30 anos non son nada. Algunhas cousas que me preocupan da literatura actual.

Porxmeyre

26/11/2018

 

Un día destes fixo trinta anos que comecei a escribir crítica literaria. Debo ser o crítico de novidades máis veterano en activo. Nun principio non tiña pensado nada especial co gallo. Mais o paso do tempo foi depositando en min unha serie de reflexións que quero compartir con todos porque me parece que dan unha idea bastante cabal, para min preocupante, da literatura galega, mesmo da cultura galega. E alá vou.

Hai trinta anos aterrei nunha literatura que estaba espertando despois dun sono de séculos, estaba por fin a vertebrarse nun tempo en que a “liberdade” parecía permitirllo. Despois confirmaríase que esa “liberdade” non era máis que a ilusión de ter rematado cunha ditadura de corenta anos, e o pasar do tempo dexou unha imaxe da literatura galega a medio vertebrar, ou vertebrada minimamente como se lle permitiu a unha literatura periférica. Parece que só funciona un xénero, a narrativa. A poesía, malia a súa recoñecida calidade, sobrevive refuxiada sobre todo en moitas editoras pequenas ( que fan un traballo encomiábel) e recibindo premios pequenos que non se corresponden coa calidade literaria que demostran, iso, si, non foi abandonada polas casas grandes, que algúns títulos ao ano seguen sacando. E o teatro ten multitude de problemas para verse édito. Cousa que nunca entenderei ben, porque é o xénero máis dinámico de todos e debería ser moi atractivo para o lectorado. E aínda sobrevive o ensaio, miren vostedes. En fin, dixen que parece que só funciona un xénero, a narrativa, e non me desdigo, porén máis adiante terei que matizar este aserto, seguro. O que non podo deixar de dicir é que se aterrei nunha literatura que estaba “renacendo”, reabrindo os ollos, e había que ter coidado porque nos primeiros pasos adóitase caer algunha vez, hoxe atópome facendo parte dunha litertura que é a máis combatida da Península. Non esaxero nada. Tanto Euskadi, como Catalunya, como Madrid e Lisboa coidan moito máis as súas expresións literarias, procuran axudar ou polo menos non lles poñen pedras no camiño, que xa é bastante, tristemente. Mais a literatura galega ten que sobrevir non só abandonada pola Administración que debía fomentala, a Xunta de Galicia, senón mesmo combatida por un Partido Popular que, a pouco que lle dea por aí, combate enerxicamente unha expresión  literaria que debería facer súa, defender e apoiar. Mais non, tenlle un odio atroz e afánase en combatela canto pode. Primeiro restrinxindo canto pode todo aquilo que poida significar unha axuda para a litertura galega, que redunde no seu beneficio. Non me vou esforzar en rememorar exemplos, son ben coñecidos por todos, simplemente apuntar algún porque tampoco quero quedar calado. A Xunta procurou que a literatura galega non participara nas grandes feiras internacionais, fixo todo canto puido para evitalo, suponse que temos que ser unha cousa pequena, de andar pola casa, e non podemos ir por aí do brazo doutras literaturas nacionais. Iso é o que lles doe, que é unha literatura nacional, identitaria, e iso sempre o combateron. A Xunta procurou que a literatura galega sexa a menos subvencionada da Península, obrigouna a competir en desavantaxe nun mercado copado polas grandes editoras, transnacionais, en lingua castelá. Ollen vostedes os trinques das librarías, os espazos que ofrecen están “vendidos” a grandes editoras en castelán, o espazo reservado á literatura galega é mínimo ou non existe. Isto era así cando a literatura galega “renacía” e é así hoxe, mais moito peor porque aquelas axudiñas que fora colleitando fóronlle retiradas mentres era abandonada nun mercado controlado pola expresión castelá. Sempre coa excepción deses exemplos que son as librarías que se dedican fundamentalmente a traballar o libro galego. Toda a honra do mundo, merecen un monumento. E non vou continuar, todos coñecemos esta situación, xa dixen. Lonxe quedan os tempos en que Fraga, si, Fraga, sacaba peito cando premiaban a Manuel Rivas por Que me queres, amor? co Nacional de Narrativa e fachendeaba do moito que progresara a edición en galego.  O de Fraga foi o único achegamento  do PP á literatura galega que lembro, unha literatura que, por certo, tampouco os trata tan mal, para nada os trata mal, mais diso habemos volver falar.

