crítica de AMOR POR CATRO (Helena Villar Janeiro, Galaxia)

Porxmeyre

15/08/2018

SINXELAMENTE, AMOR

Título: Amor por catro

Autora: Helena Villar Janeiro

Editorial: Galaxia

Vivimos nunha sociedade tan tecnificada que  único que parece ter importancia son os trebellos que nos manteñen en liña ou nos permiten estar continuamente en contacto con outros. E moito máis nas novas xeracións, onde estar sen teléfono móbil, ou carecer da última aplicaión para o último trebello electrónico, é sinónimo dun malestar xeral que os afunde na tristura e desesperación máis grande. Resulta unha mágoa esta tiranía técnica, e sobre todo resulta unha mágoa que poucos dos máis novos saiban resistirse a ela. Por iso escollemos hoxe este libro de Helena Villar Janeiro. Porque simplemente é un libro, algo que leva existindo desde hai séculos e que, se tomamos o tempo  necesario para lelo, nos lembra que a emoción na vida é outra cousa ben diferente, e que unha simple ollada é suficiente para nos derreter por dentro ou nos elevar ao sétimo ceo. Están ben todos eses aparellos tan novos e tan sofisticados, non o imos negar. Cando eramos nenos xogabamos a detectives que falaban por teléfono e ese teléfono era un  zapato, e hoxe temos teléfonos móbiles moito máis pequenos que o zapato e as novas xeracións nacen sendo un feito que a todas horas podemos estar en contacto con familia e amigos. É un avance, está ben. Mais o obxectivo da vida é outro. Sentirnos amados.

Helena Villar Janeiro reuniu neste Amor por catro catro historias de amor, catro tenras historias de amor, dese amor primeiro que din que nunca se esquece, dese amor que fai que deixemos de ver as cousas como nenos e xa nos sintamos maiores, amor adolescente que inza en nós cunha forza irresistíbel e que ás veces fica no anonimato platónico porque non nos vemos coas forzas suficientes para confesarllo á persoa amada, inclusive temos medo de nos ver rexeitados ou que simplemente non sintan o mesmo por nós. Catro historias contadas con delicadeza e comprensión, coa delicadeza de quen sabe a importancia do momento que os adolescentes namorados por primeira vez están vivindo. E coa comprensión de quen entende toda a complexidade emocional que iso representa, nun momento no que están loitando porque os seus pais deixen de velos como nenos e lles permitan algo máis de liberdade, a suficiente para verse e falar con aqueles nos que depositaron o seu amor, ou simplemente para estar ceibes do control parental unhas horas máis, como lle acontece a Chus, protagonista do terceiro relato. Por certo que son catro historias contadas desde perspectivas distintas, con estratexias narrativas diferentes. Vimos de falar do caso de Chus, onde o texto adopta a forma de diario, diario de vacacións, pois transcorre durante as vacacións de Nadal.

Porén onde máis se nota unha estrutura e punto de vista moi traballados é na cuarta historia, “Unha tenda benéfica”, onde Loxa monta unha tenda coas cousas que vai rescatando do  faiado e se atopa cun cliente moi especial, un señor maior que lle merca o cesto no que Loxa leva as cousas porque lle parece que está moi ben traballado, e Loxa lle di que é para unha causa benéfica. Esa causa benéfica é o retorno do seu irmán, fugado coa súa namorada e que quedou sen cartos. A través da conversa de Loxa co señor maior imos coñecendo a historia de amor do seu irmán. Unha imaxinativa e efectiva estratexia narrativa. As outras historias, non menos emocionantes, non contan cun aparello narrativo tan sofistificado, mais non por iso deixan de ser historias que nos tocan no corazón. Ás veces, como acontece na primeira, “A moza de Jamaa Al Fna” lévanos a culturas e países diferentes ao noso, cuns valores morais diferentes aos que nós temos. E que Iamal, o protagonista, vai ir aprendendo mentres se nos vai contando unha historia de amor imposíbel, que quizá por iso é máis grande, mais o pobre Iamal, que está a se facer adulto e é aínda inocente e o estafan, xamais poderá esquecer os ollos dunha moza que ve por casualidade.

Completa o libro dos catro amores primeiros, como se subtitula, “Os ollos de Galahaz”. Este é un relato onde un fato de adolescentes deciden facer o Camiño de Santiago para desfacerse do control que exercen os seus pais sobre eles. Para sentírense libres. Un deles recita versos de Cabanillas de cando en vez. E unha moza coñecerá un mozo bretón, entre eles establécese un forte vínculo. Estas, e así, son as catro historias que conta Helena Villar Janeiro neste Amor por catro, un título ao que lle agoiramos un feliz suceso entre os escolares galegos, pois a autora sabe moi ben poñerse na pel destes adolescentes e recrear a súa maneira de pensar, as súas emocións, os seus medos, a necesidade de que alguén os entenda e os ame…Eis un título que sabe tocarlles na fibra sensíbel, que non deixará de emocionar a quen o lea, escrito con moita delicadeza e saber narrativo.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

Porxmeyre

2 comentarios en “crítica de AMOR POR CATRO (Helena Villar Janeiro, Galaxia)”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content