A VOLTA DE SUSO DE TORO
Título: Fóra de si
Autor: Suso de Toro
Editorial: Xerais
Un nunca creu na retirada de Suso de Toro hai oito anos, non, quen leva o bicho dentro non ten máis remedio que deixalo aflorar máis pronto ou máis tarde. E o bicho é a necesidade de comunicar, de rebelarse, porque os escritores son, en boa medida, uns grandes rebeldes. Desde entón foi reaparecendo na prensa ou con algunha outra publicación. Somnábulos, Inmateriais, Humildar dan conta deste medio silencio de Suso de Toro. O que non volvera é publicar unha novela, que é o que fai agora con esta Fóra de si.
Fóra de si é unha novela sen narrador, son as propias personaxes as que van dando conta do progreso da trama. Unha trama que presenta a un protagonista, Ricardo Marzoa, neurocirurxián, que está atravesando unha etapa difícil da súa vida, tanto profesionalmente como no eido da privacidade. Profesionalmente ten un conflito no seu hospital, que non chega a dirixir e mesmo lle negan o poder retirarse sendo xefe de planta, o que o leva a efectuar uns actos de vinganza un tanto escatolóxicos. Un día sofre un accidente e todo cambia, refúxiase na que fora a casa da familia e decide mudar de vida, comeza por deixar o alcohol e, residente nunha cidade deixará esta para vivir na aldea. Unha viaxe campo-cidade á que Suso de Toro xa nos tiña afeitos e que regresa agora adoptando o protagonista a casa familiar como fogar. A casa pertencía ao tío Vurxilio, quen morre e lla lega en herdanza xunto coa mensaxe de ir visitar o seu pai, xa ancián, á residencia na que vive. Fóra de sipresenta, polo tanto, un rexurdir duplo, o de Suso de Toro como narrador e o da súa personaxe, Ricardo Marzoa, como home novo. Neste rexurdir, Ricardo Marzoa conta cunha axuda imprescindíbel: Celeste Beatriz.
Celeste Beatriz é unha brasileira que estivera casada co fillo dos caseiros do tío Virxilio, meiga e compoñedora, que ten unha filla e será crucial, só coa súa presenza, no rexurdir de Ricardo Marzoa. Cómpre fixarse no simbólico do seu nome, Celeste, que nos remite ao ceo, e Beatriz, que nos lembra a Beatriz de Dante, a Beatriz pola que Dante descende ao inferno na súa procura. Porque será tamén unha Betariz así para Ricardo Marzoa, ela é a que definitivamente o decide a mudar de vida deixando atrás a súa crise familiar. Porque esa é outra, outra característica da prosa de Suso de Toro, a crise familiar. Ricardo Marzoa está casado, ten unha filla coa que pouco se comunica e unha muller que xa lle é allea. Por outra parte non se leva ben co seu pai. Boa parte da novela son os soliloquios que Ricardo mantén co seu pai, que nunca lle contesta palabra, agás unha vez, xa ben entrada a novela e preto do seu remate.
A novela asenta nunha construción das personaxes con moito oficio. Tanto Ricardo Marzoa como Celeste Beatriz representan mundos distintos, aínda que os dous teñan en común ocuparse dos males da cabeza da xente desde ámbitos diferentes. Son as personaxes centrais, mais tamén o tío Virxilio, personaxe secundaria, ou o propio pai, malia non dicir nada, están ben configuradas e resultan capitais no desenlace da trama. Suso de Toro selecciona un gupo de personaxes que, centaris ou secundarias, teñen que ver no desenlace da trama, non se complica con personaxes secundarias prescindíbeis. Aí é onde se nota o oficio narrativo do autor. Sabe perfectamente que é o que quere contar e como o quere contar, moi preto da oralidade e beireando a dramaturxia, prescindindo do narrador. E a verdade é que non se nota a ausencia de narrador, as personaxes asumen o seu rol a plena satisfacción, sobre todo Ricardo, que é quen ten un maior peso na trama e tamén na narración.
Fóra de si, ademais das relacións familiares rotas, presenta a necesidade de rexurdir, de dar por rematada unha etapa da vida e comezar outra nova, de facer un lume coas experiencias pasadas e rexurdir cunha nova personalidade. É hora de que a vida ofreza segundas oportunidades, vivir resulta un compromiso tan esixente que ben merecemos ter segundas oportunidades nas quen enmendar o mal feito de primeiras, ben mercemos ter ocasión de corrixir os malos pasos dados de inicio, porque a fin de contas ninguén nos aprende a vivir, aparecemos neste mundo e, sen darnos conta, estamos vivindo, cometendo erros e aprendendo deles cando temos oportunidade de facelo, que amaioría das veces nin iso se nos regala, a novela representa a segunda oportunidade para Ricardo Marzoa.
É o Suso de Toro de sempre, non se reinventa para seguir sendo el mesmo. O que aquí temos é un autor que decidiu tomarse unha etapa de silencio de oito anos para rexurdir en plena forma, seguindo sendo el mesmo. Polo que cabe celebrar esta nova novela como un retorno e como unha continuidade. Nun mundo onde artistas, políticos e futbolistas parecen ter tomada a voz pública, o retorno dun autor como Suso de Toro, cunha personalidade propia moi definida, debe ser celebrado como se merece e nada mellor que lendo esta nova novela, unha novela que satisfará plenamente os lectores devotos de Suso de Toro e tamén a a queles que o frecuentaron menos.
ASDO.: Xosé M. Eyré