Conversa con ILLA DECEPCIÓN, de Berta Dávila, Galaxia

Porxmeyre

27/01/2021

Cando escribín a crítica da Illa Decepción, ultima novela de Berta Dávila, ficoume un aspecto por comentar a xeito, toda vez que excedía moito a intención da crónicas libresca que escribía. Mais era perfectamente consciente de que, en tendo unha miga de tempo, volvería a ela focalizando a visión desde a perspectiva da metaliteratura, desde a perspectiva que ofrece unha novela que reflexiona intensamente sobre o propio acto de creación. Que é o que vou facer agora, concebindo o presente artigo como unha conversa; unha conversa coa novela que tamén é unha conversa coa autora, unha conversa que me atrae excepcionalmente pois é unha conversa tamén entre dúas xeracións: a de Berta Dávila (1987), unha das autorías de novo cuño mellor preparadas e con máis éxito e recoñecemento, e a miña, a dos que xa peiteamos cabelos brancos e que vivimos o paso da situación de “tolerancia na clandestinidade” en que viviu a Literatura Galega nos derradeiros anos da ditadura franquista…aos esforzos pola vertebración xenérica que se foron desenvovendo precisamente no tempo en que Berta nacía e que representa unha xeración que tivo oportunidade de aprender Lingua e Literatura Galegas no ensino…

Relativo a isto, e porque ten moito que ver co contido do artigo, quero lembrar que Chus Pato se referiu nas redes sociais a esta novela como “un don”. Non vou eu negalo, nin moito menos. Só quero facelo extensivo á escrita de Berta en xeral e á propia autora. Berta Dávila é en si un don para a nosa narrativa, escriba en verso ou prosa ela sabe chegar a quen le com @s elixid@s só son quen de facer. A súa naturalidade para que quen le se sinta atinxido polo texto (repito, tanto ten prosa como verso), porque considero que esa “naturalidade” é un “don”, tampoco debe agachar o traballo sobre o texto que  autora efectúa. Nin moito menos. E deixamos esta facina do poliedro por moito que desaxiariamos continuala, debemos volver á intención inicial destas liñas.

Como é sabido que son moi dado a subliñar mentres leo, os diálogos estableceranse precisamente sobre eses subliñados. Evidentemente prodúcese unha descontextualización, é inevitábel, mais a abstracción tamén a provoca a propia novela cando se volve metaliteraria – e iso acontece case como en ninguna outra, porén non debemos esquecer que esa descontextualización existe e que se trata de reflexións a través da ficción, é moi importante isto.

Imos.

Emprego con coidado cada palabra, coma se as escollese dunha caixa de cereixas do mercado. Apreixo soamente as que me parecen maduras: o lugar, o territorio, a casa. (9)

Velaí un dos segredos do éxito que segue a cada título que publica Berta Dávila, sexa en prosa ou sexa en verso. É moi revelador que diga eu isto, porque o coidado na selección lingüística non se produce sempre, ás veces hai desleixo e otras mesmo reduccionismo lingüístico. Ese mimo na selección das palabras percíbese de maniera case inconsciente mentres se le mais remata por ser unha realidade indiscutíbel en quen le. Unha das características da escrita de Berta que non se debe esquecer. Igual que tampoco se pode pasar por alto o remate, as palabras son, a final, a casa. Isto tense repetido moitas veces, a lingua como casa, ao longo do tempo, mais segue sendo moi necesario lembralo hoxe.

Con todo, eu síntome máis como Alvy Singer, o personaxe que interpreta Woody Allen, permanentemente atormentado coas cousas triviais (11)

Eis outro dos puntos de partida da escrita de Berta Dávila, sexa en prosa ou sexa en verso. E, en definitiva vén sendo un sentimento que nos é familiar a moit@s d@s que a lemos porque tamén o temos experimentado.

Os libros con frecuencia molestan. Poucas veces acompañan. (13)

Comparto plenamente o primeiro postulado, é importante que incomoden para que movan á reflexión e mesmo á acción. E non comparto para nada o segundo, eu son desas persoas que sempre se sente acompañado polas lecturas (boas ou malas) que fixen (e mesmo das que vou facer, xa se sabe, o horizonte de expectativas.)

