crítica de SOAMENTE UNHA VEZ, de José Mondelo, en Xerais.

Porxmeyre

18/01/2022

 DESMITIFICANDO

Título: Soamente unha vez

Autor: José Mondelo

Editorial. Xerais

José Mondelo (antes JAM) non precisa escribir máis nada para ter un lugar propio e inamobíbel na historia da nosa narrtiva actual. Un pequeno favor e outras historias de humor perverso (Sotelo Blanco 1984) contén unha das pezas teatrais máis deliciosas que lin. O ollo pecho e outras historias desagradábeis (Sotelo Blanco, 1989) contén unha das novelas negras imprescindíbeis no decorrer do xénero nas nosas letras. Dito isto, non fica todo dito, pois son volumes que conteñen  máis de un enredo, sempre raiando no experimentalismo iconoclasta e sempre creando atmosferas atafegantes, desas que envolven a quen le, que aquí non é tópico senón delirante realidade. Se na súa biblioteca non teñen eses dous volumes, non agarden máis, como tampouco debería agardar a reedición de ambos e dous. Dito isto aínda quero engadir que é autor que sempre sorprende nos seus discursos. O seu corpus literario non é grande, mais todos son títulos que desafían o barullo cultural-social do momento.

            Como neste caso. Soamente unha vez  non é un romance que conteña varias novelas enrodeladas no mesmo enredo, aínda que ben posería facelo. Se nos dous anteriores títulos mentados había unha historia central e despois outras máis breves e diversas, neste caso sob o pretexto dun discurso policial, a invesigación a propósito do corpo dunha muller que atopan dous cazadores e coa que se inicia e remata o romance, o decorrer dos feitos leva a que primeiro o inspector Paiana relembre a súa infancia e que, despois, en conversa co comisario e cunha xornalista desmitifique tópicos e lugares comúns (asumidos sen discusión ou aparentemente lóxicos) a redor do mundo da espionaxe e os corpos de seguranza creados para actuaren na sombra, primeiro, e despois, xa coa xornalista, o labor poilicial, do que en realidade coñecemos pouco e o que coñecemos está contaminado polas ficcións made in Hollywood, ás veces reproducido en enredos non USA cando as realidades legais e policiais son distintas.

            O feito de vivir e traballar en Francia, e ser protagonista dese mundo de espionaxe, contraespionaxe, conleva que sexa moi verosímil o coñecemento da filmografía (e literatura, tamén) francesas. A min, concretamente, agrádame moito que para a desmitificación USA bote man da filmografía francesa, que sempre me contentou moito máis que a previsíbel hollywwooodiana, tan de llaneros solitarios (expresión súa) que actúan nas marxes da prepotencia e da a-legalidade, cando a realidade é que @s policías sempre teñen mandos susperiores aos que obedecer e tarefas burocráticas que lles comen tempo que poerían empregar con máis utilidade e eficiencia se puideran continuar coas súas pesquisas. Desde aquí, na ficción do romance, ofrécense datos moi críbeis a cerca de decisións políticas que condicionaron investigacións policiais, por sinal daquel sonado caso da desaparición en Portugal dunha nena inglesa mentres os país saíran cear fóra. Digo, por sinal, como tamén podo dicir que na desmitificación hollywoodiana, nin o mestre Hitchkoc se libra, nin el nin as escenas máis icónicas da súa filmografía.

            Certamente, estas dúas conversas desprazan o eixo central da investigación relativa ao cadáver da muller atopada polos cazadores. Ralentiza a súa resolución, mais as conversas prodúcense no transcurso do labor policial, pois ningún/ningunha policía é quen de estar 24 horas os sete días da semana pesquisando sen parar. E é neses momentos de impás que se producen.

            Eis un romance que deberían ler, e ter moi en conta, as autorías que escriben novela negra ou policial. Deberían. Igual que deberían ler Un ollo pecho ou, por sinal, o contributo de Antón Risco, tan inxustamente silenciado polo tempo, mais iso será tema para outro artigo.

            Esta estrutura condiciona en certa maneira que as personaxes non acaden todas o mesmo nivel de configuración psicolóxica. O inspector Paiana é o centro, o resto pivota a redor del. Mención especial merecen a xornalista e os dous sospeitosos. Alén diso, o autor bota man dunha ben rica fraseoloxía, tanto na narración como nos diálogos, a mágoa é que tamén usa vocabulario innecesariamente dependente do castelán (“boquiaberto”) e tamén na fraseoloxía (“fai unha diabrura”, “custase o que custase”, “con esas me vés agora”, “colle pan e molla”…)

            Evidentemente non lles vou desvelar nada a cerca da resolución do caso, simplemente lles direi que resulta moi coherente con todo o exposto con anterioridade.

            Non agarden máis. É unha desas lecturas que sempre se agradecen.

            ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content