UN LUGAR NA HISTORIA
Título: Illa Decepción
Autora: Berta Dávila
Editorial: Galaxia
Pensemos un pouco nisto: Carrusel, a anterior novela de Berta Dávila, pouco máis conta arriba de cen páxinas; e é unha novela, sen discusión, pois contempla todas as características xenéricas ao efecto (e de non ser así tampoco sería un drama). A novela da que escribimos hoxe, Illa Decepción, pasa de cento corenta e gañou o Repsol de Narrativa Breve; significa iso que debemos considerala unha novela breve? Creo que non. En todo caso o asunto merece unha seria reflexión, porque non sucede unicamente co Repsol, tamén pasa co Lueiro Rey. Imos ter que redefinir os xéneros?
Ben, imos coa nova novela de Berta Dávila, esta presenta unha alternancia entre capítulos titulados “Algunhas casas” e “Illa Decepción”. En “Algunhas casas” unha muller proponse visitar unha casa, un piso, que habitara con anterioridade. E ha de o facer. “Illa Decepción” iníciase cunha reflexión sobre a literatura (as reflexións metaliterarias son unha constante na novela) no sentido de que, unha vez publicada unha novela, aparecen reflexións sobre ela que fan meditar á autoría porque achegan cousas imprevistas; iníciase así, mais o fundamental é a Illa Decepción, unha illa que forma parte dun videoxogo, o cal supón unha forma de creación, a forma de creación máis difundida hoxe, como tamén é unha forma de creación a construción dunha novela, por sinal, esta mesma novela que estamos lendo. Quere isto dicir que a novela de Berta Dávila propón unha contínua reflexión sobre o propio acto de creación, e é este un aspecto, unha faciana do poliedro, de suma importancia. Dentro desa reflexión metaliteraria, na miña lectura hai algo que quero salientar: do propio acto de creación non se pode abstraer a autoría que o crea, e, como non se pode ignorar está claro que algo de quen crea debe subsistir no creado, mais que é o queda da autoría no texto, cal é o seu lugar no texto? E paréceme que, dunha forma máis ou menos explícita, esta preocupación vén sendo constante desde que lin por primeira vez a Berta Dávila (A arte do fracaso, Barbantesa, 2010, sempre lamentarei que non tivera máis difusión aínda que fora traducida), ver como se manifesta nun texto ou noutro resulta un tema ben interesante mais sobrepasa os límites e intención desta crónica libresca.
A novela deixa a elección de quen le interpretar os textos de “Algunhas casas” interferidos cos de “Illa Decepción”. Esa é unha posibilidade que non se debe desbotar, unha estratexia narrativa que permite xogar moito coplano temporal, como despois veremos. En todo caso, despois de escribir sobre a “Illa Decepción” como acto de creación que é (no videoxogo, na ficción, e tamén na realidade, que a novela titúlase así por algo) quero agora reflexionar sobre “Algunhas casas”, primeiramente quero referirme ao concepto de “casa” como un tema moi de hoxe, moi dos nosos días, non só porque Carlos Lema o tematizase no seu último poemario (Álbum da cuarta dimensión), abondo teño escrito sobre un tema que parece instalarse cada vez máis na literatura -e non só na nosa, pois na poesía braileira de muller tamén é tema recorrente. A casa representa como ninguén o mundo dos afectos, o mundo dos afectos que tamén se manifesta noutras realidades (concretas ou abstractas) mais neste caso é tamén un mundo que representa a protección. E desde aquí quero volver ao referido á creación. É a creación, unha aventura, un abismo sen rede? Existe esa vertixe? A casa sempre é vista como refuxio fronte a un mundo inhóspito, algo diso sempre hai, como tamén é testemuño do paso do tempo. Porén non é esta dirección de pensamento a que me interesa neste caso. O que me interesa é canto de casa hai no texto que se escribe? Na casa cada persoa ten o seu espazo e hai espazos compartidos. Cal é lugar da autoría no texto? “Erguer o relato do que nos pasa para situarnos dentro del”, afírmase na novela. Esa é a grande pregunta, á que quero engadir pola miña banda: cales son os espazos comúns dentro da novela? (Porque os hai)
Tamén me interesa salientar que a partir destas mesmas preguntas imaxino a Otero Pedrayo e o seu avatar Adrián Solovio (e non foi o único). As mesmas preguntas cunha diferenza dun século, máis ou menos. Por certo, a Illa Decepción creada na novela de Berta Dávila é unha distopía; a partir de aí podémonos preguntar até que punto podía haber distopía, por sinal,en Arredor de si, ata que punto o que encontrou Solovia non foi unha eutopía, e ata que punto o propio discurso da novela de Berta non é tamén unha distopía respecto da autora? Preguntas nas que cavilar aínda que as respostas parezan simples.