As rúas constrúen as rutinas e as rutinas constrúen a vida. (20)

Eu non sei se diría “constrúen” mais do que estou convencido é de as rutinas nos confiren seguranza para vivir.

Ás veces, xusto despois de rematar unha novela, semella que aparecen por todas partes cousas que teñen que ver coa novela ou ideas que explican mellor o que ti querías contar. É un fenómeno enigmático. Todos os conceptos, todas as imaxes fermosas que perseguiches durante meses, emerxen agora, cando xa non teñen cabida na trama, cando pensabas que non querías dicir máis nada do que dixeches. (37)

Velaí unha sensación que seguramente partillan moitísimas autorías, cómpre moita prepotencia e arrogancia para pensar ou dubidar se non se puido facer/escribir doutra maneira ou doutra maneira mellor. É unha sensación que ten moito de caos, ao meu ver, e, como diría a poeta brasileira Camila Assad, son “as infinitas posibilidades do caos”

Durante toda a niña vida estiven interesada pola duplicación, pola simetría e pola idea do dobre (50)

Reitero, non esquezamos que estamos conversando sobre unha ficción. Porén, se é aplicábel á autora da novela, é outra cousa como para non esquecer nunca. Por outra banda, isto tamén ten lectura ben suxestiva se entendemos a personaxe, o avatar, como segundo termo ou espello da autoría.

(…) a vida real contra esta, que, aparentemente, non é real  (51)

Quen decía aquilo de que “todo que escribo é real”? Quen decía aquilo de que “todo o que imaxino é real?”

Non me parece que ninguna virtualización da vida sexa máis verdadeira que outra (53)

A literatura como “virtualización da vida”, non sendo tese nova resulta especialmente interesante nun momento no cal, a meu ver, se escribe/escribiu xa demasiada literatura narcótica. A tendencia (e Berta participa de cheo nela) a escribir sobre as propias vivencias, a escrita de “non ficción” creo que debe tomarse como reacción fronte a iso. As “escrivivencias” que diría Conceição Evaristo. De todos xeitos aínda temos que ver até que punto logra triunfar esta tendencia.

Mais, ollo, ningunha é máis verdadeira que outra, e aquí incluímos mesmo as distopías ( e esta novela de Berta ten moito de distopía), mesmo as literaturas narcóticas destinadas a pasar o tempo. Isto merece unha reflexión moito máis fonda do que este diálogo permite.

Na niña última novela perseguín as miñas propias coordenadas, que ignorara obstinadamente durante media vida, debuxei nela un mapa de quen son. Agora busco unha muller da que ignoro todo coma se ela fose facerme algún tipo de revelación tamén sobre min. (57)

Non quero que se esqueza que falamos sobre unha ficción. Porén, xa na crítica que escribin tracei un paralelismo entre esta necesidade de Berta de atopar o seu lugar na HISTORIA (tanto na que é unha sucesiva sucesión de cousas que suceden coma na propia historia que concibe e narra quen escribe) e o que aconteceu con Otero Pedrayo e o seu avatar Solovio. Dá moito para pensar, entre otras cousas pasamos dun autor de situación socioeconómica folgada a unha autora da que seguramente non podo dicir o mesmo (imaxino). E este tránsito de comezos século XX a comezos do século XXI tamén nos leva a pasa dunha autoría masculina a outra femenina, con valores absolutamente diferentes e distantes. Xa digo que dá para moito pensar.

(…) restaurar o que non podo saber pero supoño que existe, seleccionando os pigmentos útiles no labor de completar os ocos que se abren entre os datos que si coñezo e os que non. (58)

Esta reflexión sobre o día a día de quen escribe, lévame outra volta a pensar na ficción como instrumento para encher eses ocos. Non querendo ser exactamente ficción, ese problema resolveuno Suso de Toro (Un señor elegante) na súa ultima novela introducindo reflexión autoriais sobre as personaxes. Dito sexa, por sinal

.

Lembro algunas novelas nas que os personaxes se rebelan contra os autores e saen dos libros para perseguilos pola rúa ou para dicirlles como queren que se escriba o desnvolvemento narrativo das súas vidas, pero ninguna na que sexa a autora quen vai na procura do personaxe (58)

Resulta ben significativa esa persecución das personaxes, di mito de como é e como se escribe a novela. Todos lembramos a Pirandello, aínda que sexa teatro. Porén a min, polo que coñezo de diversas autorías e pola niña propia experiencia, as personaxes á hora da escrita resultan absolutamente claves, tanto como a propia historia que se vai relatar; e a procura de personaxes ricas que termen da historia é unha das obsesións máis común nas autorías, polo que eu sei.

