sobre o Diairo Cultural

Porxmeyre

09/05/2018

Normalmente os mércores adicámolos á edición crítica, mais a actualidade fai que esta semana a adiemos ao xoves e falemos da eliminación da grella da Radio Galega dun programa senlleiro como é o Diario Cultural, todo un referente a nivel europeo na información cultural que se nos vai, que o matan ben matado. O Diario Cultural tiña sobrevivido a un bo número de gobernos do PP, iso si, illado na franxa de sobremesa. Que é o que sucede agora, logo, para que decidan prescindir del, eliminalo? En primeiro lugar cómpre falar das formas, desaparece o Diario Cultural tal e como o coñecemos, mais din que van aumentar a información cultural. Esa é a escusa, desta vez, polo menos haina, non como cando foi caso de Aberto por Reformas. Porén, incrementar o tempo dedicado á cultura non tiña porque significar a desaparición do Diario Cultural, nin moito menos, que acontece entón?

Moi simple. Estamos gobernados por xente que odia a cultura galega. É un odio político, non poden aturar que a cultura galega signifique a existencia dunha realidade política diferenciada e propia. Como axentes colonizadores que son, o seu é a cultura madrileñí e todo  o que non sexa cultura madrileñí non serve, é malo para España. E aínda teñen a cara de presentarse como salvadores do galego e a súa cultura. Isto significa que a desaparición do Diario Cultural é unha decisión política. Igual que todas as iniciativas que se tomaron contra a lingua galega, o trilingüísmo e toda esa patulea. E cómpre que aqueles políticos implicados coa  cultura galega, é dicir: os nacionalistas e algún máis, así llelo fagan ver aos galegos e galegas. Están despedazando Galiza a cachos, comezando pola súa cultura, pola nosa cultura, pola cultura que nos define. Co silencio cómplice da Consellaría de Cultura e DXPL, non ían ser menos, traballan para o mesmo axente inimigo.

O Diario Cultural é unha fórmula radiofónica consolidada e fulcral no tecido cultural galego. Con el desaparecerá un referente único e imprescindíbel, pouco importa que dean máis información, que falen máis tempo de cultura, esa é a escusa. Moi posiblemente isto sexa a cambio de que desapareza a cultura crítica que representaba o Diario Cultural. De termos un referente único pasamos a ter información desperdigada ao longo do día. Haberá máis información, mais desorientada, desorientadoramente dada, de forma que o acceso á información se complica, careceremos dese referente único.

Tíñanlla xurada. Está claro. 28 anos resistindo con éxito. Non se pode facer radio cultural de éxito porque a eles politicamente non lles convén. Por iso se cargan o Diario Cultural.

 

 

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content