crítca de SOLEANDO & O GRUPO, An Alfaya, Galaxia & Xerais.

Porxmeyre

25/10/2019

AN ALFAYA x 2

Títulos: Soleando & O grupo

Autora: An Alfaya

Editoriais: Galaxia & Xerais.

Quero comezar dicindo que An Alfaya me parece unha escritora non abondo valorada no conxunto da literatura galega. De seguro que, entre os que seguimos a literatura galega “ a pé de obra” concordaremos en que An é desas autoras que nunca decepciona, absolutamente nunca. Sexa en títulos para os máis novos ou en títulos para adultos, a sinatura de An Alfaya é sinónimo do bo facer literario. Mais cando pensamos nos grandes nomes da literatura galega poucas veces lembramos a An Alfaya, se cadra por iso de que non é habitual do circo mediático e parece gardar certas distancias á hora de expoñerse en público, pois xa a súa obra fala por ela. E cando se escoita o que di a súa obra, entón temos que recoñecer o inxusto que é o seu esquezo, porque, como dicimos, a súa sinatura é sinónimo de calidade literaria. Para máis, An escribe libros que non son doados de esquecer porque sempre sabe moi ben tocar a fibra sensíbel do lector, sexa polo tratamento dos temas que toca ou ben pola calidade expresiva, cando non polas dúas cousas á vez.

                     Dito isto, comecemos explicando a razón de que traiamos estes dous títulos á vez. Non acontece moitas veces que unha mesma autora/un mesmo autor tire do prelo dous libros no mesmo ano en dúas editoriais diferentes e pertencentes a dous xéneros diferentes tamén. Isto acontece agora. Soleando é poesía para os máis novos e está aditado na colección “Árbore” de Galaxia, mentres O grupo é unha novela breve para mozos e mozas e edítaa Xerais.

                     Do primeiro título, Soleando, hai que comezar sinalando que se trata dun proxecto colaborativo entre An Alfaya e Imma de Batlle, ilustradora catalá. A cousa consistía en que Imma lle enviaba cada día, por WhatsApp, unha ilustración consistente nun sol e An lle devolvía a ilustración acompañada dun poema antes das doce da noite dese mesmo día.O resultado final é este Soleando, un libro que leva unha ilustración dun sol acompañando cada poema. Poesía para cativos que xa saben ler ou tamén para que os adultos lles lean cando aínda non poden ser lectores. Ás veces dialogada, ás veces interrogativa, tamén deixando caer algunha ( ou algunhas) rima en cada poema (efecto que lles senta moi ben aos poemas), outras veces botando de recursos da lírica medieval ( ou que os lembran) sempre alegre e sorprendente, nunha achega clara á mentalidade os posíbeis lectores e lectoras. Cómpre ter moi claro que esta poesía para cativos non é menos poesía, ben se ocupa de lembránolo Antonio García Teijeiro ou, no seu caso, a lembrada Gloria Fuertes, que cos seus poemas para cativ@s chegan ás mentes adultas e abren un oco por onde estes se cuestionen a súa visión da vida.

                     O outro título, O grupo, trátase dunha novela breve (114 páxinas), onde Sandra (unha traballadora social) coordina un grupo de moz@s nun centro social (entendemos que) de barrio. Os participantes no grupo sofren algún problema que lles impide unha plena integración na sociedade, son persoas especialmente vulnerábeis e a ese tipo de persoas vai dedicado este XII Premio Raíña Lupa. Por un lado está Antón, o Caraquimada, do que non cómpre facer descrición e que, cando de verdade quere comunicar o seu interior aos demais, pois faino desde os acordes da súa guitarra e do seu canto. Despois está Carla, filla dun matrimonio onde o pai abusa da muller e lle pega. E Amina, unha inmigrante que ten problemas coa lingua. Runa, graffiteira que anda en cadeira de rodas, mais cun natural moi positivista, alegre. E Nico, un mozo homosexual, coa súa parella no hospital porque os pais non aceptan a situación do fillo.

                     A novela ten tres partes. Na primeira, Sandra e os mozos e mozas falan en primeira persoa para que os mozos expoñan a súa problemática, o que os levou a querer participar no grupo. Despois hai unha segunda parte onde comezamos a ver que detrás da historia se Sandra tamén hai algo escuro, e @s moz@s continúan  a expresarse, sempre pensando nas eivas dos demais en lugar das súas propias. E unha terceira parte onde descubrimos que Sandra, a coordinadora do grupo, en realidade tamén forma parte del e nel apoiará o seu saír do pozo que a tiña ensumida. E aí remata a novela, cando Sandra descubrimos que é parte fundamental do grupo e soluciona a súa problemática, porque, do resto, An ALfaya tiña material abondo como para seguir escribindo.

                     Unha novela doada de ler e que convida a reflexionar sobre as discriminacións que sofren as persoas que fican en situación especialmente vulnerábel. Que pode ser calquera que vai canda nós pola beirarrúa, ou que está no mesmo café ca nós. Que dá pé a un(s) debate(s) contrutivo(s) na aula ( e non só de Lingua e Litertaura) e que, con toda seguranza, se convertirá nun  título de lectura indispensábel non só neste curso senón tamén nos vindeiros. Mais convertirase en lectura imprescindíbel non só pola temática, senón tamén polo axeitado ( e ben ponderado) uso dos recursos narrativos que An Alfaya emprega. Para lograr un discurso moi directo, que chega e toca na fibra sensíbel do lectora ou lectora, porque a autora demostra non só saber seleccionar un tema de interese e necesidade social, senón tamén alicerzar o seu discurso nun bo oficio narrativo que xa non ten porque sorprendernos porque en cada traballo seu é constante.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content