Günter Grass deixou dito aquilo de que “os escritores somos espoliadores de cadáveres” (Escribir nun mundo sen paz), refíndose ás personaxes.

             

Na niña primeira hora na illa entendín que estou xogando a ser unha náufraga que chega a un sitio remoto e constrúe desde cero o lugar, á idea de levanta de novo un mundo habitable en ausencia do mundo que coñecía antes, porque aquí é onde vivo agora (81)

Se trasladamos iso á literatura, eu non o comparto doadamente. Explícome. Non creo que se constrúa unha historia desde cero. A realidade físca do libro é unha cousa, mais a realidade inmaterial da historia que se conta nel é anterior (como proxecto, como soño…) e tampoco se pode dicir que non sexa real (xa vimos)

Tamén nesta vida virtual o meu cometido principal é perseguir a beleza. (82)

E nunca cho pagaremos, @s que te lemos, como mereces, Berta.

Albiscamos un fragmento do que o futuro pode ser, e temos na man o pasado que foi, pero o presente é un limbo indefinido. (…) a narrativa do que estábamos a ser (…) e só nos queda a posibilidade de analizar o que xa pasou e de especular co que pasará. Isto último é un exercicio case literario, e, mesmo entendéndoo así, semella difícil inventar algo, atreverse a avanzar. (85-86).

Volvemos ás “infinitas posibilidades do caos” que é o presente. E á literatura como especulación. E á constatación das dificultades para avanzar, para crear algo novo, entendo, porque a literatura, como todo na vida, avanza a base de rupturas. Inclusive rupturas sen esquecer o que se escribiu antes. Lembremos a Manuel Antonio, ou lembremos a Xela Arias (comezo e final do século XX), por sinal.

(…) como unha intrusa que ten acceso ao pensamento dos demais sen que se estableza unha reciprocidade. (87)

O “voyerismo” das autorías, ese sentimento de ollada ás agachadas sobre as personaxes…sempre está aí.

Como crítico gústame coñecer “dede dentro” as dificultades á hora de compoñer claquera práctica escritutal. Por iso, cando estudei a microficción para o Nin che conto, escribín este microconto que agora vén ao xeito:

Vixíe as súas costas

Deixouse caer no sofá con aquel libro entre as mans. Mercárallo a un traficante de antiguidades que puxera unha escura tenda a poucos metros do portal da súa casa. Entrara  matar o tempo. Por algunha razón, de todo o que alí había era o único que o atraía. Colleuno, acariciouno, sopesouno, uliuno, xa non o soltou para nada.

Parecía vello, non sabería dicir canto. Mentres agardaba polo elevador, nin se lle ocorreu pensar na excesiva suma que viña de pagar por el, quixo oír a música das súas páxinas. Agora, comodamente instalado no sofá, concentrou os ollos na portada, abriuno e, vorazmente, incontrolabelmente, comezou a ler conto tras conto. Mais desde había un bon pedazo permanecía  estático, petrificado. A lectura fora adonándose del, sentía como as palabras saltaban do papel, como os sintagmas se introducían, penetraban os poros da súa pel. Durante un tempo, tivo a sesanción de que era o libro quen o estaba lendo a el, que o estaba explorando; non se importou, eran agradables aquelas cóxegas. Xa contra o remate, comezou a remexerse, a suar, establecérase unha identidade  total entre a vida de fóra e  a de dentro do libro, el era a ponte e el viaxaba pola ponte e estaba chegando á outra beira. Mais non era iso o que o desacougaba daquela maneira. Aquel conto, recoñeecíao,  aquel alterárao. Tratábase de “Continuidade dos parques” de Cortázar, e falaba dun home que le un libro, sentado nun sillón, onde se relata como le escrita a súa propia morte sen poder facer nada por imped”

E por iso, tamén escribo nas fendas do que escribín antes, nas fendas dunha novela previamente concluída, porque é unha maneira xenuina de conversar co pasado. (87)

É unha maneira xenuina de conversar co pasado, efectivamente, e tamén de procurar o lugar propio na HISTORIA (nos termos que xa vimos), que é ese macroproxecto en que resulta a obra de calquera autoría.

