breves apuntamentos sobre a poética de Chus Pato a propósito da reedición de m-Talá

Porxmeyre

02/12/2020

Título: m-Talá (edición do vixésimo aniversario)

Autora: Chus Pato

Editorial: Euseino?

 Anuncia Euseino? A publicación da obra completa de Chus Pato, ocasión impagábel para revisitar a poesía e poética dunha das autoras fundamentais da nosa poesía. E o primeiro título é este m-Talá. Co gallo do vixésimo aniverdsario da súa publicación, Carlos Lema preparou esta deliciosa e completa edición dun dos poemarios claves na nosa historia poética. A poesía de Chus non é doada de ler; nin tampouco de escribir, moi seguramente. A primeira vez que tiven diante os poemas de Chus Pato, aínda inéditos, aínda poeta inédita, pensei: “porque esta muller agacha o eu lírico tras tantas e variadas imaxes?”. Non lembro se llo dixen, porque o certo é que naqueles poemas existía un magnetismo que te levaba a contínuas relecturas; dixen magnetismo, e mellor diría que producían un fascinio que conducía a un lirismo até entón descoñecido. Si, fascinio, porque fascinio é unha palabra moi da Chus. De todo isto extraíase que a poética de Chus asentaba sobre un CRIPTICISMO que esixía lecturas activas, colaborativas, que se internaran por entre aquel vizoso labirinto de imaxes tan variadas e de procedencias dispares, aínda que nos primeiros títulos a preferencia pola historia (tamén da arte) parecían nuclear un proxecto poético no cal a topo-grafía parecía conducir a unha poesía pura, pura no sentido de exenta de figuras que viñan caracterizando a lírica. A única figura observábel directamente era a imaxe; e despois, quen quixer, podería xogar a ver símbolos, símbolos moi abstractos e tamén por iso moi perigosos.

                     Ora ben, por tras dese cripticismo achábase tamén a imposibilidade da palabra para comunicar, algo do que se queixou reiteradamento nos seus poemarios, que caracterizou a súa escrita e que tamén integraría a poética doutr@s autores e autoras. Sendo que a palabra é o instrumento máis efectivo para comunicarnos, isto pode chocar coa mentalidade lectora e xerar unha incomprensión que, curiosamente, ela quería precisamente inocular nos seus textos, pois o mundo interior, o mundo froito dunha capacidade de observación tan aguda como rica en matices e fonda e dispersa en canto ao alcance (pois procede, nace a partir dun universo cultural ao que nada lle é alleo), ese mundo interior tan intenso non é precisamente doado de comunicar, pois hai nel, a meu xuízo, tantas preguntas sen resposta como con respostas ambiguas e por suposto tamén certas realidades-respostas ás cumpría/cómpre achar a pregunta ou orixe. En resumo, a realidade (concreta, abstracta) non é doade comprender, e moito menos de transmitir o estrañamento que produce. Estrañamento, outra palabra clave non só para explicar a posición da poeta perante a realidade eperante o dicurso. E tamén porque é outra estratexia literaria (non só poética) que máis caracteriza a literatura actual.

                      O método para pegar un pinchacarneiro que solventase esta problemática estivo fundamentalmente na naucleación temática dos textos, mais aínda así para ela os resultados semellaron non ser óptimos, a inacpacidade da palabra era a incapacidade de poesía/lírica para acadar os resultados que ela procuraba. Era a súa unha poesía nada doada de decodificar, mais tamén unha poesía de altísima calidade. E lembroume moi axiña a poesía de Manuel Antonio, era unha poética moi manuelantoniana, e (dando por suposta a incontestábel infuencia ferriniana, pois é Ferrín non só poeta que admira senón tamén fonte de onde mana a súa poética, non hai máis que lembrar o nome deste poemario ou uso antroponímico nos seus  poemas, disto isto por sinal, que esa influencia é moito máis complexa) tamén, tamén a súa poesía deixaba pousos de certas vangardas, non todas, mais o creacionismo e o cubismo estaban aí, están aí, como referentes claros e irrenunciábeis da súa poesía. O creacionismo desde a necesidade de crear, non de reproducir; o cubismo desde a posibilidade de adoptar puntos de vista diferentes á hora de ocnstruír un texto único.