Vistos desde hoxe, eran tempos case de euforia. Porque hoxe o sector editorial galego sofre, está en crise. Mentres desde San Caetano se reza para que defuncione dunha vez. Non se trata dun sector industrial calquera, por iso se lle poñen pexas en lugar de axudar. É un sector industrial estratéxico para Galiza, mais iso importa pouco porque se trata precisamente dun sector identitario, ou mellor dito, dunha voz desde a cal se reclama a identidade de Galiza como nación. Non é a única, mais si a máis constante no tempo. E mentres, que pasa aquí? Agás Manolo Bragado, a quen lle teño lido textos denunciando a situación, o resto é silencio. Escribo rápido e de memoria, igual hai algunha maís. Parece como se a literatura galega achara unha zona de confort que se resiste a abandonar, é coma se este non fora tempo de polémicas, coma se o tempo das dialécticas pasara. Outras voces que teño lido/oído son as de Manuel Veiga ou Carlos Lema. Mais todo quedou en algo puntual afogado polo tempo. A zona de confort imponse e iso preocúpame polo que leva consigo de desactivación. Mentres non muden as cousas (políticas, sobre todo) a cultura galega, e a literatura dentro dela, teñen que ser de resistencia, resistencia fronte á asimilación, desde o momento en que deixe de ser resistente poderase ir escribindo o seu epitafio.

A asimilación na Galiza leva nomes propios. Fundamentalmente Partido Popular, mais tamén concorre axuda dun PSOE que non se aclara. De momento, despois veremos se se suman Ciudadanos e Vox, agardemos que nunca salten a San Caetano. E iso que xa dixen que a literatura, a cultura, galega non os trata nada mal. Moito menos do que merecerían. Sigo agardando que a literatura galega trate por fin o gran tema destas décadas ( de sempre, se podería dicir): o proceso de substitución da cultura galega pola castelá. A lingua secreta de Xesús Gonzáles Gómez, A Comedia bífida de Níñez Singala, Pelos na lingua de Talía Teatro ou O país adormentado de Xabier P. Docampo poden ser as primeiras pedras sobre as que se alicercen obras que traten un asunto moi poliédrico e importante. Primeiras pedras. Eles tentárono mais o edificio segue sen construírse. Parece que a literatura galega renunciou a este realismo denunciador e reivindicativo. Velaí está o caso da lingua e como o PP teima en erradicar o galego da Galiza. Mentindo cantas veces cumpra para axeitar a realidade ás súas pretensións, estratexia política que conta coa complicidade estatal de Ciudadanos, como recentemente vimos co caso Cantó. Mais a lingua non é o único caso. Todo o que sexa cultura galega estorba ao seu proxecto imperialista. Sobran exemplos sen mentarmos a lingua. Desde o caso Sargadelos até o máis recente do Diario Cultural, por poñer algúns casos. Teño ganas de falar deses dous casos. No caso Sargadelos permitiuse, e celebrouse, que unha empresa privada deturpara todo o seu emblematismo, que o negocio asoballara un proxecto cultural que deixou de selo para ser só negocio. No cao do Diario Cultural fragmentouse en cachiños pequenos perdidos na grella de programación da Radio Galega de maneira que sexa imposíbel case seguilo. E o máis triste é que axiña atoparon colaboradores neste operativo destrutor. Ou aprendemos a defendernos todos xuntos, porque defendemos UNHA cultura e non voces independentes, ou vaiamos redactando o epitafio. O que pasou co Diario Cultural xa pasara co Xabarín ou con Aberto por Reformas ou co Planeta Furancho. Sen saír do audiovisual. Por exemplo. Esta é a verdadeira política cultural do PP. O que fan en San Caetano é disimular e que o tempo vaia pasando sen atender realmente á cultura galega. Loitando contra ela, esmigallándoa sabendo que a nosa resposta, a dos comprometidos coa cultura galega, non vai pasar dun triste lamento. Sobre todo triste-

Este debera ser un escrito de celebración. Non o esquezo. Mais agora paréceme que 30 anos non son nada. É coma se en 30 anos non se fixera nada. Seguimos sigual. Coa casa a medio construír. Medio derruída. E os que non queren que a construamos son os mesmos. E nós seguimos a xogar eternamente a mesma partida, perdendo sempre contra as mesmas trampas e malas artes do inimigo. Non aprendemos.

Podo dicir que, pola miña parte, estes trinta anos que levo vivindo a literatura galega como observador privilexiado, non fan senón encherme de forzas para seguir na loita. Porque son observador e protagonista. Só un crítico literario, mira ti que cousa. É o que escollín ser, o meu contributo, humilde, sincero e constante. Moi consciente do papel da crítica de novidades como divulgadora nun escenario no cal a cultura castelá esmaga á galega, que ten que botar man do que sexa para manifestarse, e como sexa, para seguir dicindo “aínda estou viva, mirade”.

Mais todas as forzas que me prestan estes 30 anos non esvaecen os meus temores con respecto á literatura.