Hai que escoller ben as verdades que se cospen dinta da cara dos vulnerables, e non creo que haxa ninguén máis vulnerable que alguén que escribe algo e o entrega a outro para ler. E cando é evidentísimo que un edificio está a piques de caer, non necesario sinalar cales son as gretas que o atravesan de arriba abaixo, senón encontrar alguén que sexa hábil en encontarar as fortalezas dunha armazón insuficiente para que sexan reforzadas con puntasi. (88)

Como crítico que son, comparto plenamente o comezo. As autorías son especialmente vilnerábeis cando comezan a escribir, e, aínda que o resultado non sexa literariamente moi satisfactorio, cómpre ser moi prudente á hoar de cualificar ou de falar do texto. Xa non estou tan seguro de que todas as autorías sexan tan vulnerábeis, por outra banda; ben coñecida é a “vaidade autorial” e ben sabido é que hai autorías que cren que ninguén pode facelo mellor ca eles (poñemos nomes com Umbral ou Cela?). De todos xeitos sempre dixen que non hai libro non que non haxa algo bo, hoxe sei que hai excepcións mais sígoo mantendo.

Podo investir moitas horas imaxinando un mundo e logo amoblándoo antes de saber como quero contar de maneira precisa cada cousa. (…) Estou afeita que a ficción ou os lugares nos que a ficción se desenvove me atrapen. (89)

Velaí a realidade inmaterial do  proxecto narrativo xa comentada, a xénese do que será a realidade material do libro cando o teñamos nas mans. E esa sensación autorial de “estar atrapad@” na ficción, é unha das “drogas” que leva as autorías a non deixar de escribir unha vez que se tomou a primeira dose. E un privilexio, esa vida ou comuñón na ficción, na niña opinión, unha das cousas que máis me marabillan de escribir ficción.

(…) a sensación é a de vivir a través de alguén ou de algo, vivir unha simulación de vida creada por outra persoa. (89)

Pode entenderse como unha sensación tanto das personaxes como proxección da autoría. Pode entenderse como unha sensación da autoría ao sentirse proxectada nas personaxes.

Quería escribir sobre a vulnerabilidade (97)

Tomemos nota. Non é primeira vez que atopamos a vulnerabilidade. Tomemos nota como característica da obra (en prosa ou verso) de Berta Dávila. No remate retomarémolo.

As historias que decidimos compartir repítense case sempre independientemente das sinaturas e dos lugares que visitamos  (107)

Saíbase que na novela está a se falar de postais. Porén resulta aplicábel á literatura. Lévase tanto escrito, a estas alturas, que resulta ben complicado non repetir tema, o diferencial está na forma en que se fai, esa é unha das grandezas da literatura.

Tamén me gustaría que a novela servise para imaxinar outra historia posible ( 118)

Cada lectura é sempre “outra historia posíbel”. De feito, esa é unha das cousas que máis nos levan a abrir os libros (libros que, cando son bos, nunca se pechan, pasa moito cos de Berta, e a moita xente)

Hai un lugar no mundo onde a porta á esperanza está case sempre aberta. E eu vivo nel. (120)

Despois de comentar sobre a vulnerabilidade, resulta unha alegría inmensa ler isto.

Trato de indagar os porqués deste libro e cal é a causa de que algunhas casas me persigan e otras me abandonen.  (121-122)

Impagábel reflexión sobre o acto da escrita. Moi definitorio da autora. Teño constancia de que non todas as autorías farían esta reflexión, tamén hai moitas autorías que escriben “en modo automático”, dun tirón, e non se paran niso. Depende das formas de escribir, porque tamén hai quen escribe, reescribe, pensa e repensa cal é a mellor maneira de dicir as cousas. Isto lévame a pensar no comezo desta conversa.

(…) é tan importante cando se trata de construir o relato de quen somos en función de quen foron os que viñeron antes. (127)

Non vou comentar máis nada do que xa dixen antes. Só engadir o triste que resultaría “perder o camiño dos que nos precederon”, aínda que haxa que modifícalo.

A palabra naufraxio en xaponés tamén significa fracaso. (…) Escribir sobre este naufraxio, desde Illa Decepción, fai tamén destas páxinas un lugar para a franqueza. (132).