                     Deste xeito, m-Talá, hai que entendelo como unha tentativa por destruír a lírica tal como tradicionalmente se viña entendendo. O uso de recursos xenéricos alleos á poesía, tantos e tan variados, hai que entendelo nesa dirección. E tamén como estratexia, xa non para crear poesía senón para que quen le acceda á poesía por si mesm@ a partir dos textos que a poeta dispón para tal efecto, o cal non deixa de ser unha estratexia hoxe moi de boa parte da poesía actual e que hai que ter en conta á hora de establecer o seu legado poético. A propósito disto tamén hai que parabenizar a excelente edición feita por Carlos Lema, que nos permite observar con clareza o ritmo discursivo precisamente naqueles casos onde Chus máis rachaba o que viña sendo o instrumento definitorio da poesía máis fiábel, unha vez que a rima e o cómputo silábico deixaran de ser isignias poéticas…o ritmo, referímonos ao ritmo. Mais non se trataba de destruír por destruír, dinamitar sen outro propósito que a destrución. Nin tampouco era unha descrenza absoluta na poesía. De feito, o poemario non se consome aí, senón que remata con poemas, non poemas convencionais mais si máis recoñecíbeis como textos poéticos dentro da vangarda actual máis pura.

                     Era un toque de atención, unha subversión, rebeldía no mellor sentido da palabra.

                      Un inciso. A propósito de todo isto convén lembran o Unicornio de cenouras que calagas os sábados (1994) do  grupo Ronseltz, que, a partir fundamentalmente da ironía pretendía a ruptura co discurso lírico herdado. Non. Non cómpre esquecelo pois o propósito viña sendo moi semlleante. Por outra parte tamén é necesario, polo menos a min parécemo, establecer correspondencias entre o discurso poético de Chus Pato e Xabier Cordal. Non creo que sexa agora o momento de facelo, pois teño outro propósito detrás destas liñas, mais si creo que vai sendo hora de reparar nel.

                     Volvendo ao rego, volvendo á poética de Chus Pato, e na dirección que imos, e de resultas do que xa indicamos, na miña opinión a poesía de Chus é maioritariamente unha poesía de fricción. En m-Talá percíbese xa desde o uso de recursos extra-poéticos, extra-xenéricos, para indicar a quen le o camiño da poesía, do contido poético. Esa fricción xenérica é síntoma doutra fricción que na súa poesía ten unha importancia absoluta, pois é un concepto sen o cal non se pode entender cabalmente a poesía de Chus. Refírome á ÉTICA no sentido máis amplo posíbel, tanto que tentado estiven de escribir “éticas” pois a ÉTICA ten diferentes manifestacións igual que a vida ten tamén diferentes manifestacións. Non se trata dun concepto que só atinxe á moral, senón dun compromiso vital coa xustiza e equidade no día a día, desde o ámbito político (imprescindíbel), ao cultural, linguístico, histórico (somos froito da historia) e tamén persoal. Dito sexa, por sinal, que as manifestacións vitais son moitas. Precisamente a observación da realidade e o sentido ético da autora, cando entran en fricción, desencadean a xa comentada desconfianza na palabra como instrumento de comunicación, e, neste poemario moi concretamente: a imposibilidade da poesía para dar conta do contido poético que Chus pretende comunicar, e para o cal se ve obrigada a trascender, a trnasgredir as fronteiras xenéricas. A este tipo de poesía tenlle chamado poesía mutante, e non cabe dúbida de que é unha poesía que camiña no gume da navalla.

                     Cando se di que algo camiña no gume da navalla é adoito frecuente entender que se trata dun camiñar sobre o abismo. E é certo que a noción de abismo está moi presente na poesía de Chus. De feito, os seus poemas parecen abismos nos cales quen le debe mergullarse para chegar á poesía, ou ás poesías porque no mesmo texto poético pode haber varias. Non o nego. Mais na miña opinión o concepto de abismo aplicado á súa poesía desencadea algo fundamental para entender os seus textos: o labirinto; pois, efectivamente os seus poemas, sobre todo os máis longos son auténticos labirintos balizados pola poeta para que quen le chegue á poesía.

                     m-Talá, foi publicado no 2000, encetando un novo século, porén seguramente foi escrito con anterioridade. Como tamén é difícil considera a Chus Pato unha poeta dos 90, xa que a súa poesía fora escrita con anterioridade.

                     De todos os xeitos, esta oportunidade que nos brinda Euseino? coa edición da obra completa, é unha magnífica ocasión para ler en conxunto a súa poesía, ademais de posibilitar o acceso a algúns poemarios xa difíciles de atopar.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

2 comentarios en “breves apuntamentos sobre a poética de Chus Pato a propósito da reedición de m-Talá”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content