Máis dunha vez teño lido orixinais traducidos do castelán con bastante cara dura e ínfimo disimulo. Afortunadamente non tiñan calidade, non saíron á luz.

É urxente procurar novos lectores. Lectores procedentes da literatura en castelán. Por iso lles temo ás traducións. Os autores galegos que máis venden logo son traducidos ou se autotraducen ao castelán. Deixan de ser autores galegos para seren autores españois que escriben en galego orixinalmente. Non sei se se decatan da diferenza. En todo caso os lectores en castelán agardan polas traducións indisimuladamente, non se atreven a ler en galego aínda que haxa autores que deliberadamente escriben de xeito que o lector non teña que usar dicionario, que se autolimitan expresivamente con tal de vender! Pois eu xa boto de menos ter que botar man do dicionario cando leo, porque sei que así aprendo!

Antes dixen que a novela parece ser o único xénero que funciona. Sobre todo se é novela que funcione tamén ensino. Os autores sábeno e hainos que se deixan condicionar á mantenta, mais non escriben textos onde se denuncie a situación da cultura galega senón produtos para pasar o tempo. Digo isto a sabendas de que ler en galego o considero un acto reivindicativo, xa vimos que este realismo foi desbotado pola literatura galega.

Tamén corre o perigo de converterse en cemiterio onde acaben recalando autores que a literatura castelá non considerou aptos. Xa pasou. E a literatura galega parabenizounos coa triste connivencia activa de parte da crítca. Repito que xa pasou, desde Alfredo Conde a hoxe.

Mais aínda seguimos aquí 
a aturar tempestades de sal,
resistindo a violencia de mans
desas serpes e cans que nos queren calar.
(Sés)

Si, aínda seguimos aquí e se aínda seguimos aquí é grazas a que a maioría de autores da literatura galega sentiron e senten o feito de contribuíren ao seu desenvolvemento como un acto de militancia reivindicativa cultural e política. Porén, co tempo andado, nos novos autores xa non se se percibe tanto esa militancia. Hainos que escriben en galego porque é unha posibilidade máis, como poderían facelo en inglés ou chinés. E preocúpame. Cando perdamos a reivindicación vaiámonos preparando para o nicho. Vénseme isto á cabeza cando vexo nomes de autores que asinan en castelán, que xa vai habendo, que desprezan a onomástica gaelga. Xa sei que Otero Pedrayo ou Novoneyra non deron exemplo, eran outros tempos. E lembro entón o exemplo de Xabier P. Do Campo. Xabier P(uente) Do Campo. Exemplo de compromiso coa lingua, coa literatura e cultura, co país, o do Xabier, mestre. Ata onde están dispostos a se comprometer estes novos autores, ou só fan literatura por facer? (Ah, por se há caso, o meu Eyré non está castelanizado, senón afrancesado e reivindica unha parte dura da miña historia familiar, o meso Eiré está semiafracesado pola mesma razón, o orixinario é Eire). Xa sei, o grao de compromiso é moi variábel inclusive entre os que os que asinan con nome e apelidos non deturpados. Pero é que xa vivimos unha tentativa de desvincular literatura e política, nos anos 80 do pasado século sobre todo. Cando ningunha literatura do mundo vive allea á política. Ningunha. O que non pode ser é escribir só literatura política, iso é un empobrecemento claro.

Si, os problemas da literatura galega tamén son os problemas do libro en xeral, da lectura en xeral. España foi secularmente un estado que viviu de costas e contra a lectura. E non se recupera tanto tempo perdido en varias décadas. Son consciente de que por moito que debatamos non imos solucionar este problema. Nin se trata de debater por debater. Mais necesitamos sentirnos vivos, activos. E tamén, porque non dicilo, vixilantes. Politicamente quérennos mudos, inexistentes. Estorbamos. Temos que ser conscientes e responder conscientemente de que a resposta non pode ser unicamente literaria, que de por si xa é para ter en conta, mais necesita tamén ser política. Non podemos seguir poñendo a outra meixela decote. Mexan por nós, que non chove.

            E imos rematando, que isto debera ser un escrito de celebración; tampouco imos dar conta de toda a problemática da literatura galega nunhas liñas…

 

Porxmeyre

Un comentario sobre «30 anos non son nada. Algunhas cousas que me preocupan da literatura actual.»
  1. Umha das carências que temos tem a ver com as exotraduções: é preciso um compromisso do governo para o impulso e a divulgação das traduções da literatura galega. Atualmente só se presta um pouco de atençom às traduções para o inglês, de maneira que aquel abano de línguas a que eram traduzidas algumhas obras até hai alguns anos está drasticamente reduzido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content