E DÍGOVOLO EU PORQUE O LIN
Título: O que non ten prezo
Autor: Xosé M. Pacho Blanco
Editorial: Galaxia
Non sei se lle soará tanto como eu teño na lembranza o nome de Xosé M. Pacho Blanco, e digo isto referíndome unicamente á súa obra literaria. Aquela A choiva do mundo (2008, Galaxia, Premio Torrente Ballester) deixárame marabillado tanto pola sensibilidade coma pola precisión técnica coa que foi concibida e executada. Por iso este novo título espertou en min un horizonte de expectativas que me apegou ás súas páxinas impedíndome pausar a lectura. A continuación explicareilles as razóns.
Na última crítica por min publicada (Cáncara, Fran Alonso, Xerais) aludía a ela como “arte-facto” narrativo, o cal vén moi a conto pois tanto A choiva do mundo coma esta O que non ten prezo encaixan perfectamente nesta definición. Con certeza existen moitas similitudes entre ambas novelas, e entre elas está o carácter experimental; é dicir: a literatura (narrativa) preséntase como campo propicio no cal explorar as fronteiras narrativas. Alén diso tratáse de dúas novelas estruturadas sobre a coralidade de múltiples personaxes que aquí se manifestan en capítulos, independentes mais contiguos, que raramente superan as tres páxinas, que na teoría crítica anglosaxoa (sobre todo a estadounidense) se veñen denominado “short-short story” ou “short-short fictión” e que tamén servirían para explicar e contextualizar axeitadamente a triloxía final de Álvaro Cunqueiro. Salvando as distancias, tanto a novela de Pacho Blanco como a triloxía do mindoniense perseguen unha finalidade moi afín, consistente en ofrecer unha memoria de vida; que, no caso de O que non ten prezo, funciona como un prisma ou caleidoscopio que, segundo xiran, dan acceso a unha galería de personaxes que perseguen a felicidade, que cobizan o amor, o sexo ou a beleza, sen esquecer baixezas como a corrupción, a trata de brancas ou o latrocinio.
Non é a miña intención facer un exercicio de literatura comparada, entre outras cousas porque son moitos os discursos narrativos que contan con estrutura fragmentaria. Quizá axude un tanto a individualizar esta novela o feito de contar cun narrador que achega múltiples referencias culturais, habilmente integradas no corpo narrativo: Sara Bertrand, Shakespeare, Chapitô (jazz africano), Pepetela, Saramago, Pessoa, Goethe, Kundera, Platón, Kant, Orson Wells, Catelao ou Roberto Bolaño, só son uns poucos nomes mais ben valen como sinal.
E aínda quero retornar ao fío de Álvaro Cunqueiro. Pois, se tanto A choiva do mundo como esta O que non ten prezo son susceptíbeis de seren cualificadas como “posmodernas”, isto acercenta e pon en valor a obra de don Álvaro, que, nos tempos que vivimos está envolto nesa néboa de esquezo inmediato que caracteriza a meirande parte das autorías máis novas. E, se queren que o diga doutra maneira, se o mindoniense vivise hoxe escribiría como Pacho Blanco.
Agora si, non podo remtar sen me referir ao antecedente que máis aclara O que non ten prezo, e que non é outro ca O lapis do carpinteiro. Se na novela de Manuel Rivas era un lapis o que pasaba dunha man a outra transmitindo a memoria e funcionando como conciencia materializada, agora un billete de cincocentos euros serve como ente ou imaxe simbólica que fai posible transmitir o depósito moral da experiencia humana. Outra sorte de realidade intelixente. O billete, permítasme a comparanza, é como as agullas de calcetar que van entrelazando a la e rematan por conformar un tecido de alta concentración estética.
Para rematar direi que ese billete é o verdadeiro protagonista do enredo desta novela dedicada a “todas a persoas que está fóra de curso legal”. Porque el sempre estaba alí e podía contalo. Así, quen a lea, entenderá mellor o título desta crónica libresca. O que lles contei seino porque lin, dun xeito semellante ao billete que, repito, sempre estab alí.
E, xa saben, non compren só un exemplar. Agasallen outro e teñan certeza de que moito llelo agradecerán.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)

