crítica de AS DESTERRADAS, de Carme Varela, en Xerais

Porxmeyre

23/03/2022

O ESPOLIO DOS MOSTEIROS GALEGOS

Título: As desterradas

Autora: Carme Varela

Editorial: Xerais & Xunta de Galicia

Existen varios motivos polos que nos alegramos desta publicación. Imos alá. É un título máis da Biblioteca Dramática Galega, coleccióm imprescindíbel para que o teatro galego vexa a luz en negro sobre branco, a dramaturxia galega actual ten un nivel envexábel, e non só cando se trata de títulos premiados, como nesta colección. Damos a boa vinda tamén a unha nova autoría no noso panorama dramatúrxico, Carme Varela. Non é que o nome de Carme Varela sexa descoñecido, non só no mundo do teatro (por sinal, foi Directora de Produción do CDG) ou do audiovisual (pois tamén participou en publicidade e curtametraxes), mais esta é a súa estrea como dramaturga. Alén diso o nome de Carme Varela tamén se vincula coa asociación O Sorriso de Daniel, da que é secretaria e cofundadora, que tanto leva feito pola protección e divulgación do patrimonio medieval (especialmente do románico) galego.

            Para máis de todo iso, Carme Varela preséntanos un tema moi pouco tratado nas nosas letras e que ten unha especial importancia na nosa Historia: a subordinación do monacato galego ao castelán e a loita dos mosteiros galegos pola súa independencia. Esta subordinación da obediencia benedictina feminina, como se denuncia na obra de Clara Vidal, leva a aparellado o espolio das riquezas dos mosteiros galegos, que pasan a engrandecer a Coroa de Castela. Un roubo en toda regra deseñado e executado polos Reis Católicos (?, sic.) e que forma parte da Doma e Castración do Reino de Galiza. En realidade, o interese central da obra radica niso, en presentarnos a resistencia dun pequeno mosteiro galego de touquinegras, como lles chamabas ás monxas de San Bieito, neste caso o Mosteiro de Albeos, perto de Portugal, onde é requerido que as monxas pasen a formar parte  do mosteiro de Antealtares compostelán, abandonando o seu, con todas as súas prevendas, dereitos e posesións. Quen executa esta orde é unha personaxe, secundaria porque só aparece nos diálogos das monxas, chamada frei Rodrigo de Valencia e que morrería  pouco despois da acción que nos presenta este enredo teatral, deixando na Historia só a pegada de ser a persoa encargada polos RRCC para executar os delirios de grandeza de Isabel e Fernando  -dos que seica o “tanto monta, monta tanto” non se refire á cota de poder que tiñan, senón ás súas aventuras extraconxugais.

            Cómpre dicir tamén que esta peza, Premio Álvaro Cunqueiro 2020, forma parte das actividades para desenvolver no seo da asociación O  sorriso de Daniel, da que xa falamos.

            Deste xeito, As desterradas, presenta o canónico esquema presentación-desenvolvemento-conclusión. A presentación faise eco, sobre todo, da riqueza do modesto mosteiro de Albeos a partir da extraordinaria colleita de feixóns que aquel ano tocou en sorte, e da querenza que as monxas teñen polo seu mosteiro e como este lles soluciona as súas necesidades vitais permitíndolles a plena realización do seu compromiso con Deus. Desde aí, o ambiente dramático vai ir in crescendo, mediante denuncia (nos diálogos entres as monxas) do espolio e a negativa destas a se deixaren roubar ao teren que abandonar Albeos e ir a un Antealtares onde saben que xa con anterioridade non foron ben recibidas nin tratadas. Así que a “crónica do desterro” é tamén unha “crónica da rebeldía”. E hai que dicir que esta rebeldía non só atinxe ao roubo, ao espolio dos bens do mosteiro de Albeos, senón tamén á xente do común, que coa súa ausencia se verá desprotexida, pois son as monxas as que coñecen, procuran e gardan as herbas coas que tratar as doenzas que poidan padecer. Os mosteiros eran tamén as boticas, as únicas boticas que existían. Claro que isto, que a xente puidera morrer a causa de enfermidades que non sabían/podían curar…isto pouco lles importaba a eses reis chamados católicos.

            Dentro do que cabe agardar en personaxes que son monxas (tamén hai quen non) e o status que teñen no mosteiro, os diálogos son moi realistas e neles vese un xogo de personalidades complexas e diferenciadas, aspecto que en grande medida axuda e tira da lectura, non só reproducindo a tensión dramática do espolio do mosteiro, senón afondando no que isto significa para cada unha das touquinegras e tamén nas relacións que se establecen entre elas, constituíndo un fresco humano desde o cal a denuncia do espolio acada non só dimensión “política” senón tamén humana. Desde esas dúas dimensión establécese a rebeldía das monxas. Que se xa é complicado ser rebelde na vida normal, cando se debe obediencia relixiosa esta ten moito máis valor, pola valentía extra que as personaxes teñen que demostrar.

ASDO.: Xosé M. Eyré (Membro da Asociaicón Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content