crítica de UN PEIXE NO PARQUÉ (Ramón Vilar Landeira, Xerais)

Porxmeyre

28/06/2019

UNHA FÓRMULA QUE FUNCIONA

Título: Un peixe no parqué

Autor: Ramón Vilar Landeira

Editorial: Xerais

No 2014, tamén no verán, Ramón Landeira sorprendía cun libro de relatos, Os televisores estrábicos (Xerais) que se había converter nun dos máis lidos daquel estío. E, malia que o autor confesou nalgunha entrevista que lle gustaría escribir unha novela sobre a corrupción na Galiza, tivo que chegar este 2019 e volver aos trinques con este Un peixe no parqué, un libro de difícil catalogación xenérica mais que deixa unha lectura agradábel, que se deixa ler e que se fai ler. Porque cando unha fórmula literaria funciona é sabio consello non abandonala, ou cando menos explorarala mentres se poida. Que é o que aquí fai Ramón Landeira. Iso si, seguiremos agardando pola novela sobre a corrupción na Galiza, porque tamén é certo que fai moita falta, e, polo que demostra Ramón Landeira nestes dous títulos, non se trata dun narrador ocasional ao que lle soou a frauta de casualidade. Non son volumes densos, antes eran 144 páxinas e agora só 102, mais demostra ban ás claras que aí hai madeira de narrador, polo que o volume deste ano que traemos ás páxinas da Ferradura hoxe, vén ser a confirmación dun narrador que aínda ten moito que ofrecer.

                     O libro comeza cunhas palabras preliminares onde o autor, en apenas páxina e pico, nos convence de que paga a pena lero que segue, mentres nos comenta sobre como xurdiu na súa cabeza a idea do libro, un libro que non sabe se é de relatos ou unha novela, e que, como ben di, o xénero é o de menos. Efectivamente, o xénero é o de menos, o que importa é que a literatura sexa de calidade. E moito me temo que nós non imos resolver tampouco esa dúbida pola mesma razón.

                     Os relatos son relatos e a novela un xénero deficientemente definido. Se facemos caso a Cela (unha novela ten máis de 30.000 palabras e debaixo do título pon “novela”), nós non botamos as contas sobre o número de palabras, e tampouco nos importa nada, mais nese caso posiblemente estariamos a falar dunha novela, se temos en conta que son máis de cen páxinas e en cada páxina adoita haber arredor de 300 palabras. Hai outra cousa máis a comentar, o mesmo Cela empregou esta fórmula na súa novela máis coñecida, La Colmena, e abonde este exemplo, de onde se pode inferir doadamente sobre cal é a férmula narrativa á que nos estamos a referir, porque, haber, hai moitos máis.

                     Mais volvamos á fórmula que funciona: trátase de relatos que non só van un detrás do outro, senón que o autor procuroulles algunha caste de contiguidade, personaxes que se repiten, tramas que poden ter que ver entre si malia pertenceren a relatos distintos, ou mesmo personaxes que reaparecen evolucionados. Falamos tanto de personaxes principais coma de sundarias, iso non importa moito e mesmo o status de personaxe principal aquí pode ser discutido. De xeito que o conxunto pode ser lido das dúas maneiras, como novela ou como libro de relatos. E a maneira escollida resulta realmente indiferente, porque o que realmente importa é que nos atopamos cuns textos, contiguos entre si case sempre, que están realmente ben contados. É dicir, trátase de textos onde o lector se sente moi próximo ao narrador, tamén de aí o recurso á primeira persoa, primeira persoa cómplice. Hai un certo desenfado na maneira de narrar, que non é máis que unha maneira de atraer a complicidade do lector, mais ese desenfado non quita que se traten temas que realmente merecen unha reflexión. É, en definitiva, unha maneira amable, se quere dicir así, de presentarnos uns relatos realistas, sen dramatizar en exceso e procurando que a lectura resultante sexa agradábel. Iso si, sen renunciar nunca a seren os relatos pretextos para unha reflexión seria.

                     De feito, os relatos son curtos e non hai espazo abondo como para fixar un tema. Malia todo si podemos falar dalgúns que acollen as páxinas do libro. É o caso da inmigración ou mesmo da sorte, do azar, e tamén do concepto de “clase media”. Son temas absolutamente detectábeis nun libro de relatos que presenta unha lectura áxil e entretida, ideal para pasar unha boa tarde na praia ou onde queira que se vaia de vacacións. De primeiras, o libro agradece unha lectura concentrada nunha única sesión, ou, como moito, en dúas, para non perder nada da contiguidade dos relatos, mais admite tamén lecturas discontínuas e mesmo non é obrigatorio comezar polo principio. Sexa como for, eis unha lectura que non vai decepcionar a ninguén.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content