crítica de CANCIONEIRO PROFANO, de Xosé Lois García

VERSOS VALENTES

Título: Cancioneiro profano

Autor: Xosé Lois García

Ilustrador: Xosé Randolfe

Editorial: Fervenza

Cando a poesía se reclúe na intimidade lírica da voz poética, deixa moitos horizontes por explorar. Cando a poesía non sabe saír das modas e modismos imperantes vólvese formalmente e tematicamente insubstancial. Mais cando a poesía é quen de conxugar a contemplación íntima coa visión crítica do contexto social e político que nos envolve, entón falamos de Xosé Lois García e o seu Cancioneiro profano.

Que a estas alturas do século XXI, un autor senlleiro como Xosé Lois volva focalizar de maneira crítica a actualidade, dá para pensar na deriva da poesía actual e o alleamento da problemática inmediata na que vive que le. Non se trata de volver a Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Uxío Novoneyra. Ou tamén, porque os tres son referentes inexcusábeis da súa poesía e, sobre todo, da súa actitude fronte á vida e a súa problemática. Deste xeito os versos valentes deste poemario e deste autor, dan unha puñada enriba da mesa e reclaman máis atención ao interese colectivo. E se, ademais, é quen de anovar formalmente a poesía social, pois mel nas filloas. Porque a meirande parte deste Cancioneiro está dedicada a isto. No remate hai outro monllo de poemas amatorios, como se Xosé Lois quixera sintetizar neste poemario os dous eixos que atravesa a súa grandísima produción poética, das máis consistentes que a literatura actual (e non só) pode ofrecer.

Dá gusto que un autor do prestixio de Xosé Lois nos poete polo claro a condición de Galiza como nación colonizada, que nin é dona da súa propia voz ao contar a súa historia, que se rebele contra tiranía imperialista e a denuncie, que saque as colores a banqueiros e bancarios, que sexa convencidamente anticaciquil e contra os curas…Permítanme que repare aquí un intre, porque parece que cousas así se dan por asumidas (resignación) e parecen temas desterrados da nosa poesía, ou, mellor dito, temas soterrados, que se teñen por doados e faltos de calidade poética. Pois ben, este Cancioneiro profano eleva súa voz desmentindo todo iso desde unha factura formal máis que notábel e que demanda a participación lectora na decodificación, mediante un procedemento simple mais moi efectivo. Aínda para máis estas composición gardan unha musicalidade que está piando por quen lle poña música e voz. E todo isto sen perder de vista o que acontece en África, na sufrida e pouco atendida África, sobre todo nas idades máis expostas á miseria e a desatención dos países ricos. Sendo tamén que esta parte do poemario  remata cun poema Lula da Silva e tampouco agacha os problemas da negritude que, nesta altura do século, aínda segue baixo a pauliña, baixo as garras, dun racismo que vai a máis cada día que pasa.

Co dito xa abonda para festexar a lectura do Cancioneiro, sempre co puño en alto e a indignación a flor de palabra. Porén aínda hai máis. Os 16 poemas que conforman o “Cancioneiro de amor anticipado”. Coma se o poeta de Podente quixera  reunir nun só libro dous dos temas que atravesan a súa variada e ampla, e aínda non valora da Galiza como lle corresponde, obra poética. Amor á patria, ás súas xentes, á xustiza. Casa moi ben co amor pola parella que acende o misto da paixón en combustión de pel con pel, co amor que che agranda o corazón coa mornura tenra de quen sabe e te sabe, na lealdade. Tamén aquí hai anovación formal, igual que antes. E permítanme que saliente especialmente aqueles en que dialoga con Camões, ou Bob Dylan.

Queren máis? Pois teñen máis. Por sinal o fermoso prólogo de Ramón Caride ou as preciosas ilustracións de Xosé Randolfe.

Ah, e non merquen só un libro. Compren dous. O tecido editorial galego agradecerállelo.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content