40 anos sen Víctor Luís Molinari

Porxmeyre

11/06/2020

Nin Cela, nin Torrente, nin Valle-Inclán…ningún deles entendeu tan ben Galiza coma este xornalista (e escritor) arxentino.

E quen era este Víctor Luís Molinari?, preguntarase moita xente, moita.

Pois un xornalista e escritor arxentino nacido en 1904 e que morreu en 1980, que deixou unha obra na que se aproxima a Galiza mellor ca calquera dos galegos que citei antes. En 1953 aconteceu algo que sería decisivo na súa vida, con case 50 anos viaxa a Galiza, percórrea e de aí nace un libro de aforimos Itinerario (na versión castelá que eu teño) e Itinerario galego (na versión galega obra de Neira Vilas). Escrbiu máis obras con temática galega, coma Poemas gallegos (1958), El perfil en la sombra (1960), Canto a las provincias gallegas (1967), De puerta a puerta. Vivencias gallegas (1975) e Neira Vilas cita tamén Poemas para mi retorno que eu non dou datado.

Non se sabe moito del e é moi pouco o que se atopa na rede. Por exemplo, cabe pensar que a viaxe a Galiza de 1953 a fixo animado por algún tipo de contacto coa colectividade galega no exilio ou na emigración na Arxentina, algo tivo que animar a esa viaxe e o contactto con galegos na diáspora é unha boa explicación para que un señor, fillo de pais italianos, decida achegarse a unha realidade coma a Galiza daquel entón. Non só achegarse senón tamén comprendela de maneira tan exemplar, tan nítida e tan fonda como demostra no Itinerario gallego.

Este Itinerario galego presenta, aliás, algunhas características que o individualizan para alén do seu contido. Refírome a que naceu da colaboración en Galicia emigrante, fundada por Luís Seoane. A que a publicación se fixo a instancias de Neira Vilas (que tamén é autor da versión galega, como xa dixemos). Tamén foi o primeiro libro publicado por Follas Novas, editorial fundada por Neira Vilas e Anisia Miranda. Tamén foi a primeira cuberta ilustrada por Laxeiro e Suárez Picallo escribiu o seu primeiro prólogo para esta obra.

Particularmente, a min estes aforismos téñenme fascinado, desde que os descubrín hai xa ben anos, mentres xuntaba datos para unha novela -das varias que escribín, e que, se callar, algún día verán a luz. E penso que algunha homenaxe merece neste corenta cabodano da súa morte. No seu día contou coa amizade de galegos na diáspora, como Neira Vilas ou o propio Seoane, e en 1962 entrou na RAG. Este achegamento que constitúen estas liñas só son unha cativa contribución. A súa obra ben merecería unha tradución á nosa lingua, ademais do Itinerario (que, por certo, sería reeditado na editorial Celta de Lugo, con novos capítulos e versión galega de Arturo Regueira). Meréceo máis ca outras traducións de auorías galegas pero escritos en castelán e que non demostran un coñecemento tan fonda da Galiza como o de Víctor Luís Molinari.

Como remate, eis algúns dos seus aforismos, en versión ao galego miña, por iso van con lingua e ortografía actuais:

-Algúns hórreos, baleiros, abandonados, coas súas porta entreabertas, parecen agiolas sen paxaros.

-Na Galiza a desconfianza é permanente. Mais é unha desconfianza fiilosófica. No fondo, todo o mundo cre en todo o mundo. E así están as cousas.

-A saudade é unha melancolía qu enon quere ser tristura.

-Lugo é un reloxo sen minuteiro.

-Loitar contra o idioma galego é como pretender quitarlle o pulso ao sangue.

-Relixiosidade mística a galega. Mais relixiosidade práctica. Evidentemente Deus é galego.

-En cada cruceiro sempre hai alguén que agarda.

-Nietzche dixo: “Escribe con sangue e verás que o sangue é espíirito”. Castelao, por iso, escribiu con sangue galego.

-Quen non escoita música ante o Pórtico da Gloria é xordo de solemnidade.

-A grandeza de Galiza está nos seus límites. Cando o horizonte está ao alcance das mans, o home coñece o seu destino.

-Galiza é unha forma universal de tenrura.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content