crítica de A INMORAL DOUTORA CONS, de Roberto Fernández Álvarez, en Aira

Porxmeyre

20/07/2023

FOI O QUE PASOU E NON O SABIADES

Título: A inmoral doutora Cons

Autor: Roberto Fernández Álvarez

Editorial: Aira

Pasa moito. O tempo trae o esquezo e cada vez resulta máis difícil lembrar como foron as cousas que pasaron.

Pasa case sempre, cando se abre un libro non sabemos, non se sabe o que hai  dentro aínda que teñamos algunha idea.

Neste caso son as dúas cousas. Algunha cousa hai cuxo enredo trata da Historia da Medicina en Galiza. Por sinal, na última novela de Moncha Fuentes lese unha emotiva homanaxe ao doutor Cabaleiro Goás. Porén, no caso que nos ocupa, o romance de Roberto Fernández Álvarez trata do conflito entre a Medicina tradicional e unha concepción médica moito máis avanzada que se enfrontan no rural galego dos anos 40 do pasado século. A doutora Cons chega a Pazos de Arenteiro para cubrir unha baixa médica. E non vai ser precisamente ben recibida polo resto de colegas que exercen alí. A doutora Cons trae con ela unha concepción da Medicina moito máis profesional e avanzada cá que se vén practicando alí, onde a xente está afeita aos vellos métodos dos doutores que exercen no lugar. Ábrense, pois, dúas confrontacións que se manterán ao longo das páxinas do LXI Premio Blanco Amor 2022. A doutora Cons ten que se enfrontar tanto aos colegas que desprezan os seus novos métodos como á xente dos lugares, afeita eles e que lles custa mudar, por medo, por incultura ou para non enfrontarse aos caciques locais, políticos, relixiosos ou civís. No medio tamén hai unha historia de amores entre a doutora Cons e unha personaxe de relevo na sociedade local. Primeiramente os dous se aliarán facendo posíbel a modernizacición na bisbarra. Por sinal, traen a luz eléctrica. E tamén se abrirá unha mina de ouro. Mais non lles vou contar como acaba a cousa, ou as cousas porque as dúas teñen que ver entre si.

Deste xeito, contado polo Golpe, mozote de pouca sorte que entra a servizo da doutora Cons e agora lembra desde a vellez, o enredo vai progresando segundo a doutora Cons avanza tamén na aceptación social que se vai producindo pouco a pouco mentres a oposición médico-caciquil, onde tamén hai que incluír a boticaria, medra na súa crueza. Paralelamente, no remate dalgúns capítulos, lese un texto onde as autoridades locais xulgan á doutora Cons. A confrontación entre as dúas posturas vainos dando unha idea da maldade, ruindade, mentira, ignorancia e crueldade que esta tivo que aturar, esta heroína, esta muller inflexíbel á hora de modernizar os vellos usos, custar o que custar e sen aforrar esforzos.

Nesta altura xa nin necesitaremos dicir que as personaxes están moi ben configuradas, forman unha galería social ben variada e perfectamente definida. Esa é base, ningún romance pode chegar a interesar e convencer se as personaxes non  están ben configuradas. O cal supón un coñecemento de primeira man da sociedade da época. Mais este título tamén sobrancea por outra cousa: a lingua. Xusto onde outros tropezan e caen nunha lingua pobre, cativa e fácil, aínda queda xente como Roberto Fernández que usa unha lingua riquísima en matices, que case nos obriga a ler en alto para non perder nada da musicalidade que atesoura, conferíndolle ao discurso unha grande verosemellanza, verosemellanza que calquera texto realista recibe como auga que cega  sede.

Nin que dicir ten que esa galería de personaxes, tan vívida e variada, déixanos un fresco impagábel da vida na Galiza rural dos anos 40 do pasado século. Este é o  primeiro romance de Roberto Fernández. Que veñan máis. Necesítano tanto a literatura como a lingua.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content