Ciao, Montalbano, ciao

Porxmeyre

28/10/2019

Esoutro día souben da morte de Andrea Camilleri, xa hai uns meses, eu estaba de vacacións e sen conexión a internet. E Camilleri non era calquera. A literatura italiana perdeu o seu último xenio, a literatura europea perde un autor realmente singular. Eu perdo un dos refuxios que a literatura me concedeu a través do comisario Montalbano.

Porque os policías e investigadores das novelas (europeas ou americanas, dá igual) rematan por se parecen moito, por seren case clons un dos outros. E Montalbano era unha das excepcións. Lonxe da violencia que aniña en moitas destas novelas, Montalbano usaba como arma o raciocinio. O raciocinio e un moi bo coñecemento da sociedade siciliana. Ademais de facer gala dunha diplomacia realmente extraordinaria e que comezaba cos seus propios axudantes, na comisaría.

Pero vaiamos por partes. Primeiro temos que falar do grande coñecemento da sociedade siciliana, ou como mínimo da socieade de Porto Empedocle, que na ficción se transforma en Vigáta. Aí hai que incluír desde mafiosos até xente de a pé. E conste que os mafiosos, sobre todo unha familia da que non lembro o nome, pero co capo xa moi mello, profesaban un salientábel respeto por Montalbano e así llo manifeastaban. Iso non quere dicir que fosen menos mafiosos, pero a xente que fai ben o seu oficio merece respeto, cousa que os mafiosos levan moi a gala. E tamén a xente de a pé, dixen. Lembro un caso que parecía non ter solución até que Montalbano decide falar coas veciñas, e faino primeiro gabándolles o ben que cociñan, para así gañar a súa confianza. E, en confianza, esas veciñas rematan dándolle as claves que resolverán o caso. Marabilloume.

Fálase moito da astucia, da sagacidade de Montalbano, e esquécese ese grande coñecemento da sociedade siciliana. Moi inxusto. Por outra banda comparte clixés con outros policías e investigadores. Non se leva nada ben co seu superior, máis político que policía. Tamén ten unha relación moi peculiar co forense, que se repetan aínda que parece que non se poden ver. E é quen de aplicar a lei á súa maneira, mesmo saltándose o procedemento, se fai falta. Lembro un caso en que renuncia e poñer a disposición da xustiza o culpábel, porque ese culpábel fora vítima dunha situación moito peor que a investigada: nesas condicións, poñer o culpábel a disposición da xustiza sería vitimalo dúas veces.

E agora chega a diplomacia. Montalbano é quen de saber moverse en calquera círculo social. Empezando pola porpia comisaría. Cun axudante, Mimi, que é, sendo casado, un casanova impenitente e un policía de pouco talento. Montalbano teno que apartar dos casos, con moita man esquerda para que non se ofenda. Logo está Fazio, máis novo, metódico, eficiente, Montalbano lévase moi ben con el. E despois, Catarella, o recepcionista e telefonista, un home do pobo, que non sabe falar ben italiano e mete moitos sicilianismos, a parte de ter problemas coa porta do despacho de Montalbano, que non a sabe abrir ben. Montalbano ten moita paciencia con el, inocente, que non se sabe expresar ben pero ten moi bo corazón e é un traballador exemplar.

A RAI fixo unha serie que aquí programou a 2, de moito éxito malia que a 2 non é nada fiábel na súa programación. Claro, o caso de Catarella era o máis complicado polos “sicilianismos”, resolvérono facendo del unha personaxe cómica e empática. En italiano, a súa lingua ten un valor engadido, claro. No YouTube poden verse episodios, sobre todo de cando Montalbano era mozo.

Eu recomendo moito, primeiro as novelas, perfectas novelas negras, e tamén a serie. Vigáta é unha cidade pequena, con edificios todos de pedra e de pouca altura. tamén con pouca xente pola rúa, con edificios emblemáticos no seu tempo pero que agora están en franca decadencia. Cemento só nas rúas, nalgunhas rúas. En contacto, moito, co rural. Un rural onde se ven valados, tal como na Galiza que se salvou das concentracións parcelarias 8 que por parcelar chegaron a parcelar un castro). E tamén unha sociedade que estima en moito o aspecto culianrio, aí Montalbano fai honor a quen lle deu o nome (Vázquez Montalbán, credor do Carvalho, outro gastrónomo de primeira, e lector voraz). Ben , tamén hai que dicir que Salvo e Montalbano non nome e apelidos moi fracuentes nesa zona de Italia.

Montalbano conduce un Fiat Tipo, como eu conducín outro utilitario igual, nada deses cochazos das pelis americanas e tamén europeas

Cando necesito descansar desas novelas, policiais ou negras, que repiten personaxes coma clons, boto man de Montalbano. É coma bener auga nunha fonte, as envasadas todas saben máis ou menos iguais.

Camilleri, comunista convencido, non tivo a repercusión que a súa obra merece.

En galego temos dúas traducións. A pensión Eva ( non lembro o traduto ou tradutotora), que é unha pequena xoia literaria onde Camilleri escribe sobre como foi a mocidade naqueles tempos na Segunda Guerra Mundial. Moi humanista e entrañábel. E, tamén en Galaxia, A pista de area, traducida por Carlos Acevedo, xa da serie de Montalbano.

Ciao, Montalbano, até máis ver.

In memoriam Andrea Camilleri.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content