MUNDOS EN CONTRA
Título: Deixádenos remar
Autora: Ana Cabaleiro
Editorial: Xerais
Hei de comezar reflectindo que ese título leva acompañándome os últimos 22 anos, na forma dunha pintada que lía nunha esquina de Esteiro cada vez que pasaba por alí, e facíao a miúdo. Sempre me resultou fondamente e evocador, nunca preguntei a que conflito remitía, en parte xa o imaxinaba sabendo a importancia do remo naquela parroquia muradá. Porque cando alguén rema pode que o faga cun determinado destino, ou non, pode que remar sexa o propósito que se persegue; remar, adentrarse e viaxar polo mar nunha embarcación na cal sumamos o noso esforzo a outros que coadxuvan co mesmo fin. É clásica a metáfora do mar como símbolo da vida, mais neste caso ten moito que ver con ela, pois remar é o mesmo que navegar pola vida, de xeito que o título se converte nunha reivindicación tanto da liberdade como, irémolo vendo segundo lemos, do xeito que a xente escolle para facelo.
Escolle? Realmente a xente pode escoller o modo en que vive? Esa é unha pregunta moi fonda. Aínda que pertinente, moi pertinente nesta lectura, a reivindicación non é tanto da forma de vida escollida ou non como da forma de vida que a xente vai construíndo nesa loita diaria que é vivir. No caso desta novela de Ana Cabaleiro, o que desata a reivindicación é o levantamento dunha urbanización nun arrabalde dunha cidade que se pode identificar como Santiago de Compostela. Entón chocan dous mundos ben diferentes. O caótico, se se quer (porque tantas veces é así) e tamén persoal modo habitacional do arrabalde, e cando dicimos persoal queremos indicar que nos arrabaldes as edificacións obedecen máis ás preferencias ou posibilidades de construción da xente humilde…que á planificación e uniformidade representada pola urbanización de chalés acaroados. Este é o conflito ao cal Ana Cabaleiro dá voz a través das personaxes que teñen que enfrontalo día a día, mediante monólogos. Monólogos interiores que cumpren ben a función de transmitirnos tanto a sensibilidade propia de cada personaxe como a de facer progresar a lectura con interese. Neste caso, a variedade de personaxes alicerza unha novela coral que permite puntos de vista particulares tecedores de biografías esforzadas, traballadoras e humildes e diferentes. Monólogos interiores é a definición que tradicionalmente se lles dá a este tipo de escritas. Porén eu penso que están máis concebidos como diálogos con quen le, si, diálogos nacidos da ansia da autora por comunicar con quen le desde a voz de cada personaxe.
Certamente, a lingua igual se podería mellorar, algún calco semántico do castelán vimos na fraseoloxía, porén tamén compre ter en conta que o rexistro lingüístico é coloquial (iso tamén podería ser unha oportunidade para que o léxico fora máis variado) e cumpre ben a función encomendada de proporcionar unha lectura áxil, efecto que a autora procura xuntamente co de manter o interese lector. Interese que, xa escribimos, se mantén sen fisuras en boa parte debido a unha estrutura de voces alternantes moi estudada, pois á vez nos vai movendo non só polas diferente sensibilidades senón tamén polos diferentes lugares que conforman o arrabalde, de modo que teñamos unha visión o máis completa posíbel dese cosmos particular.
Non o dixen aínda, mais as protagonistas son mulleres. Por se alguén o precisa saber indicámolo agora, aínda que, a estas alturas, nin pode sorprender nin tampouco debe importar porque que as personaxes sexan masculinas ou femininas literariamente é indiferente salvo para aquelas persoas que gustan especialmente das personaxes femininas.
Obviamente a novela de Ana Cabaleiro está na moda de discursos que tratan de reproducir o día a día cotián, preferibelmente desde voces en primeira persoa. É dicir, o universo inmediato que nos envolve. Un tipo de realismo humanitarista que ten, nesas voces en primeira persoa, tanto a virtude (é máis doado empatizar con ela) como a fronteira (fenómenos sociais de maior alcance fican fóra). Quero salientar este tipo de “humanitarismo do eu e do cotián” porque me parece resposta a unha sociedade na que priman as masificacións, dentro das cales o individual tende a desaparecer ou ficar minimizado como partículas perdidas no caos totalitario. A este respecto non cómpre esquecer grupo abeliano, de Cid Cabido, alló polo 1999, que xa avisaba desta situación á que agora o relato individual do cotián trata de facer fronte. Non é, o de CId Cabido, o único caso, por sinal, tamén se debería entender o Males de cabeza (2001, Fran Alonso) no mesmo sentido..
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)