a propósito de NOTAS SOBRE A EXTINCIÓN, de Marta Dacosta, en Galaxia

Porxmeyre

15/09/2021

a propósto das NOTAS SOBRE A EXTINCIÓN, de Marta Dacosta, en Galaxia.

Tíulo: Notas sobre a extinción´

Autora: Marta Dacosta

Editorial: Galaxia

“A paisaxe é unha forma de vída en Galicia. Tanto que a ninguén se lle ocorre negalo. Mais a paisaxe galega é tamén unha forma de morte. Porque todo está alí morrendo, que é unha forma de volver vivir”. Así comezaba o arxentino Victor Luís Molinari o seu Itinerario, aló polo 1958, primiero libro édito en Follas Novas ( de Anisia Miranda  e Neira Vilas), con ilustracións de Laxeiro e prólogo se Suárez Picallo. E a min non se me ocorre mellor maneira de comezar estas liñas sobre o último poemario de Marta Dacosta. Pola mensaxe que transmiten sobre a paisaxe, que vai para alén do que é a natureza, como tamén aquí sucede. Por esa mención á morte, que vén sendo algo ben semellante á extinción. E tamén porque o propio título do libro describe ben o que se atopa en Notas sobre a extinción, un itinerario non definido previamente, sobre o impacto do exterior, e maiormente da natureza, no mundo cognitivo ( e tamén afectivo ) da voz poética; e tamén un itinerrio que a voz poética propón sobre o seu evoluír poético, racional e sentimental a partir da contemplación do que a vida lle pon diante dos ollos e a conmove. Que son dúas cousas diferentes por moito que parezan a mesma..

Acabamos de mencionat outras dúas palabras clave. Contemplación e conmoción. A contemplación porque ese é o estado de ánimo que preside o poemario. Unha contemplación activa, aínda que a propia palabra queira levarnos a pensar na pasividade, porque a voz poética séntese atinxida e escribe con intención de conmover a quen le. Admitimos que a conmoción lectora é algo común en quen le literatura. Mais neste caso ten unha significación especial. Explícome. O estado contemplativo desde o que se escribe o haiku, absolutamente decisivo á hora de falar do poemario de Marta Dacosta, conleva unha dose innegábel de impersoalidade e nela se manifesta adoito, feito que incrementa a dificultade de crear textos que emocionen, en tres liñas e 17 sílabas, porque a dificultade aí é máxima.. Tamén é certo que Taneda Santoka, o primiero dos dous haikistas mentados no inicio o do poemario, foi autor de haikus libres, á marxe da rixidez do xénero. Precisamente o libro de Marta Dacosta está trufado de haikus que en oito veces se manifestan agrupados, de tres en tres maioritariamente mais o número varía, na mesma páxina. Poden comezar como haikus clásicos, mais rematan por expresarse desde a liberdade. Poderían ir de un en un, mais este feito de agrupalos é unha boa maneira de chamara a atención sobre a súa importancia. E á par dos haikus e moi conectado co seu espírito, hai que falar do neovirxilianismo que percorre as súas páxinas e que non hai que esforzarse demasiado para atopar como elo ininterrompido ao longo da nosa historia lírica. Noriega Varela tamén está presente.

                     Todo isto leva a que o que primeiro impacta en quen le, é a soidade desde a que se manifesta a voz poética. Unh avoz poética contemplativa que ten no universo natural o seu foco preferente de atención. Un universo natural que ás veces é indómito, como o mar, mais moitas outras maniféstase como natureza póxima, como por sinal son as árbores frutais. Esa soidade mantense inclusive cando se fai referencia á actividadfe humana, e hai veces, algunhas, que nin a terceira persoa enunciativa dá evitado. Con todo, segundo se avanaza na lectura, esa soidade (acompañada das nocións de frío, de brétema, de néboa, de labirinto tamén…) irá se diluír, haberá unha breve aparición da euforia, xurdirán preguntas indicativas dunha posterior reacción, que se materializará na desobediencia e na estimanza da palabra, da palabra galega (Manuel María tamén prersente) como áncora que evite  a nosa deriva perdida polo mundo.

                     Eis un poemario longo, case 170 páxinas, nacido da contemplación reflexiva e emotiva, nunca pasiva, que deixa textos dunha beleza que conmove, pois velaí está o segredo do haiku, a conmoción mediante a beleza. Un poemario desacostumadamente extenso que, porén, chama para unha lectura demorada, demorada e cómplice, complicidade que se procura desde os primeiros poemas, que, na vertixe que impón o mundo actual, é síntoma e sinal de rebeldía, tanto na exprersión poética como na actitude lectora.

                     Lean. Lean. E crean. Pois ás veces parece que a poesía non é máis que o subxectivismo en palabras. E non sempre é así, e aínda que o sexa non por iso é menos digno de credibilidade. Lean e crean. Marta Dacosta non é Deus nin Deusa. Moito mellor, é humana, coma vostede e coma min, por iso ten mái valor a súa palabra. Cada poema como unha oración construída de versículos, intelixencia, emoción, reflexividade. Sobrevivirannos o mar e os regatos, as maceiras e as casas en ruínas, sobrevivirán o paso do tempo. Mais nós estamos aquí, agora, debaixo dos planetas. Resulta lóxica a soidade da voz poética, entre tanta inmensidade, ás veces fría e metálica, outras veces mediodías ardentes. Mais ten a palabra. E demanda a súa colaboración lectora desde o inicio, xa lles dixen. Malia a despersonalización que tantas veces implica esta actitude contemplativa, describe e interpreta e transmite e volverá ser alguén máis entre tod@s no itinerario da vida.

                     Lean e crean.

a lingua

coma unha illa aboiando na desmemoria

unha balea de tenrura en que calagarmos

contra o tempo

                     A palabra. As nosas palabras. O noso xeito de vivir. Entre o antes e o mañá, nós e as nosas palabras. Eternas. Lean. Crean. Actúen.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content