crítica de A AGONÍA DAS FOLERPAS, de Óscar Reboiras Loureiro, en Galaxia

Porxmeyre

30/10/2022

ENTRE BEIRAS

Título: A agonía das folerpas

Autor: Óscar Reboiras Loureiro

Editorial: Galaxia

As cousas pasan así. Se a última narrativa de que escribín tiña como eixo terras estremeiras con Asturies, a casualidade leva a que o romance do que vou escribir agora se deslocalice deica o Xurés, un teriitorio aínda menos frecuentado nas nosas letras que o anterior. O que si teñen en común os dous discursos é o protagonismo feminino, e a necesidade de esclarecer mortes. Se no de García Mañá era unha morte, neste son varias. Se o de García Mañá (Non era de Taramundi) contaba cunha protagonista central basyante clara, neste romance de Óscar Reboiras hai unha intención máis evidente de que o discurso sexa coral mais sen que iso dilúa de todo o protagonismo femino, outra muller moza. E non é que teñamos intención de facer crítica comparativa, porén se vemos os dous discursos en conxunto podemos observar como o rol pesquisador máis habitual neste tipo de textos vai tendendo cara a unha categorización máis neutra da personaxe central, xa lonxe daqueles pesquisadores cínicos, antiheroes, ou perdedores vitais, e tamén estes enredos camiñan de cara ao protagonismo pesquisador coral, xa non éxiste un protagonismo claro de quen pesquisa senón que, como esta actividade vén sendo realizada por diversas personaxes, é a acción converxente a que fía o esclarecemento do elemento que alterou o satus quo das cousas no comezo do enredo. Paga a pena esta observación, que nos permite enxergar como a narrativa vai derivando de cara a unha faciana onde o realismo se impón na procura de meirande verosemellanza.

No particular caso que nos ocupa, Fina, a personaxe central é unha xornalista inexperiente que, por casualidade dá cun escenario onde se descobren moitos cadáveres, pertencentes a distintas épocas históricas e sendo mortos de diferentes idades. A partir de aí o romance preséntanos a vida nas parroquias estremeiras do Xurés. Fina persegue escribir un artigo de portada que lle faga un nome no oficio xornalístico e é a personaxe central. Mais o que en realidade imos lendo é un discurso que trata levar á tinta a vida nunha paraxe tan afastada como é o Xurés. É dicir, a faciana realista do enredo fica diáfana, e aínda máis cando este se bifurca en dous momentos históricos diferentes, pois dá para contrastar a vida no medio século pasado e hoxe en día. Así xa xuntamos dúas caras do prisma narrativo. E hai máis. Percíbese cando entra en escena a parte histórica, todo o que ten que ver coa Carbonaria portuguesa. Non se afonda moito nela, dá a impresión de que o camiño nos leva cara ao best-seller desde esa pátina de misterio que se desprende, coa súa simboloxía incluída. Mais é suficiente esta nova faciana para, primeiro reforzar o verismo e, como xa dixemos antes, poñernos diante a posibilidade do best-seller. E aínda hai máis, porque con eses elementos tamén beirea o enredo negro Entre todo isto, a coralidade do enredo, as diversas caras do prisma narrativo, entre todas esas beiras, é mérito manter o suspenso de xeito que o romance non se nos caia das mans, pois o interese lector varía dunha faciana do prisma a outra.. E malia que ese interese creado na lectura podía ser máis claro e contundente, a verdade é que se logra suficientemente.

No noso xuízo hai un tipo de lectura, unha focalización lectora desde cal gaña moito este romance, primeiro do autor. Trátase da mentira das aparencias, é moi vello iso de que as aparencias enganan, mais aquí vén moito a conto porque detrás do que parece sempre está o que é, tanto nas personaxes como nos feitos. O cal non deixa de ser convite para unha lectura activa.

Por riba dalgunhas grallas (no uso do pronome persoal átono, na acentuación…) o discurso pretende amenidade desde o comezo, e ese certo desenfado narrativo cáelle ben á inxenuidade dalgunhas personaxes, sobre todo Fina. Porén, desde o punto de vista técnico este tipo de enredos demandan un remate climático, levar o discurso máis alá pode resultar perigoso. E aquí sucede, malia que a homenaxe final ao Resurrection Fest, coa que remata o romance, parece continuación lóxica da liña discursiva empregada, nin lle acae ben que sexa tan longa nin tan obvia, nin tampouco o sensibleirismo que pode supoñer para quen le.

Ora ben, lembren, Óscar Reboiras Loureiro, poñan moita atención en próximas entregas.

ASDO.: Xosé M. Eyré (membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

3 comentarios en “crítica de A AGONÍA DAS FOLERPAS, de Óscar Reboiras Loureiro, en Galaxia”
  1. […] «No noso xuízo hai un tipo de lectura, unha focalización lectora desde cal gaña moito este romance, primeiro do autor. Trátase da mentira das aparencias, é moi vello iso de que as aparencias enganan, mais aquí vén moito a conto porque detrás do que parece sempre está o que é, tanto nas personaxes como nos feitos. O cal non deixa de ser convite para unha lectura activa». Xosé Manuel Eiré Val. […]

  2. Moitas grazas por ler o libro, Xosé Manuel. E, por suposto, pola crítica, por sinalar os acertos e os erros, porque moitas veces a contorna máis próxima só transmite os primeiros, cando é importante ver tamén que cousas hai que mellorar. Unha aperta!

  3. Veño de rematar a lectura do libro. En xeral, gustoume e penso que sabe manter a tensión ó longo de toda a novela.
    Creo que é máis coherente, que está máis traballada a historia actual. Botei en falta un maior desenrolo da historia de Salgueiro. Creo que lle acaían ben uns cantos capítulos a maiores, hai aspectos da trama que non se tocan: a actuación de Garda Civil (despois de varios crimes nun entorno moi limitado suponse que actuarían, e moito); a decisión de matar a Duarte cunha proba tan feble; os sentimentos que se xeraron entre os asesinos de Duarte despois de aparecer morto o segundo neno, etc.
    Onde a novela falla para min é na explicación final. Que un grupo de cativos, de 11 e 12 anos, se xunten ás agachadas pola noite, sen facer ningún ruído, se que ninguén se decate, que unha especie de trasnada remate cunha morte por accidente, que decidan agochar esa morte levando o corpo no medio da noite ó medio do monte, que todos manteñan silencio e que ninguén se vaia da lingua, iso é moi difícil de crer tendo en conta que son iso, cativos de 11/12 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido