crítica de NOITES DE SAFARI (Marleen MaLone, Xerais)

Porxmeyre

11/04/2018

CATÁLOGO DE AMANTES DESORIENTADOS

Tïtulo: Noites de safari

Autora: Marleen MaLone

Editorial: Xerais

Un ve o libro e pensa que Xerais nos quere dar a coñecer a unha autora foránea. Un abre o libro e xa na lapela se decata de que Marleen MaLone non é outra que Iolanda Zúñiga, poñendo en práctica un xogo de heteronomía pouco frecuente na literatura galega. En realidade tamén o discurso vén reafirmar a heteronomía, que acada cotas máis elevadas cando Iolanda Zúñiga escolle parte do discurso para que fale por ela na lapela. Isto é o primeiro que sorprende nun título que se acha a medio camiño entre o libro de relatos e  a novela, pois nos 23 relatos vaise construíndo unha continuidade/contiguidade que ben pode facer pensar na novela, mais por outra parte nalgúns relatos nótase que só son iso: relatos, por iso dicimos que o libro está a medio camiño.

En Noites de safari, unha muller, que adopata o nome de Marleen MaLone porque o apelido fai referencia á soidade e que se acha preto dos corenta, deice pasar de ser receptora pasiva a tomar  a inicitiva nas cuestións que teñen que ver co sexo. Así, empodérase sexualmente e pasa de ser carnaza a converterse en depredadora, como ben di a contracapa do libro, pero non conta con que traumas e desfectos do pasado poidan entorpecer os seus propósitos. Por iso o libro se converte nun catálogo de amantes desorientados, ou un manual, como indica o subtítulo. Marleen MaLone, MM, decide saír de safari pero os amantes resúltanlle un conxunto de seres desorientados. Cómpre indicar que, contrariamente ao que indica o título, os relatos non sempre acontecen de noite, de xeito que moitas veces tamén desprega as súas artes de sedución de dúrante o día, como acontece, por exemplo, no derradeiro, que ten lugar nunha libraría.

Os capítulos catalogan os amantes e van postos en orde alafabética. “Apático”, “Barbudo”, “Casado”, “Desflorador”, “Esdrúxulo”, “Facha”, “Gaiteiro”, “Hebdómada”, “Iletrado”, “Lector”, “Mentireiro”, “Narigudo”, “Ñu”, “Obsesivo”, “Putañeiro”, “Quixote”, “Repoñedor”, “Seareiro”, “Torpe”, “Ulises”, “Viaxeiro”, “Xocoso” e “Zopilote” conforman a fauna que dá cazado nos seus particulares safaris. Ben, en realidade son máis de 23, porque nalgúns capítulos aparecen máis de un amantes. Como acontece en “Quixote”, que volve á letra H, ou en “Xocoso” onde son dous os amantes, igual que en “Casado”. Dito isto, queda tamén dito que o libro descansa sobre a capacidade da Iolanda Zúñiga para crear personaxes diferentes, que a súa habelencia como narradora fai coincidir coa orde alfabética, de tal xeito que o subtítulo tamén podería ser “Alfabeto de amantes  desorientados”.

En Noites de safari é recoñecíbel a escrita anovadora de Iolanda Zúñiga desde a grande cultura musical que se fai patente nas súas páxinas, non de xeito tan obsesivo como en Periferia mais si moi salientábel. Mais de todas as personaxes que mentabamos no parágrafo anterior, a máis complexa e notábel é a propia M M: unha muller de ampla cultura musical, mais tamén televisiva e cinematográfica, que non refuga aspectos polémicos da política actual, e le tanto a Corín Tellado como libros de autoaxuda, 10 Minutos ou Muy Interesante. O resultado é unha escrita fresca, desinhibida, culta mais asequíbel a calquera lectorado, que beirea as fronteiras do erótico mais nunca se adentra nelas porque o importante son as personalidades dos amantes, non só os encontros carnais con estes. De feito son as personalidades dos seus amantes as que levan a MM a ter un catálogo tan amplo, pois se foran os encontros carnais para pouco valerían as ricas personalidades que lles crea, ricas e varidas, e abondaría  con relatar os aspectos máis tórridos das relacións.

Marlen MaLone é unha muller dos nosos días Igual que Iolanda Zúñiga é unha escritora que, malia a súa pouca obra (Vidas pos-it, Amor amén, Periferia), aínda é nova, xa logrou un lugar recoñecíbel no panorama das nosas letras.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido