión lembramos especialmente Xente ao lonxe por ese atmosfera de compromiso social).

                     E se a escrita de Antonio Piñeiro resulta especialmente rica nesa recreación de ambientes de atmosferas, tamén hai que dicir que a súa é unha narrativa intelixente. Xa dixemos que nunca se indica orientación política dos mozos e mozas que están sendo obxecto da manobra policial. E do mesmo xeito, o narrador actúa como se dunha cámara cinematográfica se tratara; describe, recrea, dá conta mesmo de diálogos e atmosferas, mais ten vocación de ocultar o que pensan as personaxes, tampouco era preciso e a estratexia resulta unha boa, e pouco agardada, maneira de cear tensión narrativa, ese requisito tan imprescindíbel na narrativa. Outro elemento nesta orientación é o tratamento temporal; nunca se indican datas, non hai referentes temporais primarios, iso ten que deducilo quen le a partir de elementos do discurso tales como as cancións de “Las Grecas” ou o prograna “Un, dos, tres”, por exemplo.

                     Non nos enganamos se dicimos que Celada é unha homenaxe a aquel clima universitario comprometido, activo, valente, dos anos 70. Inquedanza e esperanza, xuntas nunha mocidade insatisfeita que pula por un mundo distinto e mellor. Nin se dicimos que tampouco se trata dun simple exercicio de nostalxia, hoxe, onde a mocidade parece máis apática, Compostela segue a ser un lugar onde o estudantado universitario está organizado (no como non imos entrar) e reivindica, cousa que non sucede en moitísimas outras universidades estatais. Medio século despois, velaí un herdo, non só dos anos 70, tamén doutras décadas, anteriores e posteriores. Eu mesmo, xa nos 80, tiven que refuxiarme en bares (coma na novela) da persecución policial e atravesar cordóns policiais (ollo, de policías que viñan de fóra da Galiza, para mallar sen conciencia) e participei en multitude de manifestacións (polo idioma, pola carestía dos alugueiros, polo facherío que aínda sobrevivía sedimentado na sociedade univeristaria…). Pode parecer que non se logrou nada, pode, pero aquela loita (hai na novela unha breve referencia aos “estudantes revoluvionarios”, engadan vostedes “galegos” pois na Galiza estamos, e queda algo como ERGA, fundada no 72, verdadeira matriz do movemento universitario), pero o feito velaí está, Compostela segue a ser un dos poucos lugares onde os universitarios están organizados e teñen poder reivindicativo ( xa dixemos, no como non imos entrar).

                     Mais volvamos á novela, que perdemos o fío. Dixemos que era unha homenaxe a aquela atmosfera reivindicativa universitaria (sen indicación de orientación política), comprometida socialmente. Tamén, que non se tarta dun exercicio nostálxico máis, aínda que sexa oportuno porque nas nosas letras este é un tema pouco tratado ( sen esquecer Dos anxos e dos mortos, de Rei Ballesteros, pero son dúas novelas moi distintas). E do dito extráese que é unha novela que “economiza” recursos innecesarios e usa con moito tino outros para conformar unha estratexia narrativa formalmente rica (a raíz da habelencia narrativa do autor) que reivindica un ambiente, un clima, unha atmosfera onde mozas e mozos xermolan a esperanza dun mañá diferente e esperanzador. Rica e arriscada, porque tampouco se elabora unha trama novelesca convencional.

                     Haberá quen faga de menos certa compoñente ideolóxica máis clara e decidida nas personaxes, mais non se trataba de recrear a ideoloxía senón o ambiente en xeral dunha celada.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content