ENTRE ESPADAS
Tïtulo: Banu Marwn: a estirpe do galego. 2 Entre a vontade e o destino
Autor: Xosé-Henrique Costas / Ilustracións: Héitor e Martiño Picallo Fontes
Editorial: Morgante
(Miña xente. Notariades que a actividade desta Ferradura leva tempo suspensa. Iso débese a motivos alleos, mais que afectan directamente a miña vida, condicionándoa do sol á noite. Visto que me é imposíbel escribir unha crítica sen sufrir constantes interrupcións, que ademais non podo controlar na súa duración e moito menos frecuencia, tomei a decisión de abrir unha canle en Youtube e facelo oralmente. Mais como aínda non domino programas de edición de vídeo vouno tentar escribindo, como mellor poida, porque as lecturas vánseme acumulando e necesito darlles saída. Tiña que dicilo. Disimulade.)
Cando un autor concibe unha triloxía sabe que o segundo título é fundamental. Sobre todo, como neste caso, cando no primeiro se acadaron grandes cotas de valor literario e tamén na resposta do potencial lectorado. Quero sinalar isto antes de nada porque a valía dun discurso comeza a esgallar desde a dificultade que presenta a súa escrita, e só desde aí debe ser escrita a crítica. Nesta segunda entrega engádese, para máis, que será a lectura da terceira parte a que remate por confirmar algúns aspectos, como, por sinal, a lingua na que xa se nota certa evolución. Temos un exemplo moi ilustrador na alternancia de “peró” e “pero”, con bastantes máis casos da primeira palabra. É propositado ou simplemente un descoido? No primeiro caso, que eu non descarto sería un primeiro indicador de evolución. Mais tampouco podo descartar o segundo, que nas miñas carnes teño sufrido malia efectuar revisións concienciudas. No entanto, fique ben claro que a lingua empregada segue ser absolutamente innegábel, e exemplo para autorías que desexen escribir discursos históricos e non simplemente baseados na Historia. Do mesmo xeito que na primeira entrega, quen lea dispón de glosarios: toponímico, onomástico e arabismos, dialectalismos e palabras de uso pouco común. Segundo o nivel cultural de quen lea serán máis necesarios ou menos, mais sempre útiles.
O título desta segunda parte instálanos nunha dicotomía que, se daquela constituía un debate que no tempo era frecuente e habitual nas discusións entre pensadores, co paso dos séculos nunca perdeu vixencia, pois é unha das facianas do prisma desde o cal se explica (ou se trata de explicar) até que punto chega ou non o libre albedrío da persoa, entre todas as espadas. E como tal debe terse en conta durante a lectura das peripecias de Ianes O Galego, que non son poucas e comezan cunha peregrinaxe desde Munt Sáluti deica Mérida (ou Márida) onde garda esperanzas de mellora vital, pois ten contactos que o poden axudar e axudarán. Desde esta perspectiva o enredo pódese ler como un discurso de aprendizaxe que nos leva a través das diferentes confesións relixiosas que habitan na cidade. Ë moi recomendábel este tipo de lectura, pois desde el chégase a conclusións moi instrutivas sobre a época na que se desenvolven os feitos, e dá para esculcar até onde chega a hopocrisía naquel ambiente multicultural. Un ambiente no cal as diferentes relixións ocupan un espazo que teñen que vixiar ben, pois non están a salvo de posíbeis incursións inimigas. E nel o ascenso social e laboral de Ianes (que mudará de nome a medida que mude de relixión) vai ser constante. debaténdose entre o quer a el lle convén, as necesidades da adscrición relixiosa que o acolle ou acolleu e el quere defender, e a débeda de gratitude coas persas que o axudan a progresar.
Neste contexto diferenciar entre o político, o relixioso e a conveniencia individual, non sempre é doado. E constitúe o fulcro do abano que lle permite a Ianes ir choutando de posto en posto deica acadar a máxima responsabilidade na cidade, naquela cidade emeritense que é como un reino que debe obediencia ao amir de Códoba, e polo cal ten que pagar.
E non lles desvelarei máis nada do que teña que ver co enredo. Non o farei porque quero salientar ouro aspecto moi relevante no discurso. Refírome ás preciosas descricións coas que Xosé-Henrique Costas obsequia, cunha atención ao pormenor que fai que pareza que estamos vendo en primeira fileira o que se nos describe. Isto, que na novela actuala adoita quedar nun segundo plano e case mesmo desaparecer (en comparanza coas que aquí lemos),no discurso que nos ocupa ten especial importancia, quer sexa de persoas, das súas roupaxes ou de edificios. E dentro disto non podemos esquecer a creación de ambientes sociais e humanos, ilustradores do medio (ou dos medios) en que se desenvolve un enredo que en si é moi complexo, como complexas son as distintas pulsións que se entretecen no corazón e na cabeza do ser humano. Non compre moito furgar no amplo abano delas, abonda con que se manifesten para percatarnos do fondo humanitarista que aniña en todo discurso. Na información editorial dáse conta da lealdade, o amor, a amizade, o poder, a traizón, intereses e comencias, crenzas, trasacordos…Eu quixera salientar unha sobre todas as demais: a cooperación. Esta é necesaria non só para o ascenso social, tamén é imprescindíbel para que os fregueses das diferentes confesións se sintan seguros e poidan levar adiante as tarefas vitais.
Na crónica da primeira entrega titulei “ Isto é unha novela histórica” e agora apetéceme continuar “ e todas deberían ser escritas así, con este nivel de atención ao pormenor, tanto físico como arquitectónica e de coñecemento da alma humana para recrear un momento histórico convulso e confuso no coexisten diversas formas de entender o mundo (ou relixións) sendo ademais un tempo en que a evolución lingüística transita desde o latín falado ás linguas romances”
E se a primeira foi/é unha gran novela histórica, esta segunda parte mantén o nivel e fainos agardar don devezo a terceira e definitiva entrega. Entre o rigor histórico e a ficción Xosé-Henrique Costas tamén reivindica o galego do Val das Ellas, que será a culminación da triloxía.
Sen dúbida será unha triloxía histórica para a Historia das nosas letras
Lean. Desfruten. Aprendan
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)