crítica de SILENCIO, de Agustín Agra, en Galaxia.

Porxmeyre

12/01/2021

LITERATURA CONTRA OS DOGMATISMOS

Título: Silencio

Autor: Agustín Agra

Editorial: Galaxia

Dende O recendo das mimosas (2009) non lembro ler nada de Agustín Agra dirixido a adult@s. E, como se di na presentación editorial da contracapa, “pagou a pena a espera”, e moito, porque os oito relatos desta Silencio están construídos coa pericia do ourive que pretende que as súas obras sexan únicas aínda que ás veces garden certa continuidade á hora de argallalas. Comezarei por explicarlles o título, pois non en van preside e dá sentido único ao monllo de relatos, mais xa lles adianto que procurarei non identificar as personaxes centrais dos relatos porque precisamente a administración desa información é un elemento clave, fundamentalísimo, a pedra mestra, dos relatos de Agustín Agra. Pois ben, o título, ese “Silencio” refírese a un retrato de Charles Darwin onde parece a súa faciana cun dedo sobre os beizos, actitude de pedir silencio. E agora que mentei a Charles Darwin, xa non é segredo ningún se lles digo que a temática dos relatos está concebida para ilustrar como ao longo do tempo a ciencia loitou contra os dogmatismos imperantes no momento. “Atrás deben quedar a ignorancia, a superstición e o dogmatismo milenario “ (136). No seu lugar aposta por “valores como a universalidade do coñecemento, o respecto entre as diferentes culturas, os dereitos humanos ou a democracia, esa vella e desvirtuada palabra, baleira xa nos nosos beizos do seu significado orixinal” (136).

                     O libro ábreo un relato onde Cristina Goettsch (Mittermeier), xenial e imprescindíbel fotógrafa mexicana, se adentra nunha xeografía inhóspita mais tamén unha xeografía non cartografada polo ser humano. Esta viaxe (non ten importancia que saiban o nome da viaxeira) é a presentación dun volume onde se reunirán relatos de xente que desafiou a hostilidade de dogmatismos históricos que impedían o progreso da humanidade. Unha anunciación metafórica e tamén un xeito de reivindicar o papel da muller (e non será a única vez, pois hai outro relato no que tamén acontece o mesmo) nun mundo que historicamente as relegou ao rol de acompañantes case anónimas de homes que levaron o mérito, un mérito onde non se recoñece o seu traballo. E, igualmente, o derradeiro relato tamén é máis que o relato reivindicando a figura dun dos nomes imprescindíbeis á hora de falar da Xeografía moderna, porque ten o seu de metaliteratura e, por sinal, se explica que este sexa un libro de relatos en lugar dunha novela. O relato volve estar contado por unha muller, que fala do seu fillo ( e debemos entender que matofricamente ese fillo tamén é libro que teñen nas mans) e lle aconsella que “é tempo de crear, de descubrir, de soñar” e “que o abraio mova o mundo” (137).

                     Mais volvamos aos relatos tal e como se presentan. O segundo tráenos unha sorte de cruzamento teórico entre Isacc (Newton), Nicolao (Copernico), Tycho ( e non lles direi o apelido), Johannes (Kepler), Giordano (Bruno) e Galileo. Digo cruzamento de opinións porque o relato, fragmentario, consiste na sucesión de fragmentos dedicados a eles, ás veces en alternancia. E, posto que aquí non me quedou máis remedio que citar os protagonistas, non lles direi nada sobre a trama porque, sabendo quen son os protagonistas seguro que vostedes poden enxergala axeitadamente. E, como xa lles dixen, non volverei identificar os protagonistas dos seguintes relatos, non, porque precisamente o autor xoga moito con esa información, de xeito que só se revele o nome completo do protagonista central ao remate. De todas maneiras, quen le ben pode imaxinar quen son sabendo o contexto científico en que se moveron aínda que todo está moi coidado para menter a tensión até o final, ofrecéndonos unha visión desa personaxe na que está moi presente o contido humano. Hai aquí un evidente apelo a que quen le amose unha actitude participativa, e non nunha actitude pasiva, á hora de ler. Só lles adianterei que a seguir aparecen os “pais” da Química moderna (e aí se volve reivindicar o papel da muller, xa lles dixen), da Xeoloxía, da Bioloxía ou da Botánica…

                     O libro, en cada un dos relatos e máis perceptibelmente nos fragmentos ou relatos menos breves, mesmo hai que dicir que está contado con elegancia, cunha elegancia que se amosa tan discretamente como efectivamente. Ao que hai que sumar un traballo estrutural, para crear e manter a tensión narrativa, moi loábel que se manifesta xa desde a mesma concepción do relato e da voz que nolo conta. E tamén que se literaturicen pasaxes da vida destes ilustres que agrandan o seu perfil humano, como dixemos.

                     O resultado é un libro non só de moi agradábel lectura, senón que tamén esa lectura resulta unha homenaxe a “científicos” que se atreveron a desafiar dogmatismos imperantes durante séculos, de xeito que a humanidade puidese progresar. Naturalmente, tamén é un libro semente, un libro semente desde o momento en que o remate convida a seguir loitando polo progreso da humanidade nun momento como actual, especialmente crítico.

ASDO.: Xosé M. Eyré                                      

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content