DAS MANS, DA VIDA, DO AMOR
Título: Uma garfada de sol no umbigo
Autora: Josefa de Maltezinho
, Editorial: Exclamação
A existencia humana está tan chea de sensacións que non abonda un periodo vital para experimentalas todas. Nin centos ou millóns serían suficientes pois cada unha desas sensacións difire segundo a persoa que se trate ou o momento en que se experimente. Podemos comprendelas parcialmente, ou adiviñalas sen case erro porque os datos que posuímos chegan ou porque algunha similar ou parecida xa a coñeciamos. No fondo trátase dun xogo de hipotextos e hipertextos. O hipotexto é sempre a poesía nas súas diferentes formas ou caras do prisma. O hipertexto é o que debemos entender e non figura (ou faino parcialmente) nas palabras do poema. Esa é a razón de que a humanidade leve séculos e séculos e máis séculos lendo sobre temas tan universais como o amor, e sempre encontre un potencial diferenciador con todo o que leu antes.
Josefa de Maltezinho, unha das novas voces da poesía portuguesa que non debemos desatender, presenta o seu último poemario cunha imaxe-metáfora moi expresiva: Uma garfada de sol no umbigo. Pensen vostedes canto sol se pode apañar cun garfo, e que ademais esa “garfada” se dirixe ao embigo, é dicir, á orixe, aos restos do cordón umbilical que nos mantiñan unidos á placenta maternal. E non esquezan esta potente imaxe metafórica. E seo fan a voz poética lembrarállelo axiña.
Porén existe un percurso antes de que o río nos emboque nese tema universal. A comezar coas mans. O uso das mans pertence (podemos dicir que) en exclusiva ao ser humano, é mediante elas que manipulamos, facemos nosa, a realidade concreta do exterior. Un exterior que non tarda en aparecer como inhóspito, tan inhóspito que nin permite os dedos (outra vez a man) entrelazados, que lle dá pérolas aos porcos e que dispón ocasións para infortunio e a soidade como se a vida quixese que vivamos sempre a contra man. Certamente existen refuxios, temporais e fortuítos como o exemplo da xente idosa que resiste, a evocación dos anos nenos ou a casa que nos envolve e protexe máis que as lembranzas fuxidías e non sempre agradábeis. Permítanme unha paréntese para dicirlles que este tratamento da casa nos trouxo ecos de Rafael Dieste e, sobre todo, de Castelao.
Esa casa que nos permite considerarnos semideuses porque a podemos reconfigurar, mais que non é inmune ao paso do tempo. A voz poética describe como lle gustaría que fose a súa casa, cos seus xardíns e onde se desenvolven as súas rutinas. Isto non evita que nos sintamos sos, que lembremos o amor incendiario, ese dos filmes de cinema. Mais esa idealización non lle dura porque o contraste entre o amor idealizado e a realidade é moi brusco. De tal maneira que nin os consellos da nai prevían isto, tanto tormento e desacougo inaturábeis. Que non cre nas flechas tiradas ao corazón, mais fai a vista gorda e protesta contra o amor indiferente, que nin aquece nin arrefría, Que neste momento da media idade reclama un amor ardoroso e guerreiro (mais xa o viviu/viu tantas veces…) ou simplemente que a roda da vida proporcione un amor ocasional, deses que duran até que xa non falan na mesma lingua, estadio previo á separación e o pesimismo fondo que trae consigo. Nesta situación, e sabendo que os Deuses son vingativos, que os humanos somos pouca cousa, concluirá que a rutina diaria tamén se pode ver con bos ollos.
Non é novo o amor na obra poética de Josefa de Maltezinho. Ou si, porque, como dixemos antes, nunca lle chegamos a ver todas as caras, se cadra porque con cada unha nos cega.
Formalmente xa falamos das súas imaxes-metáforas, agudas, enxeñosas. Tamén compre dicir que aposta polo poema breve e contundente como o hipotexto que nos bate na cara para que imaxinemos o hipertexto que nos suxire ou nos estoupa diante. Ë unha concepción da poesía moderna. Están de mais algunhas rimas interiores, porén é unha lectura que se fai con agrado.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(membro da Asociación Galega da Crítica)