libros para agasallar nun frío inverno

Porxmeyre

23/12/2023

CONSELLOS PARA AGASALLAR LIBROS NESTE NADAL FRÍO

1)Nunca merque libros editados á vez en galego e castelán. A ver se ás casas editoras lles abonda cos dereitos de tradución. Algo hai que facer nesta situación que vivimos.

2)Se no trinque da libraría non hai exposto ningún libro galego, entre e pregunte por algún título concreto. Poñamos o caso de Lobos doentes (Antonio Tizón, Xerais). Se lle din que non o teñen respóndalles”Mágoa, precisaba 10, 5 (ou o número que queira) para agasallar as miñas amizades”.É probábel que lle respondan que axiña o terán. Vostede retrúquelles que os necesitaba ese mesmo día.

3) Faga o mesmo nas grandes áreas comerciais que só venden best-sellers.

4)Nunca, polo xeral, merque un libro só. Escolla o título que queira e leve un para si, e outro para agasallar.

5) Nadal ou Reis?, calquera é bo día para agasallar libros.

6) Se necesitan libros para pequech@, a editorial OQO está especializada,  mais case calquera editora ten títulos para esas idades. Consulte os seus catálogos.

7) A continuación vou propoñerlles algúns títulos:

Pel de lobo, de Xosé Miranda, encantaralles a lectoras  electores nov@s, encantaralle tamén a vostede.

O país adormentado, de Xabier P. Docampo. E non dubide á hora de facerlles preguntas a lectores e lectoras nov@s, evidentemente léao vostede antes ou acompañe a súa lectura. Este procedemento  das lecturas acompañadas é moi divertido e de moito rendemento.

Aire negro, de Agustín Fernández Paz, é especialmente indicado para amantes do misterio

-Para preocupad@s polo medio ambiente, As aventuras de Said e Sheila de Ramón Caride Ogando é o título ideal. Mais miren votedes no seu extenso catálogo para estas idades. Eu estou a propoñerlles títulos clásicos, que non poden estar ausentes nunha boa biblioteca, quizá queiran algo máis actual.

8) Imos agora coas lecturas para adult@s:

-Para amantes do xénero negro puro, non esquezan Pronto hei de volver, de Amador Castro Moure.

-Para amantes do xénero policial-detectivesco próximo ao negro, aí teñen Lobos doentes, de Antonio Tizón.

-Para amantes da banda deseñada adulta, Os suicidantes de Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero, é o seu libro. Poden compartilo tamén con lectoras e lectores máis novo@s.

-Para amantes do xénero histórico voulles propoñer dous títulos que se centran nunha época parecida: Ao sur da liberdade, de Xosé Henrique Costas, e O libro e o tapiz de Xabier Paz

-Para amantes das aventuras, Groelandia, de  Fran Fernández Davila é unha lectura moi acaída.

-Para quen queira lecturas de viaxes, en narrativa recomendo O país sen fronteiras. 30 días a través do Senegal, de Xerardo Agrafoxo; se é poesía As bolboretas do Mekong (Cesáreo Sánchez IGlesias) é o seu libro

-Se o que precisan é lectura futurista, Os afogados de Pablo J, Rañales, propoñeralles o desacougo necesario.

-Se é o álbum ilustrado o que precisan, A historia de Sara, de Francisco Castro e ilustracións de Luz Beloso, non pode quedar no esquezo.

-Se o que necesitan é unha lectura en clave sociolóxica, Abril, de Luz Darriba pode ser o seu título. E se e quere que esa clave sociolóxica sexa galega 100%, A inmoral doutora Cons, de Roberto Fernández Álvarez é a nosa proposta, ademais de Formigas nos pés ou Pecados veniais, ambas e dúas de Nazaret López.

-Se son amantes da poesía, velaí algúns títulos imprescindíbeis. Materia (versión galega) de Yolanda Castaño está moito de actualidade; o mesmo que Sonora (Chus Pato) ou os Enxertos de Dores Tembrás.

-Se é teatro o que precisan, As alumnas de Paula Carballeira é unha excelente opción. E outra que non defraudará a ninguén son as Obras completas de Roberto Vidal Bolaño, editada en dous tomos.

-De tratarse de folosofía O obxecto muller e o xiro ontolóxico é imprescindíbel, inclusive para lectoras e lectores pouco afeitos a ler filosofía.

-No eido do ensaio recoméndolles A historia de España baseouse en falacias, de Francisco Calo Lourido, e, como non, O libro negro da lingua galega de Carlos Callón

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido