sobre as CONTRAHISTORIAS DE GALICIA, de Antonio Reigosa.

Porxmeyre

05/08/2020

A PROPÓSITO DAS CONTRAHISTORIAS DE GALICIA

Título: Contrahistorias de Galicia

Autor: Antonio Reigosa

Editorial: Edicións Embora

Pois este libro non é ficción. Adoito escribir máis sobre ficción, mais ás veces a non ficcción poderá parecerlle a certa xente case pura ficción, xa verán. E si, este tamén un libro dos que se len dunha sentada, e á vez tamén admite lecturas parciais sen que por iso se perda nada do contido. Ou, dito doutro xeito, é o  libro perfecto  tanto para unha tarde de praia ou piscina…como para ler deitados ou sentados á sombra dun carballo. Sendo ademais un libro que salienta por ser unha edición moi coidada, con ilustracións (preciosas, por certo) de Rita Gutierrez e impreso en colores. O que se di un libro-obxecto no cal é moi importante o contido (xa o veremos) mais tamén o é o deseño editorial desde o cal é contado, perfectamente estudado para que a variedade cromática adoce a lectura, conferíndolle variedade a un libro xa de por si de temática varia, de xeito que ben poderiamos dicir que cada páxina está concebida como se fora un cadro no que tamén se insire texto. Unha edición absolutamente preciosa, volvo repetir.

                     En canto ao contido, o contido é o típico  que adoitan celebrar as persoas curiosas que están atentas a datos/acontecementos históricos pouco divulgados mais que para elas ou eles teñen un indubidábel interese. Antonio Reigosa define, na presentación, estas historias que contará como a cara B da Historia, pois presenta unha presada de personaxes secundarias (secundarizadas, diría eu), esquecidas e ignoradas pola Historia Oficial. Moitas veces inxustamente, engadimos, pois é un “esquezo” que vai en detrimento da cultura galega mentres “outros” acceden por iso a unha notoriedade que tampouco merecen tanto… Seguindo as palabras de Antonio Reigosa, estas”contrahistorias” van desde o mítico ou épico Monte Medulio, a outras que que transitan desde o anecdótico ao tráxico ou humorístico, desde a revelación de datos curiosos á descuberta que outros poden representar para moit@s galeg@s.

                     Por exemplo, se eu lles digo que no libro se trata o episodio do Monte Medulio, do torques de Burela ou de Almanzore  a súa “visita” a Compostela…haberá quen diga que se trata de cousas xa máis ou  menos  coñecidas. Porén, se no seu lugar lles digo que no libro se fala de Diego Álvarez de Correa, Domingo Martínez de Presa, Lady Hester Stanhope, Eustorgia Acevedo, Modesto Brocos, Miss Gerland, Antonia Díaz Pérez, Ramón Fernández Pérez, Manuel Luís Ríos Losada, Patricio Sánchez Álvarez, Manuel Outeda Villanueva ou Ramón Varea Aguiar…posibelmente pouc@s recoñezan polos nomes os feitos que protagonizaron. Igual se lles aclaro que entre eses nomes está o do home que modernizou a calculadora (non a inventou, mais perfeccionouna inmensamente) facendo posíbel este imprescindíbel aparello; ou se lles conto que entre eles tamén está o único toureiro-paracaidista de que teño coñecemento, ou que entre eles hai un escultor humorístico ou un xigante…igual esperto a súa curiosidade.

                     Certamente, ao seu carón, outros nomes si son moito máis coñecidos (para alén do citado Almanzor), como é o caso do Curuxás, Xelmírez e o “Pío Latrocinio”, Manuel Montero ou o Mago Merlín (de Cunqueiro e Mondoñedo), Juan de la Coba e o seu trampitán ou Alexandre Finisterre, por exemplo. Entre eles está tamén o de Charles Lindbergh, mais, que facía Mister Charles Lindbergh en Galicia?

                     Coñézanse algunhas historias ou descoñézanse todas, o certo é que o libro é imprescindíbel para lectores ou lectoras curios@s, e entre esas curiosidades tamén se contan algúns inventos galegos, a expicación de como se chegou a establecer o nome da vaca Rubia Galega, como chegou a televisión a Galicia ou por que Rosalía deixou de escribir en galego…

                     E non imos profundizar máis no contido do libro. Confiamos en que o dito sexa suficiente para espertar a súa curiosidade lectora sen que para iso tiveramos que botar man do spoiler.

                     Que lles preste! ( e ha prestar, sen dúbida!)

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content