crítica de O TIGRE NA BOCA DO LAGARTO, de Antón Dobao

SE CADRA NON O PENSARAS

Título: O tigre na boca do lagarto

Autor: Antón Dobao

Editorial: Xerais

Xa o título nos debruza diante dun paradoxo. E cos paradoxos, esas contradicións aparentes pode que non o sexan tanto, e inclusive que non o sexan. Antón Dobao preséntanos aquí un mangado de relatos en contigüidade, aínda que muden as personaxes esta nunca rompe, e iníciase o volume con dous relatos que nos van adiantar o clima en que se moverán as personaxes, que non é precisamente apracíbel senón que está máis próximo á angustia vital. Non é que que renuncien a un azar venturoso, cousa que quen le non deixará de pensar porque esa procura é moi propia d@s human@s.

“Sandalias descalzas”, o primeiro relato, presenta a Lito e Sara, a súa sensación de perda, de angustia vital. Mentres no segundo (“Cuarto 1612”) son Lucía e Nina, pode parecer un relato n tanto claustrofóbico, mesmo un algo surrealista; mais se consideramos 1612 como número cuántico, a dimensión que toma é moi diferente. E esta consideración pode resultar moi acaída, se temos en conta que o seguinte (“A viaxe”) presenta  trece apartados, levando cada un como título un número cuántico, desde o 0001 até o 1101. Non agarden que eu lles dea moita información sobre eses números cuánticos, aínda me é información vedada. Mais si lles aclararei que o número cuántico contén catro apartados: o número cuántico principal (que é o primeiro), o secundario ou azimutal, o terceiro é o número cuántico magnético, e, finalmente o número spin describe o momento orbital da partícula.

De todo isto infírese a observación da vida desde o punto de vista da física cuántica. De tal xeito que non é simple decoración, pois o contido das diferentes partes vai contar cun enredo que ten, dalgunha maneira, relación co número cuántico que o preside. Aquí os  protagonistas celebran o 25 cabodano da Selectividade, entre eles están Manolo (o creativo) e Lázare, o triunfador. Evidentemente a quebra espazo-temporal tamén se manifesta. Na páxina 82 lese: “Se o tempo e e o espazo son unha única dimensión,  por que aceptamos as viaxes no espazo e non no tempo?”. Ë unha pregunta crucial. Que ninguén vaia pensar que estamos diante dun discurso futurista. Para nada. Aínda que si haxa viaxe no tempo (Lázare). E todo isto ten que ver coa literatura, só escribir pode salvar.

Todo ten que ver coa literatura. Non lles vou adiantar máis nada do enredo. Só dicirlles que formalmente é un libro moi coidado, que non aforra á hora de presentar técnicas narrativas diversas, desde o diálogo do narrador coas personaxes, o monólogo interior ou o discurso automático que non repara en convencións ortográficas.

Todo ten que ver coa literatura, inclusive coa literatura escrita mediante Intelixencia Artificial, que ten moito predicamento sobre todo en Asia, onde máis na China. Convocaron premios só para novelas escritas por computadoras, lembro. E resultan novelas entretidas, formalmente notábeis.O procedemento a seguir consiste en introducir no computador toda a obra de determinada autoría e despois pedirlle que escriba unha nova novela. Porén a IA non ten o poder de crear nada novo, dará á luz discursos sempre baseados no que coñece desa autoría. Que, persoalmente, tampouco é tan malo pois proporciónalles ás autorías unha forma de inmortalidade. Sabendo que nunca a IA poderá crear discursos novos onde se manifeste a evolución da personalidade humana, nin tampouco terá doado crear vangardas que rachen co  discurso establecido, o problema que se presenta agora é o uso parcial da IA. No Xapón, o prestixioso Premio Akutagawa foi gañado pola escritora Rie Kudan, quen fixo un uso parcial da IA. Isto engade unha nova problemática: primeiro, o xurado non se decatou; segundo, é posíbel admitir esta práctica?; e terceiro, se antes se respondeu afirmativamente, en que proporción?

Xa dixen que non lles quero adiantar nada máis do enredo. Mais si salientarei que remate parécese moito ao de Marco Denevi en “Apocalipse” ( Ceremonia secreta y otros cuentos, NY, 1965)

 

ASDO: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content