unha lectura de ROMPE (Manuel López Rodríguez)

Porxmeyre

28/08/2020

Título: Rompe  

Autor: Manuel López Rodríguez

Editorial: Urutau

Desde hai anos, e eu duría que é unha retrospectiva ampliábel bestantemente, paiara sobre a literatura galega en conxunto, mais sobre todo sobre a poesía, algo parecido ao que eu teño denominado “soidade do heroe sen guerra/loita”. Especialmente é visíbel na poesía, e especialmente este ano, no que xa lemos A guerra era contra nós (Xerais) onde aobservamos algo asimilábel ao que vimos de dicir, e tamén imos escribir. Este tipo de “soidade” é a propia dunha conciencia socialmente preocupada e que non atopa nesa sociedade canles que lle permitan expresar e vivir de forma produtiva as súas angueiras conducentes a unha sociedade diferente, máis xusta, que, se falamos da sociedade galega, inclúe a “cuestión da lingua” e tamén o problema político derivado de sermos unha periférica colonia desprovista do poder de decidir por ela mesma o seu futuro e presente (a actualidade política, na cal o presidente da Xunta delega en Madrid a loita conta a covid-19, teima en ofrecernos acaído exemplo).

                     Ben, esta “soidade” caracteriza, na nosa opinión, un novo tipo de existencialismo. As preguntas típicas, “quen son eu?, “que fago aquí?, “para que serve a miña vida”, “cara a aonde vai o meu futuro”, expresadas como foron en primeira persoa deben entenderse nun “nós” inclusivo que apunta á sociedade (galega) en xeral, e mesmo a un deterninado tipo de persoas que comparten unha ideoloxía social común ou ideoloxías asimilábeis. Son as preguntas típicas do existencialismo do século XX, porén o existencialismo como preocupación literaria non se esgota recorrendo aos títulos típicos (tamén) dun Camus, por exemplo; e é unha angueira que se vén ollando intemporalmente na poesía (porque a poesía, tantas veces, nace desas mesmas preguntas) e, de querermos un exemplo evidente velaí está Shakespeare co seu “to be, or no to be”. Falamos de existencialismo e é inxusto se non mentamos ao seu carón o humanismo, porque hai unha compoñente humanística moi clara nesas angueiras. Existe unha preocupación individual, si, evidentemente, e vese na voz poética, mais tamén é unha preocupación que abrangue a sociedade, porque a voz poética só é unha parte e esa parte entende e sabe que a súa loita ou preocupación non se esgota na individualidade porque morrería axiña, ten que atinxir a sociedade enteira (ou polo menos unha parte significativa) para que esa loita sexa realmente produtiva.

                     Nestas, non é de estrañar que Manuel López Rodríguez comece este seu novo poemario, Rompe, recuperando a verticalidade, e con ela a capacidade para observar de redor. Nin que contemple destrución, ou desoloación (termo moi importante que despois aparecerá), e silencio, e bote en falta a “necesidade do ti”, de alguén que acompañe, mesmo desde o amor. Porén o mundo en ruínas, segue aí, coa conseguinte quebra dos soños (outro concepto de extrema importancia) que produce unha melancólica ansiedade, ao contemplar unha paisaxe de “terra seca”, de “voz roubada”, de “asfalto sepultando as flores” e xeriátrico como espectativa, esa é a realidade. Ese é o silencio. Ese tamén é o futuro, o óxido, que esixe un “cambio de derrota”, “non imos escribir sempre do mesmo xeito (despois tratarei o tema formal)”. Escribir como resistencia, como arma (tamén moi importante), fronte á erosión que sufrimos como colectividade ( o tempo destrúe todo, e non só fisicamente, materialmente) e á erosión que precisamos como alicerce dun futuro alternativo  a esa “selva” na que vivimos (concepto que hai que entender ao carón do mundo en ruínas, da soidade, da terra seca, do asfalto asasino). Neste contexto, a simple presencia do “ti”, como reforzo, mesmo como camaradaxe alén da pel con pel, pode non ser suficiente e que a voz poética continúe a sentir inseguranza, desolación, frustración, contra as que hai que loitar e que se sente como un mundo “que xa  non nos pertence”, non que non se quere sentir incluída , é necearia unha revolución, mais esta nunca é produtiva se é individual, porque sobre o acadado vén a auga do mar ( é un poemario tamén bastante mariñeiro) e dilúe todo, deixando as feridas, as feridas e o delirio ( outros dous conceptos moi importantes). Por iso tampouco é de estrañar que esta primeira parte remate cun poema acusatorio.

                     Esta foi a primeira parte, e máis extensa e diría que máis importante, das catro do poemario, que continúa cunha segunda na que retorna “o concreto desacougante”, a insatisfacción…e, visto o visto, a imperiosa necesidade de loitar, mesmo indo contracorrente  entre toda a desolación que nos rodea. Só hai nesta parte, dous poemas, e o segundo recolle a “cuestión da lingua”, que non deixa de ser unha problemática  importantísma, xa non só desde o eido político ou social senón tamén da lingua como conformadora dunha forma de pensar.

                     A terceira parte comeza con alusións á vellez (o futuro, o pasado?) e á mocidade, a camaradaxe e mesmo o amor, mais sempre desde o precipicio do cotián. Si, pódese sentir pracer, e compartilo, mais a desolación continuará aí fóra, rodeándonos, afogándonos. De aí a dolor do desprezo polos que viven a vida inútil, esa unanimidade que só pensa no individualismo e na satisfacción inmedita e consumista. É moi difícil, é imposíbel non sentir, outra volta, a soidade, a frustración, a tristura (non perdan a alusión ao “lugar do incenso”), que nin a lembranza “das palabras esquecidas” salva, de xeito que a voz poética remata por se considerar como un labirinto, é máis, engadimos nós, como a cegeuria dun labirinto. Nestas, tampouco é de estrañar que o poemario conclúa, na cuarta parte, con alusións a un corazón esnaquizado, a delirios ( a soidade outra volta, os delirios adoitan ser sintomatoloxía súa), ou a necesidade de “incendio” nun contexto  no que “nos prohibiron as cadencias”, no que nos engaiolaron individualmente.

                     Nomes importantes (tanto desde o  punto de vista do contido como da expresión) que figuran no poemario, son os do multifacético Guy Debord, Raimabud, Calderón de la Barca, Kavafis ou Pavese. Alen diso tamén atopamos ecos manuelantonianos e a noción de “desolación” está moi próxima da “devastación” (por exemplo en Chus Pato).

                     Formalmente, no poemario de Manuel López Rodríguez percíbese a obsesión do ourive da palabra, o ourive do verso, resultando cada palabra, cada verso, cada estrofa, cada poema da loita intransixente en procura da beleza, unha loita que vai desde a sílaba precisa, desde a palabra xusta, ao verso que ten que quedar redondo, pleno, porque só así se concibe a totalidade do poema. Un formalismo dos nosos días, que é consciente da dimensión sonora, rítmica, e física do verso e do poema na folla en branco. E, como tal bota man dos recursos precisos que cada instante  poético demanda, desde o verso partido ( e usamos esta palabra moi conscientemente, en lugar doutra máis clásica), ao verso pleno sen máis mesura que o seu  propio contido, de xeito que o poema sempre é un produto escofinado que brilla e salienta o que ten que ser destaque, ou inclusive o xogo perspectivesco que demanda a escisión da propia voz poética para contemplar(se).

                     A poesía, o poema, esa alfaia verbal.

                     A poesía, o poema, esa patada nos fuciños da razón.

                     A poesía, o poema, esa procura, esa loita.

ASDO.: Xosé M. Eyré                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                    

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido