premios da crítica

Porxmeyre

21/04/2018

Hoxe, 21 de abril, veñen de ser comunicados os Premios da Crítica Española, que en lingua galega foron para Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira e Camuflaxe, de Lupe Gómez. Parabéns desde esta Ferradura aos dous premiados. Déixovos coa crítca que no seu día fixen a Bibliópatas e fobólogos, toda vez que a Ferradura en Tránsito desaparecerá con Blogaliza o vindeiro día 25 é unha maneira de preservala ao paso do tempo nesta Ferradura en Tránsito II.

OS MISTERIOS DA ESCRITA

Título: Bibliópatas e fobólogos

Autora: Emma Pedreira

Editorial: Galaxia

Non os imos descubrir nós, escapa ás nosas capacidades, nin sequera dar razón de quen o fixera, pois a súa natureza sempre foi esquiva e nada dada a revelarse en uniformidade de criterio. Cada escritor ou cada lector que sexa inquirido sobre os miterios da escrita ou do libro ha dar solucións diferentes, mesmo contraditorias.Mais un poder inmemso ha ter para que os ollos repitan con frecuencia os desprazamentos sobre as letras; algo ten que ter moi atraente para que a lectura dun libro non abonde e sexa necesario ler outro máis, e outro e así sen conto. E o mesmo se pode dicir desde a perspectiva do escritor, abonda escribir o primeiro libro para que xa necesario escribir outro máis, e outro, e outro…Por máis que escribir cansa, ocupa tempo, fai ferver a cabeza, cando non é difícil imaxinar outras actividades intrinsecamente máis precenteiras en que gastar as horas. De verdade que si? De verdade que se pode atopar algo máis pracenteiro que crear con palabras? Evidentemente a resposta que nós dariamos é parcial, absolutamente parcial e nada neutra.

Porén, se isto é así, porque estamos a falar dunha actividade minoritaria? Porque o certo é que o vezo da lectura/escitura prendeu nunha parte minoritaria da sociedade. Sería socorrido acudir aquí ao trato que o Estado no que vivimos deparou historicamente á lectura/escritura. Que non deixaría de ser certo. Mais nos corenta e pico anos que levamos de “democracia”, algo máis se puido facer por unha actividade trascendental no desenvolvemento humano. Non foi así, non é así, nunca existiu interese niso, por iso estamos como estamos e libros como este de Emma Pedreira se dirixen primordialmente, porque non deixa de ambicionar a universalidade, a ese número de xente na que prendeu o becho da lectura/escritura. Non é o seu obxectivo desvelar cales son os mistrios da escrita e da lectura, mais si reflexionar narrativamente sobre o asunto. De xeito maioritario, engadamos, porque non todo o libro versa sobre iso, tamén está aberto a outras temáticas, tamén conta outras historias que, por ser iso, historias, material narrábel, tamén se poden incluír se se quixer.

Bibliópatas e fobólogos é un conxunto de 60 narracións moi breves, escritas sen ter cn conta a teoría crítica da Literatura Mínima ou Hiperbreve, mais, polo feito de empregar distancia tan curta, algúns procedementos da Litertura Hiperbreve si lle son comúns. Así, o anuncio, o proverbio, a nota de prensa, a receita, a carta ao director, a necrolóxica, as glosas sepulcrais, o inventario, a confesión ou o consultorio (literario), que poderían aparecer en calquera volume de Litertura Mínima ou Hiprebreve, tamén se atopan aquí, aínda que simplemente sexa en narracións moi breves. Narracións moi breves, que non manifestan esa necesidade do aguillón final que soprenda, mais polo feito de seren moi breves en moitas ocasións atópase o lector algo parecido provocado polo remate brusco da brevidade. Cómpre salientar que, que non siga as directrices da Litertura Mínima ou Hiperbreve, non é ningún desdouro para este volume de Emma Pedreira, simplemente é unha carcaterística máis a dar conta do contido de Bibliópatas e fobólogos.

A ironía e o humor son dous compoñentes indispensábeis á hora de falar de Bibliópatas e fobólogos, coa sa intención de reflexionar sobre o mundo dos libros e arredores, o que fai este volume de consulta obrigada para todos aqueles e aquelas que se adican á promoción lectora ou á animación á escrita. Primeiro pola propia valía literaria do libro, e segunda e moi importantemente porque nel e desde el se poden elaborar estratexias nestas dúas actividades, ademais de fornecer dun bo número de asuntos con carácter exemplificador. Dígase, de paso, como xa se indicou, que tamén se narran historias que non teñen que ver directamente co mundo do  libro, de maneira que o volume é moito máis variado do que en principio se podería sospeitar, potenciando a amenidade que lle é propia. Inútil sería aquí pretender deixar unha mostra da súa variedade, abonde dicir simplemente que o espírito desenfadado percorre cadansúa narración, un espírito festivo que, malia todo, non renuncia a reflexionar sobre o tema escollido, sendo esta reflexión unha punta de lanza para que despois o lector ou lectora profundice no tema en cuestión, verdadeira finalidade do discurso.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido