crítica de NADA DO OUTRO MUNDO, de Ramón Caride, en Aira.

Porxmeyre

27/02/2023

EXPERIENCIA GOZOSA

Título: Nada do outro mundo

Autor: Ramón Caride Ogando

Editorial Aira

Autorías que se decidan a dar nova vida a publicacións de difícil acceso son doadas de atopar en calquera xénero. Autorías que se decidan a facer unha autoantoloxía de relatos breves xa son fabas moi contadas, e se aínda por riba esa autoría conta co prestixio e dilatada obra de Ramón Caride, faremos ben en non perder o tempo. Iso, en si, xa é unha grande noticia, no entanto, ademais incide directamente niso que se vén chamando autoficción, ficción realista ou como vostedes queiran.

Nada do outro mundo presenta quince relatos que resumen a experiencia de Ramón Caride na distancia curta, desde o iniciático Os ollos da noite (1990), até “Dark dentro”, relato inédito co que se pecha o volume. Polo medio hai discursos extractos de Crónica de sucesos (1993, que no corpo do libro e no índice ten títulos distintos), Lumefrío (1994), Fendas no tempo (1995), Negros espellos (2001), Boca da noite (2003), Dedre (2004), Exogamia 0.3 (2011), Endogamia 0.2 (2013), Flash-Black (2014), Liquidación de existencias (2016), Singamia 1.1 (2019), Historias (in)certas (2020) e A velocidade crítica (2021), ademais do inédito xa mentado. É dicir, supón un percorrido histórico-evolutivo pola obra dun dos máis senlleiros relatistas galegos como é Ramón Caride, os seus títulos de ralatos nunca pasan despercibidos e sempre contan e contaron con bo suceso lector e crítico. Cómpre sinalar a inclusión nesta autoantoloxía para adultos da triloxía “Aktual” (Exogamia, Endogamia e Singamia) que inicialmente foi édita en colección infanto-xuvenil e que nós xa avisaramos no seu momento que presentaban unha lectura adulta moi necesaria. Pois ben, pasado o tempo, esta triloxía non perdeu absolutamente ningunha actualidade e seguen sendo lecturas imprescindíbeis. Só fica fóra desta autoantoloxía Escáner, de 2002.

A este respecto premítasenos un alto no camiño. Desde ben cedo Caride foi tido como o introductor da ficción científica na narrativa galega (xa había antecedentes, aínda que non con tanta calidade e decisión) desde Soños eléctricos (1992, Premio Blanco Amor), sona que despois se incrementaría coa saga de Said e Sheila. A ficción científica supón presentarnos/avisarnos dun futuro que aínda non existe mais que quen le pode prever dalgunha maneira máis ou menos clara. Pois ben, na triloxía “Aktual”, Caride é quen de presentarnos o presente, o que é, como se fora unha distopía que dea para imaxinar un futuro posíbel, de aí o abalo na conciencia lectora, e de aí tamén que esta triloxía sexa unha das máis interesantes que se teñen publicado en galego. A correlación pasado-presente-futuro, sempre movediza, Ramón Caride ten a habilidade de facela extremadamente fluída entre os seus membros, e en calquera dirección.

Os relatos, desde os cales se pode seguir a evolución narrativa de Ramón Caride ( e estamos falando dun dos mellores narradores en galego) desde os comezos deica a actualidade, pois o relato que pon cabo ao volume ten un enredo que conecta directamente coa pandemia da coviv-19 que tanto nos influíu mental e fisicamente. Alén diso, cada relato vai seguido dun comentario do alter-ego de Caride: Darío Gancedo, músico para o cal se fabula unha biografía con fotografía incluída: Os comentarios de Darío Gancedo, ninguén coñece mellor o autor que este músico, deslócannos para unha atmosfera que se axeita ao desenfado, onde caben mesmo a retranca e o humor dunha conversa que cando se produce entra nos parámetros da oralidade e o cotián, polo que a lectura gaña en entretemento, por se non fora pouca a dos relatos, e dálle ao conxunto un ar de antoloxía novelada que é moi de agradecer.

Agora, volvamos á autoficción, porque, como vimos, o libro insírese claramente nesa moda ou tradición. Se Ramón Caride opta pola fabulación, e con excelente resultado, en lugar dunha exposición realista ou naturalista da súa evolución temática e formal, está tomando parte activa nesta polémica e, na nosa opinión, esvarar cara ao realismo puro non faría máis literario o volume, máis ben, pola contra, este sería menor. Dunha maneira ou  doutra, o que finalmente importa é a verosemellanza, e non cabe dúbida de que esta pode ser máis grande e plausíbel na fabulación que na exposición documentalista, burócrata ou secretarista do acontecido.

En conclusión, a reprodución do real é necesaria mais non nos fai máis ricos. A riqueza literaria é patrimonio da fabulación, con maior ou menor baseamento no real. Caride demóstrao, porque do contrario non poderían existir todas as distopías ás que é tan afecto.

O título, Nada do outro mundo, explícase porque é un autoantoloxía, mais si é unha experiencia ben gozosa a súa lectura.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content