Un lugar para a franqueza. Hai cousas que non son doadas de dicir se non é desde a ficción. E tamén houbo tempos en que a franqueza só era posíbel desde a ficción. En todo caso hai que valorizar a posición autorial, a franqueza. Nun mundo tan habituado á mentira ( das que mesmo se fai noticia) resulta reconfortante ler isto, e como tal hai que valorizalo e agradecelo.

No telexornal fálase do ruído cultural e da reducción dese ruído cultural, que ten consecuencias sísmicas.  (135)

Botaría días falando do ruído cultural. Sempre o houbo. Antes era na prensa e no boca a boca dos dixomedíxomes que sempre hai a redor da literatura. Hoxe é nas redes sociais onde máis se percibe, habiendo autorías que son auténtic@s especialistas en xerar ruído con tal de que se fale delas.Enfin.

A literatura é levantar unha illa desde a nada, erguer o relato do que nos pasa para situarnos dentro del. A literatura tamén é recolección. (136)

Disto xa falamos. Na literatura nunca ergue un discurso desde a nada, lembremos o dito sobre a realidade material e inmaterial da historia que se vai contar. Mais covén moito non esquecer a seguda parte, erguer o relato do que nos pasa para situarnos dentro del, por moito que tamén o comentaramos. Finalmente, a literatura como recolección, é un aspecto que comparto plenamente, mais quero sinalar efusivamente que tanto é recolección para quen escribe como para quen le.

E para remate, quero finalizar cunha reflexión sobre a autoficción que me parece que vén omoi ao caso. Se ben con Carrusel se falou abertamente de autoficción, eu quero ver que esa autoficción moi ben se explica desde a pretensión de procurar un lugar na HISTORIA ( tal e como o vimos concebindo). E paréceme importante esa explicación porque nun mundo tan confuso como é o da autoficción, achega un motivo de ser para esta que, polo que eu sei, resulta tan novidoso como ben acaído. A propósito da autoficción téñense dito moitas cousas, aínda que o termo nace en 1977 cando Doubrovski publicou Fils, e téñense proposto (Dóra Faix, por sinal) achegamentos desde a fotografía ou a psicoanálise, a socioloxía ou a música, por sinal. E a este respecto tamén quero lembrar que Ouellette-Michalska xa falou tamén da vulnerabilidade dos corpos, cousa que Berta recolle tamén. Mais este da autoficción é un mundo nada claro, e non perdamos o fío.

Porque falo agora de autoficción cando en Carrusel era máis obvio? Pois porque me parece, teño a impresión de que aquí algo tamén hai, e falo desde esa impresión que será ela quen determine até que punto chega, se a hai. A min paréceme que o que haxa dela é unha maneira de balizar a ficción nos lindes da existencia real da escritora -e podemos engadir que nos termos antes propostos, porque resultan moi trascendentes. A propósito da autoficción tense falado desde a morte da novela (outra vez máis, e son máis de 30 veces que se ten anunciado) até unha redefinición do pacto lector redefinindo conceptos como verosemellanza e veracidade, mesmo se ten falado tamén de autodestrución. A propósito disto lembremos aquilo que lin dun escritor portugués (hai case 40 anos, dismúlenme que non lembre o nome) no Jornal de Letras, Artes e Ideias: “ o escritor, mentres escribe, vaise escribindo”. E paremos aí, porque a escrita de Berta Dávila é todo o contrario á autodestrución (Houllebeck, por sinal) porque non hai ningún tipo de humillación da personaxe, todo o contrario. Tamén se ten posto en cuestión a ética de entregar ao aeido público as vidas de xentes que conforman o ámbito vital da autoría. E tamén, tamén, Berta Dávila ten moito coidado con isto.

En realidade, Berta, con esa explicación/intención de “procurar un lugar na HISTORIA” está dando a explicación máis convincente que coñezo para existencia da chamada autoficción (nótese que nin quixen  mentar o “novo xornalismo” de Capote) e, outra cousa aínda, por moi atrás que se queira retroceder no eido da autoficción (e pódese moito) nomes de muller na autoficción non dou enxergado ningún, o que tamén é de ter en conta

E máis nada. Deica aquí chegou esta conversa, que pola niña banda, considero ben agradábel.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content