crítica de O SUICIDIO DE JONAS BJÖRKLUND E OUTRAS HISTORIAS (Carlos Casares, Galaxia)

Porxmeyre

04/04/2018

CONTOS PERDIDOS DE CARLOS CASARES

Título: O suicidio de Jonas Björklund e outras historias

Autor: Carlos Casares

Editorial: Galaxia

Para este libro, Xosé Manuel Soutullo reuniu os contos que Carlos Casares foi deixando publicados en diveros medios, moitas veces co gallo da conmemoración de algo ou baixo pedido, de feito que hoxe resultaban de difícil acceso. Evidentemente, un persoeiro como Carlos Casares foi moi requirido para tales efectos, de feito que reuniu 21 contos, que son os que conforman este libro, sete deles en castelán, os que pechan a edición. Deste xeito, aínda que o propio Carlos Casares non deixou organizada a publicación, O suicidio de Jonas Björklund e outras historias pasa a formar parte do corpus casariano e ninguén pode dicir que leu todo Carlos Casares se non leu este libro. Os contos abranguen desde 1965 até 2001, un período de tempo amplo que case se corresponde coa súa traxectoria como escritor. A prsente edición forma parte da homenaxe que Galaxia tributou a Carlos Casares no ano 2017, ano no que foi o centro da celebración do Día da Letras Galegas.

Carlos Casares publicou dous títulos de contos en vida, Vento ferido (1967) e Os escuros soños de Clío (1979), aos que vén sumarse este de forma póstuma. Nestas obras dispersas, segundo o seu compilador, están presentes tanto as liñas centrais do seu estilo coma a súa evolución durante os máis de trinta e cinco anos que dedicou á actividade literaria (8). De xeito que esta colección de historias dispersas resuluta unha mostra representativa dos seus intereses como escritor (9). Os temas centrais da súa obra recoñécense aquí: a violencia, o dogmatismo, a tolerancia e….o humor (8) Sobre todo o humor, un elemento que a el lle interesaba moito e que xa utilizara en Os escuros soños de Clío. Pódese dicir que o humor percorre estas páxinas con fruición, de xeito que é moi difícil lelas sen un sorrriso na boca, o sorriso fino e intelixente, como o  humor que destila Casares nesta publicación.

Unha ocasión magnífica para reencontrarse co Carlos Casares gran contador de contos. De factura moi diversa, todos teñen a impronta da calidade da prosa casariana e podemos atopar desde un conto con protagonismo para Hemingway ( o que dá título ao libro) a outros onde o centro é o viño do Ribeiro ou o ciclismo e o fútbol, por non mentar aqueles nos que alguén pon un ovo, feito que resulta ser moi do gusto de Carlos Casares e se repite nesta publicación. Mais, en defintiva, un pode reencontar o Carlos Casares de período longo, ampuloso e cheo de matices, cousa difícil de atopar nos escritores de hoce en día; e tamén o Carlos Casares que non perde o tempo e, de inicio, nos pon en situación con moita rapidez e efectividade ( se ben despois non deixará de aparecer o período ampuloso, porque chegan os matices e iso era algo ao que el estaba sempre moi atento).

Aínda que tenden á versión curta, ás veces son títulos que se fraccionan en diversas partes, pódense topar tamén outros nos que a extensión é máis ampla. E non se se escapa tampouco certa oralidade, certo influxo do Carlos Casares contador de contos orais, ou ben tamén se pode dicir que Carlos Casares resultaba moi literario tamén nas ocasión nas que narraba oralmente. En resumidas contas eis un autor que era mestre da evocación e que aquí se nos mostra en todo o seu esplendor. Porque tamén hai que dicir que algúns contos tiran de eruditismo para conformar un volume moi variado que percorre un amplo período de tempo e onde nalgún conto puido incluír certas pasaxes autobiográficas. Así, hai contos onde o protagonismo é para os grises anos da ditadura, sobre todo nos sete contos en castelán, como o ambiente universitario da época. Cómpre dicir, e referímonos sobre todo aos que están en castelán, que moitas veces era para contribuír a libros de autoría colectiva, que atopamos un onde o centro e Di Stéfano (por mais que nonn apareza mentado) nun conto que se incluiría nun libro organizado por Jorge Valdano (entón adestrador do Real Madrid) e outro onde o ciclismo toma protagonismo.

Todo un acerto este libro que nos aforra unha peregrinaxe por publicacións de difícil acceso para reencontrarnos co mellor Carlos Casares. Unha maneira de que non se perdan estas xoias literarias que o lector pode desfrutar en O suicidio de Jonas Björklund e outras historias.

ASDO: Xosé M. Eyré

 

 

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content