A VIDA E OS CAMIÑOS
Título: Tres en raia
Autor: Xosé Manuel Martínez Oca
Editorial. Baía Edicóns.
Existen multitude de metáforas á hora de explicar a vida. Non se asusten, no imos repasalas todas, simplemente abondará que mesmo “as ciencias” se vén na obriga de botar man da metáfora en moitas ocasións. Mais tampouco ese é o noso camiño. De prosa se tratando, a figuración un rol menor que na poesía, porén, tratar de explicar “qué é a vida” resulta sen dúbida a temática axial da narrativa ao longo da Historia. Sexa cal for o século, mesmo sexa cal for xenérico ou ascendencia intelectual da autoría.. Un bo exemplo disto é a Xeracións, como Otero Pedraio e Risco explicaron de distinta maneira o seu paso pola vida. Pois vén, xa Otero falaba d´Os Camiños da Vida. Resúltanos de utilidade a presenza da palabra “camiños”, porque o estradense Martínez Oca, nesta reflexión narrativa sobre a vida, tamén a presenta como tres experiencias que poden chegara ter algún tipo de paralelismo, mais que están condenadas a non converxer mais que, se o fan, ocasionalmente.
De aí o título. Na novela hai tres protagonistas. Tres protagonistas que viven unha infancia adolescencia, unha iniciación á vida, común no “seu Ourense”, mais o paso do tempo levará cada un dos tres por diferentes camiños. Co gallo de se xuntaren debido á enfermidade mortal dun deles, so tres se volven ver e comproban como que lles queda en común xa só son lembranzas, lembranzas e o afecto que se gardan. Mais as lembranzas non deixan de ser a constatación de que “o que foi” xa non é, igual que o Ourense que reatopan xa non é “o seu Ourense”. Por se isto non quedara claro, no enredo un dos protagonistas topa cunha persoa maior que non sabe onde está é pregunta por onde se vai a Ourense, el xa está en Ourense, mais o noso protagonista lévao ao seu barrio e entón a personaxe exclama “este é o meu Ourense.
Mais sigamos coa explicación do título. Tres en raia. Tres personaxes que comparten a mesma raia, situados en distintos puntos da mesma raia. Tómeno como outra metáfora, como outra imaxe existencial, nin mesmo tendo en común o mesmo camiño ( a mesma raia) estamos ubicados no mesmo lugar. E, nesta reflexión narrativa, o autor lembrou tamén autores clásicos que escribiron sobre Ourense, entre eles Antón Risco, que sendo un dos mellores e máis interesantes narradores actuais fica condenado ao esquezo, á ignorancia. En realidade, o texto de Martínez Oca percórreno bastantes outros autores, xa que ese grupo de amigos, non sempre co a mesma intensidade, cultiva a afección pola lectura na adolescencia, a lectura é un dos seus amores. Un, material, cheo de abstraccións, a carón doutro(s) cuxa imaxe é carnal e ven e desexan todos os días, María.
Evidentemente, esa xuntanza amical, co propósito antes mencionado, é un punto de inflexión a partir do cal as personaxes centrais van remerorando como foi o seu paso pola vida. A emigración, o paso por diferentes países e culturas, tanto de América como de Europa, é outro periplo que lembra a Otero Pedrayo. Aquí non hai mapa de Fontán catárquico porque a catarse no é un destino senón un proceso, o proceso de rememorar tres vidas que escolleron distintos camiños mais que, cando a vida llelo esixe, volven atoparse “na mesma raia”. Escolleron? Realmente podemos escoller o camiño a seguir na vida? Até que punto? Até que punto este non está determinado por factores externos a nós? Até que punto o azar non intervén nos camiños que escollemos?
Non se sorprenderá ninguén se dicimos que o obxectivo vital primordial, nos tres casos, é o de atopar alguén que os ame. Un alguén que non ten porque ser unha única persoa, e non pasa nada se son varias personaxes. Isto hai que tomalo con certas precaucións, porque, logo desde primeiro amor imposíbel de arrincar, os demais serán circunstanciais, non moi románticos e mesmo de conveniencia. En definitiva, unha compañía fiel, e definitiva polo menos nun certo tempo. Mais tamén iso é circunstancial. No fondo, o único que en nós permanece é a memoria. A memoria é o único vínculo que non esboroa o tempo porque, xustamente, é o único que por un lado constata o paso do tempo e por outro nos fixa nese devir.
ASDO.: Xosé M. Eyré