crítica de THE MAKING OFF (Xavier Alcalá, Galaxia)

Porxmeyre

14/11/2018

A CARA B DA EMIGRACIÓN

Título: The making off

Autor: Xavier Alcalá

Editorial: Galaxia

Territorio predilecto é a Arxentina para Xavier Alcalá, ficcional e non ficcional. E nótase. O seu corpus literario está ben nutrido de títulos que nos levan á Arxentina, á Arxentina Austral preferentemente. E agora, despois da evanxélica triloxía e 14 anos de silencio, desde Entre fronteiras, volve a unha terra, a Patragonia, e a un feito, a emigración, que coñece moi ben, pois son numerosas as viaxes con ese destino e os contactos co mundo da emigración austral. Ocasión, pois, para non deixar pasar por alto, un escritor do prestixio de Xavier Alaclá escribindo sobre un dos temas dos que máis nos pode ilustrar. Mais neste caso non se trata de relatar ningunha epopea da emigración. Nin moito menos. Esta é unha novela bastante desmitificadora. Non se retrata o emigrante exitoso, o indiano que volve coa faltriqueira chea. Non. Esta é a cara B da emigración, un submundo de alcol, prostitución, violencia, xogo e fracaso.

Na novelas, que se presenta dividida en dúas partes, conta tamén con dúas estratexias narrativas diferentes en dous tempos diferentes. Un escritor e un xornalista con bos contactos na Patagonia reciben o encargo de investigar a estraña morte dun emigrante nos anos 40 do pasado século, o que se relata nunha época asimilábel á actual e conta as primeiras pesquisas. O diálogo entre estes dous protagonistas e as súas pesquisas inician cada unha das partes da novela. Logo, nas segundas partes, cóntase a historia de Alfredo Mosqueira, tamén coñecido Coghomelo pequeno entre outros alias, que, por circunstancias que non imos desvelar, vese na obriga de emigrar a Arxentina nos anos 30, onde xa residen tres irmáns seus, que o acollen nos primeiros tempos. Mais ao Coghomelo non lle gusta o tipo de vida que leva cos seus irmáns e as súas cuñadas e decide vivir pola súa conta. Esta é a situación de saída. A partir de aí Xavier Alcalá cóntanos a historia dun emigrante pouco amigo de baixar o lombo e que procura traballos que non lle forcen os cadrís. E atópaos. Mais tamén é moi dado á xogueta, a bater o naipe, e móvese polos chamados baixos fondos, incluídas as “casas de tolerancia” ou prostúbulos. Primeiro en Buenos Aires e despois en Comodoro Rivadavia, cidade da provincia de Chubut, na Patagonia, onde hai moito traballo no asunto do petróleo e corre ben o carto nas mesas de xogo.

A historia do Coghomelo, eses anos que bota en Buenos Aires e Comodoro Rivadavia é, obviamente, o centro, o obxectivo da novela. Alfredo Mosqueira, un tipo co que non é doado empatizar porque representa o lado egoísta e menos solidario do ser humano. El tamén manda cartos á casa, a Galicia, mais faino por non ser menos que os demais, non por outra cousa. Tamén ten algo de pícaro, sabe desenvolverse moi ben polos baixos fondos en calquera circunstancia, e iso fai que o lector o vexa con mellores ollos. Ten éxito no que se propón, laburar en traballo cómodo, gañar prata coa xogueta, aliviar os baixos instintos cando é de necesidade ou vicio, mesmo chega a ser proxeneta e a colaborar cos alemáns durante a guerra, o negocio é o negocio. Ao seu carón hai outras personaxes que se poden considerar como emigrantes típicos, mais el non, el representa a cara menos coñecida, e non por iso menos real, da emigración.

A trama transcorre entre mediados dos anos 30 e primeiro anos 40. É un período de dúas guerras o que Alfredo Mosqueira pasa na Arxentina. A guerra española e primeiros anos da segunda mundial. Contada coa habelencia narrativa dun autor que domina moi ben a lingua e iso sérvelle para demostar unha riqueza expresiva que é de salientar porque lle confire ao texto un ar envolvente no cal o lector se sente cómodo, seducido, ben acompañado e dirixido por un narrador experiente capaz de recrear ambientes até o pormenor máis incríbel e inagardado, tanto ten que sexa en Buenos Aires como en Comodoro Rivadavia, nos baixos fondos ou na sociedade máis acomodada. Unha desas novelas de longo alento, unha ficción filla da realidade, como lle chama o autor nos agradecementos, que, cando un a le, se sente despois cun coñecemento máis rico da realidade que foi a emigración galega. É unha novela que enriquece ao lector, ofrecéndolle unha visión anovadora e complementaria da estadía dos galegos na Arxentina nunha época moi convulsa por motivos externos que o narrador non deixa de atender, mais tamén unha época onde se podían facer grandes negocios.

En resumo, The making off é unha desas lecturas que cando a rematas concllúes: lin unha boa novela.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content