crítica de SEN PIEDADE (Pedro Feijoo, Xerais)

Porxmeyre

07/11/2018

 

TEMENDO A TRAXEDIA

Título: Sen piedade

Autor: Pedro Feijoo

Editorial: Xerais

Desde que se estreou, alá polo 2012 con Os fillos do mar, o de Pedro Feijoo é un dos nomes que máis expectativas xera no leitorado galego, por iso cada nova aparición súa nos trinques das librarías adoita ser unha boa noticia para quen segue a literatura galega. Nesta ocasión chega cun título, Sen piedade, que fai lembrar historias clásicas ou propias do cinema, o filme de John Badhan que en castelán levou un título semellante resulta obvio mais a estrutura tramática da novela leva tamén a pensar na maneira en que Hitkchock tiña de transmitirnos as súas historias, sobre todo na súa capacidade para inculcarlle ao lector o temor a algo que vai suceder e as personaxes non poden controlar. Desde ese punto de vista, esta nova novela de Pedro Feijoo resulta moi cinematográfica, ten mesmo certo parecido coas road movie, desde o momento en que este tipo de filmes adoitan ser fuxidas cara a adiante, cousa que tamén se pode dicir desta novela, ademais de que tamén hai unha viaxe en auto polo medio.

A situación de partida preséntanos a un mozo, Teo, que volve dos USA de maneira intempestiva, antes de rematar o curso que estaba estudando e coa única razón de querer recuperar a que fora a súa moza deica o momento en que el parte ao estranxeiro. Na súa volta xúntase con Gordo, amigo seu de vello, con quen confidencia e con quen emprende unha viaxe a Compostela coa finalidade de esquecer unha moza que segundo Gordo xa non o quere. Ben, iso é así, mais que fai a policía seguíndolles os pasos?, será só pola droga que levan?, será só polo auto que collen emprestado?, haberá algo máis que non se nos di? E que fan uns mafiosos seguíndolles tamén a pista?, será pola droga ou haberá outra razón? Por suposto, nós non imos desvelar a resposta a ningunha desas preguntas, formuladas para que o lector destas liñas decida se lle interesa a proposta lectora ou non.

Sen piedade é coma unha illa no corpus literario de Pedro Feijoo, ou coma unha botella ao mar lle temos lido nalgunha entrevista. E, malia todo, malia prescindir do trasfondo histórico co que até agora adoitaba contar, quizá é a súa novela máis persoal. Un proxecto que comezou sendo unha tentativa de novela para mozos e mozas e que logo derivou nun axuste de contas consigo mesmo. E co lector. Unha maneira de baleirarse, de espirse, diante do lector, mantendo esa atmosfera típica nos seus textos, esa tmosfera chea de preguntas que contribúe a que a historia que se conta interese cada vez máis ao lector. Un lector que se sente no medio dunha espiral que non controla, coma as personaxes, e que agacha terríbeis acontecementos por suceder. Un lector que bota toda a novela temendo un remate tráxico que, por suposto, chegará, mais de maneira insospeitada polo lector. Velaí o grande segredo dos textos de Pedro Feijoo, esa súa capacidade para crear tramas que xeren interese no lector, e que ese interese se manteña e incluso medre co pasar das páxinas. Aquí, nesta nova novela, malia contar con poucas personaxes, que tamén é unha novidade e dificultade.

Ten certo parecido coas road movie, xa o dixemos, e tamén coa novela policial, mesmo negra, mais nunca chega a ser novela policial, nin negra. Simplemente é a historia dun fracaso. Unha mostra de como a vida dá máis voltas das que nós lle podemos seguir, e como unha desas voltas poida que nos sorprenda dunha maneira totalmente inagardada. Tamén é unha historia de amor e amizade, e de silencios, non só o das personaxes protagonistas, Teo e Gordo, que alimentan a trama da novela; tamén o silencio delas, das mulleres, que permanecen en segundo plano, en silencio, sen voz. E como un xogo co lector e unha maneira de baleirarse e facer máis seu o discurso, velaí os títulos dos capítulos, uns capítulos que tenden á brevidade, o que proporciona ao discurso grande axilidade e colabora no in crecendo do suspenso en que mantén ao lector, mais tamén uns capítulos que levan títulos que directamente teñen que ver coa música, e que o lector pode xogar a descubrir, un apaixonante labor.

Sen piedade mantén sempre o interese lector e non promete o que non dá. Esta é unha novela fresca, que prescinde do típico policía ou detective de volta de todo, un tanto cínico e que pontifica ou filosofa sobre a vida. Resulta moi de agradecer. Porque xa cansa. E roubaría protagonismo ao lector, porque se o texto está cheo de preguntas que sosteñena trama, as principais preguntas son as que o lector se poida facer unha vez remata a lectura. E as súas respostas. Como se puido chegar a semellante situación? Como é que non vemos o que temos diante? Opción recomendábel. Sempre é bo facerse preguntas. Para que as respostas non nos collan desprevidos.

Ou non. Porque esta novela de Pedro Feijoo, á que lle viría ben un pouco máis de respeto pola onomástica galega, tamén reivindica a lectura pola lectura, a lectura entretida, que tamén é unha das principais funcións da literatura, que nos entreteña. E esta novela cumpre á perfección este requisito, cunha estudadísima e acertada estrutura da historia, cunha moi planificada e acertada dosificación da información, cun suspenso que se mantén e medra a cada páxina que lemos, até a sorpesa final.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content