EFECTO E VIRTUDES
Título: Piñeiro, o aviador, e os Sr. Verne
Autor: Xavier Lorenzo Tomé
Editorial: Positivas
Seguindo na moda da ficción realista, a novela que hoxe imos comentar, representa unha aposta polo realismo con algunha achega do que se vén chamando autoficción e do que tanto se vén falando. Por sinal: a cuestión de se excesivo realismo autoficcionista como narración de acontecementos persoais non estará matando a ficción…segue aí. Pois ben, esta novela de Xavier Lorenzo Tomé parece e é unha clara resposta a ese dilema. Dito con outras palabras, o autor escribe unha novela realista botando man dun recurso moi propio da autoficción (mais non exclusivo, tamén na narrativa histórica aparece) como é inserir fotografías no discurso. É coma se o autor quixese explorar até que punto se pode chegar ficcionando acontecementos reais (mais non propios da narradora) e en que medida o recurso da autoficción pode axudar. Evidentemente, eu non lles vou dicir a resposta porque sería de adiantar o remate da novela. Quen lea debe preocuparse de buscar esa resposta por si mesm@. Xa lles anuncio que non é unha resposta mala e atopar.
De primeiras podemos dicir que Xavier Lorenzo Tomé reivindica a figura dun dos pioneiros da aviación galega, Xosé Piñeiro. Xa só por iso, por esa reivindicación, o libro merece lectura atenta, á marxe de calquera outra circunstancia.
El, as súas aventuras e aconteceres como piloto dun Bleriot de 50 cv, son o centro da novela. O Sr. Verne é en realidade o fillo de Jules Verne e o discurso, desde xa o título, plantexa un posíbel encontro entre os dous. Mais, que poden ter en común un escritor e editor cun pioneiro da aviación na Galiza? Outra pregunta que non lles podo/quero responder mais si é ben importante que non me esqueza nesta crónica libresca, tamén ten que ver co remate. O que si podo dicir é que o Sr. Verne é un convidado a este discurso reivindicativo do aviador Xosé Piñeiro. Non se trata dunha biografía ao uso senón que se centra nos anos como aviador de Piñeiro, anos antes da Primeira Grande Guerra.
Para contar esta historia, o autor crea unha narradora omnisciente (mais que sabe moi ben o que que non pode/debe contar e cando) que trata de empregar un estilo próximo ao solemne, como merece a figura central da novela, sen desbotar certo desenfado, para que a lectura sexa máis amena, que aparece de cando en vez. Esta conxunción non é doada de conseguir, e así debemos dicilo. Como tamén hai que deixar claro que esa narradora é o principal defecto da novela, pois impide que as personaxes se manifesten por si mesmas e desta maneira o enredo se manifeste con máis vivacidade, poren sempre está aí o filtro narratatorial para contar, e de paso impide que as personaxes se manifesten en por si.
Do resto cabe dicir que o autor é ben atencioso á hora de reproducir o ambiente social e humano da época, pormenor moi importante nunha narración histórica que se prece e, como van alá máis de cen anos dos acontecementos relatados non cabe outra que definir a novela, definitivamente por completo, como unha novela realista histórica.
Iso si, o discurso merecería unha revisión final máis demorada e eficiente que, polo menos, evitase certos castelanismos que aquí aparecen.
ASDO.: Xosé M. Eyré (membro da Asociación Galega da Crítica)