tres momentos de NOVA NURSIA (Héctor Cajaraville, Xerais)

Porxmeyre

09/08/2018

 

-Tanto ten, Domingos -cortouno Rosendo-. Xa estou firme na idea. Sei que na casa de primeiras non vai caer ben a nova, pero tamén sei que o meu pai non tardará en se afacer: á fin e ao cabo el tamén forma parte da Igrexa ao seu xeito, como organista, salmista e sochantre, así que non hai volta atrás…

-Os teus pais pensan que eu non son unha boa amizade para ti. Pero desta vez non me van poder botar a culpa da decisión que tomaches -Domingos fixo unha pausa e continuou en ton solemne-. Se é o que queres e malia que iso supoña que nos vaiamos ver moito menos que ata agora…Se tes claro que a túa felicidade vai por ese camiño, eu alégrome moito por ti. De verdade, Sendiño…

…………………………………………………………..

Sei ben que o que fagamos na misión non é máis ca unha pinga no deserto, nunca mellor dito. Pero quizais esta pinga nosa axude a cambiar a visión, a facerlles ver aos gobernantes, aos colonos, aos propios aborixes, que hai unha alternativa a esa fin tráxica, máis tráxica aínda porque se percibe como algo natural e inevitable.

Por iso, e tamén por necersidade, desde o primeiro día animamos os aborixes que antes contactaron connosco a formar parte da misión de maneira activa. Así, os que quixeron axudarnos a construción dos edificios que xa se levantaron, e a outros encomendámoslles labores agrarios, de patoreo, de transporte de mercadorías e mesmo de condicionamento do que axiña será a nova ruta entre Nova Nursia e Perth, que nos permitirá chegar á capital en dous ou tres días, a metade do tempo que empregamos agora.

……………………………………………………………..

Aos poucos días do regreso da súa viaxe a Montserrat, os problemas de saúde acabaron obrigando a Salvado a gardar cama. Era a primeira vez na súa vida que lle acontecía algo así, e revelouse como un pésimo enfermo, como teñen por costume os que nunca se viron nun transo semellante. En canto o médico de San Paulo de Extra Muros acababa a súa visita diaria, Salvado levantábase para atender a súa correspondencia ou asistir aos oficios relixiosos, sen lembrarse de tomar a medicación que o doutor lle receitara. Dese xeito pasou varios meses, nos que por breves período recobrou novamente a fortaleza.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content