SACO OLIVAS DO TARRO
e o teu ollar aloumíñame.
Esfollo a leituga co nervio
da túa man. Esmago o tomate
co teu alento. Pico dentes
de allo até as túas dedas.
No bater dos ovos brincan coxas.
A fervura nas patacas alza
a tapadeira do meu desexo;
aparto o pucheiro, baixo
a laparada e o teu peito
rózame na anchura das costas.
Ao xantar lémbrote enteira.
…………………………………………………………………..
COMA NUN FILME
fundimos en branco
mentres dou un paseo
na túa escuridade.
Pérdome ata que
co peito me colmas
de gloria lembrada
que teimo en rescatar.
Rescatar é coller
nas propias mans
aquilo que queres.
………………………………………………………………………
FÚRAME COS OLLOS,
Debúllame coas mans,
esfólame cos pés,
esgótame coa boca,
estrágame cos dentes,
derréteme coa lingua,
prémeme coas tetas,
núbrame co ventre
e afógame co bombeo
do sangue no escuro
e cos latexos mortos.