crítica de UN SEÑOR ELEGANTE, de Suso de Toro, en Xerais

Porxmeyre

29/12/2020

O COMPROMISO SOCIAL DO MELLOR CIRURXÁN

Título: Un home elegante

Autor: Suso de Toro

Editorial: Xerais

Velaquí unha nova novela de Suso de Toro, unha novela consistente, unha novela de peso, unha novela que computa 530 páxinas (incluído “Preludio”). Unha novela de non ficción, unha novela de non ficción non só no sentido de que a finalidade é rescatar da nebulosa do tempo pasado a figura de don Ramón Baltar, un moi ilustre cirurxán (chegou a ser presidente da Sociedade Española de Cirurxía) por canto no ámbito da cirurxía foi un reputado e moi recoñecido profesional tanto a nivel galego como estatal. E é tamén unha novela de non ficción no sentido que incorpora a voz do propio autor, de xeito que mesmo se pode dicir que é como unha mestura entre unha novela documentario e unha novela lírica, incluíndo nese lirismo ( e o lirismo é non ficción) as vicisitudes polas que vai pasando o discurso mentres este vai sendo escrito, con reflexión metaliterarias incluídas. Esta inclusión da voz autorial ten unha dupla repercusión no discurso. Por unha banda sérvelle ao autor para comentar partes da biografía de don Ramón que non parecen moi claras, é unha maneira de encher certos silencios que se van presentando na vida do ilustre cirurxán, e tamén é unha maneira de comentar para tratar de entender por parte de Suso de Toro mellor algunhas pasaxes da vida do cirurxán (e tamén da vida en xeral). E, por outra banda, iso ten unha repercusión no ritmo expositivo da biografía de don Ramón Baltar; é dicir, inflúe na administración da información a que vai accedendo quen le. En moitos casos, esa voz autorial resulta útil, non só porque axuda a encher silencios senón tamén porque dá entrada a reflexións autoriais que, se son necesarias para a voz autorial tamén resultan proveitosas para que quen le obteña unha meirande dimensión da figura homenaxeada na novela e do proceso de esrita desta. Porén, o que primeiro vai notar quen le, é que no comezo esa voz autorial fai que o ritmo expositivo sexa lento, entre outras cousas porque canto máis lonxe pescudamos no tempo máis lagoas e nebulosas atopamos, como é lóxico.

                     Tamén hai que dicir que Suso de Toro rescata do esquezo con que o tempo vai pesando a vida dun home, dun cirurxán, que tivo unha notábel influencia na vida compostelá en boa parte do século XX xa que sempre se preocupou moito porque os máis desfavorecidos puideran ter ao seu alcance unha medicina de calidade. Pertencendo el a unha familia de clase acomodada, unha familia burguesa, sempre foi consciente das necesidades médicas dos economicamente e socialmente menos afortunados. E tamén porque, desde unha discreción moi notábel e notoria, sempre observou un comportamento político comprometido, mesmo moi comprometido, chegando a realizar operacións no seu sanatorio compostelán a guerrilleiros antifranquistas (Foulecellas, por sinal), fuxidos e persoas desafectas. Calquera outro singulaizaría socialmente a súa posición,  a súa loita antifranquista, sobre todo despois da morte de Franco, xa sen perigo, mais el optou sempre por ficar “fóra de plano”, como se di na novela. Era máis importante facer as cousas que quen as facía, unha postura, unha modestia que o honra. Malia ser perseguido por desafecto á causa, era tan bo cirurxán que a Franco non lle quedou outra que condecoralo, non vou contar agora a “anécdota” a que deu lugar, só direi que pouco máis tarde don Ramón Baltar publicou un esmagador informe sobre a situación da sanidade española.

                     Sendo a vida de Ramón Baltar o obxectivo central da novela, é lóxico pensar que tamén o seu pai (de quen herda oficio), mesmo o seu avó, os seus fillos, e calquera que poida botar luz sobre vida de tan ilustre personaxe (desde a súa dona, á súa nai, pasando por enfermos que el operou, ou outros rianxeiros da época, como Rafael Dieste e, sobre todo o seu irmán…) ten cabida no discurso de Suso de Toro, algunhas veces non é moita información a que achegan mais permiten reflexións sobre vida do homenaxeado que si lle son útiles ao autor.

                     Como xa dixen de inicio, nunha novela reivindicativa da figura de don Ramón Baltar (ou outro calquera) cómpre preguntarse até que punto o protagonismo da voz autorial é pertinente, acertado. E a resposta só se pode ofrecer tendo en conta o anteriormente indicado. Alén diso, o título non transmite o moi salientábel compromiso social do doutor Baltar, aínda que resulte lóxico tendo en conta que foi un home que sempre quixo estar “fóra de plano” (outra volta recuperamos a expresión da novela) e sempre refugou o protagonismo do seu compromiso social.

                     E quero aínda salientar o traballo de depuración lingüística que Suso de Toro levou a cabo, non é que quen le vaia atopar solucións lingüísticas novidosas en grande cantidade, mais con moitas concordo plenamente, como o uso da palabra “romance” en lugar do seguidismo castelán “novela”.

                     Eis, en definitiva, unha novela necesaria e imprescindíbel, ao rescatar do pozo do esquezo unha persoa moi notábel tanto no seu compromiso social como no seu labor profesional, ese cirurxán extraordianriamente competente; e aínda así unha personaxe moi descoñecida para a maioría da xente. Unha homenaxe moi merecida, que tamén é unha restitución imprescindíbel.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content