E sempre que reflexiono sobre a novela de Berta Dávila, sempre remato no incio, no título: “Illa Decepción”. O xogo onde se crea esa illa chámase “Beautiful Island”, mais canto de decepción hai na casa da creación? “Estou segura aquí. E cada día o océano que rodea esta illa é máis extenso, máis profundo e máis azul” Así remata a novela, volvemos ao concepto de “casa”?
E sempre que reflexiono sobre a novela e chouto por riba do anterior: é esta novela unha procura da verdade a través da estética? Interésame moito a unión deses dous conceptos: verdade e estética, quizá porque no mundo de hoxe son dúas “illas” (“decepción”, tamén?) E sempre que reflexiono sobre a novela de Berta Dávila, hai unha vertixe que me produce certo abraio ou vertixe: a proximidade (mesmo diariamos familiaridade) que existe entre o realismo (lírico, por completar, mais é o de menos) e a distopía, coma se estivesemos afeitos a ela e non nos incomodara senón todo o contrario.
Considerando a novela como o conxunto das dúas partes que se alternan, e no sentido que espuxen, cabe sinalar que se trata dun discurso moi poliédrico que dá pé a constantes reflexións sobre o acto da creación, neste sentido demanda contínuas relecturas. Unha novela moi lírica en canto é expresión do eu sen os filtros da novela convencional, que presenta un plano temporal tremendamente suxestivo en canto á correlacion presente (pasado) e futuro (presente). Para a anécdota queda que recolla o tempo de confinamento da covid-19, de seguro han vir máis, porén aquí tamén ten o seu aquel pois obrigounos a recluirnos na “illa” da nosa “casa”.
E, volvendo ao inicio, a esa realidade difusa que son os xéneros narrativos actuais, o máis importante é que Berta Dávila é perfectamente consciente de cando comeza o texto e cando ten que rematar. Non se pode dicir o mesmo doutros autores, e uso o masculino propositadamente. Xa verán.
ASDO.: Xosé M. Eyré
Son moi admiradora da narrativa de Berta Dávila e puiden rematar esta nova obra hai poucos días. Na verdade estaba pendente desta crítica que anunciou no facebook, aínda que eu non lle chamaría crítica, máis ben reflexión derivada dunha narración, ou igual si e eu non entendín ben o que conta aquí, pode ser iso. Como que a protagonista da primeira parte e da segunda parte son distintas? Como que nunha parte ten un fillo e na outra ten unha filla? De que filla fala? Cóstame encontrar o libro que lin.
SI, se te fixas a primeira ten unha filla e a segunda un fillo. E tes razón, son máis ben reflexións que crítica.
A protagonista é a mesma, ten un fillo na primeira parte e o mesmo fillo na segunda. Como o asegurou tan firmemente, acudín ao libro a comprobalo e, efectivamente, é como eu digo, non aparece filla ningunha…
Tes razón, eu tamén o repasei e é así. Non sei porque anotara mal cando lin. Xa está corrixido.