A MORTE DO ENXEÑEIRO
Título: Non é de Taramundi
Autor: Luís Manuel García Mañá
Editorial: Galaxia
Unha nova entrega de García Mañá sempre esperta expectación. E como el é fillo estremeiro (nai e pai, pai de Taramundi e nai da raia con Portugal)e téndose dedicado con esmero e perseveranza difusión e coñecemento do Couto Mixto, era lóxico pensar que nalgún momento podería voltar o ollo narrativo cara a Taramundi, como unha maneira de resolver unha débeda que lle quedara aniñada nos recovecos da memoria. Pois ben, aquí temos este romance curto ou novela para saldala.
Non é exactamente en Taramundi onde acontece o enredo, senón que a meirande parte del ten como escenario a vila de Vilaoudriz, a onde regresa unha moza inglesa, filla dun enxeñerio inglés e dunha galega, coa pretensión de esclarecer os pouco claros motivos da morte do seu proxenitor. O feito de que a protagonista sexa muller e inglesa, debería axudar a contrastar a realidade das mulleres rurais galegas coa dunha estranxeira que mora nunha cidade estranxeira e próspera. E, en parte así é mais non se decidiu o autor a explorara esta vía con decisión. E tamén non ao revés, malia ficar ben claro que é ollada con reparo e curiosidade, a relación con Julia podería ser máis rica nese sentido, dicimos especialmente con Julia porque é a muller coa que máis relación ten.
Visto o visto, o esclarecemento das circunstancias en que se produciu a morte do enxeñeiro inglés é o único fío narrativo do que se tira partido, de xeito que estamos perante un discurso detectivesco a varias mans, pois á sagacidade da protagonista hai que xuntar outros adxuvantes corais decisivos, como o xuíz de paz, o avogado, o mesmo xuíz que cooperan na resolución do caso ou Pepín, o condutor de alugueiro. En ningún momento se pretende unha focalización propia do xénero negro, é dicir: a análise da forma de vida (non sempre marxinal) do mundo da delincuencia. Dicimos isto porque ás veces conflúe o discurso detectivesco ou policial co xénero negro. Andrea Camillieri é un bo exemplo. Mais Montalbano, para a resolución dos actos delitivos sempre bota man dun preciso coñecemento da vida e ambientes en que se moven as vítimas, cousa que non sempre entenderon os seus imitadores, algún deles galego.
O desenvolvemento das pesquisas ten lugar ao longo de dúas semanas e cada capítulo leva o nome dese par se semanas. E vaise producindo de xeito que a administración da información que obtén a protagonista é a mesma á que ten acceso quen le. O suficiente como para tirar da lectura curiosa, sen deixar demasiadas pistas, nin insinuar posíbeis culpábeis alén de condutas pouco ortodoxas para un universo rural de mediados do século pasado en que teñen lugar os feitos.
A nivel de escrita non podemos dicir que este sexa un título á altura do resto que conforman o corpus do autor, de redacción bastante máis coidada, puída, esmerilada. De xeito que, alén do proceso pesquisador da morte do enxeñeiro, mantense como foco principal de atraemento lector o feito da localización do enredo nunha xeografía moi pouco transitada na narrativa galega, a das terras fronteirizas entre Galiza e Asturias pola parte norte, aínda que retemos na memoria Ninguén queda (Brais Lamela, Euseino?, colección Rüa do Lagarto) pola súa actualidade, e outros autores como Jaureguízar a teñan visitado, o certo é que as terras de Taramundi pouco máis que mencións acadan na nosa narrativa, sendo esta de García Mañá a que presenta ese escenario con convicción.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)