Crítica de HOTEL CARIOCA, de Antón Riveiro Coello, Galaxia

Porxmeyre

15/10/2023

PANORAMA DESDE O HOTEL CARIOCA

Título: Hotel Carioca

Autor: Antón Riveiro Coello

Editorial: Galaxia

A actual conxuntura, onde o realismo (ou realismos, porque ten varias caras), parece querer desprazar as distopías como xénero na moda, nunca se pode esquecer ou en ter en conta á hora reflexionar a cerca dos títulos de actualidade, das entregas máis novas. E neste tampouco. Aínda que Antón Riveiro Coello nunca se caracterizou por seguir modas senón por seguir o seu camiño sen telas en conta, o seu último romance propón cuestións que sería un crime deixar pasar de lado.

Hotel Carioca no cal se seque a evolución dunha familia, da cal un membro emigra ao Brasil da noite para a mañá sen que se saiban as razóns e mantendo unha correspondencia escasa coa familia, especialmente coa nai. Desde este momento entra no panorama narrativo a construción dos seus andares brasileiros partindo de moi poucos datos. Ë dicir, a fabulación como instrumento que suple a ausencia de noticias da realidade. Evidentemente isto xa é significativo, parte da familia argallou esa mañá para ter contenta a matriarca, unha matriarca para quen a fabulación é a única realidade que coñece a cerca do seu fillo emigrado, emigrado ou exiliado da familia -e aí teñen un adianto do contido, do enredo. As páxinas vanse pasando, imos asistindo á conversión da neta da matriarca, e sobriña do desaparecido Leandro, en escritora. En escritora que parte para a fabulación da historia da súa familia. Imos asistindo ás complicadas relacións entre @s integrantes da familia, imos desfrutando dunha estratexia narrativa na cal se achegan datos da estadía de Leandro en terras brasileiras mais sen desvelar todos os datos, deixando o burato das dúbidas, deixando para o remate o que de verdade ten interese. E, sobre todo, imos asistindo á problemática á que se teñen que enfrontar as persoas homosexuais. Até que chega un momento en que se descobre que aquela ficción inicial non se diferencia demasiado do que en realidade sucedeu, aínda que hai aspectos que difiren substancialmente, o cal nos leva a interpretar que ambas perspectivas narrativas se necesitan e complementan, aínda que a realidade só é unha. Evidentemente, este contrastar e complementación das dúas olladas narrativas foi un dos focos de interese que máis me interesaron na lectura do romance. Porén, non foi o único.

O emprego da terceira persoa como narradora do enredo é moi habitual. Pois cando se nos narra algo está a senos describir o que está pasando, o que está sucedendo inclusive dentro da mente das personaxes. Trátase dunha estratexia narrativa omnisciente moi habitual Unha omnisciencia que é manexada con moita pericia para poder sorprender no remate. Mais aquí, neste romance, hai moitas páxinas nas cales Antón Riveiro Coello entremestura tamén a segunda persoa narrativa, unha segunda persoa que representa un reto narrativo de primeira magnitude; é tan difícil de usar que se contan cos dedos as veces en que se fai. Deste xeito, o autor aproxima moito a quen le cosa personaxe, que neste caso é a sobriña de Leandro. Tamén é necesario dicir que, cando volvemos á terceira persoa notamos distanciamento co que lemos. Porén velaí outro contraste e outra complementación extremadamente interesante.

Quixen centras esta crónica libresca nestes dous aspectos porque é moi posíbel que quen lea non repare neles dous. Cando lemos e non reflexionamos posteriormente sobre a técnica narrativa, adoita suceder así. Nesta altura, sabendo que Antón Riveiro Coello está entre os narradores actuais máis eficiente, se non o primeiro, cómpre valorizar correctamente tanto a atención ao devir narrativo como ao social, e que coa longa traxectoria literaria da súa obra, a estas alturas, sexa quen de enfrontar novos retos narrativos, sexa quen de continuar experimentando novas fórmulas narrativas. Porque isto, créanme, non acontece con todas as autorías

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido