crítica de FÁLAME DO SILENCIO (Pablo L. Orosa, Xerais)

Porxmeyre

12/09/2018

O VALOR DO SILENCIO

Título: Fálame do silencio

Autor: Pablo L. Orosa

Editorial: Xerais

O silencio é un muro. O silencio é un muro que te rodea por todas partes. O silencio significa o que non podes coñecer, o que che está prohibido coñecer. Por iso falar do silencio é abrir unha fiestra ao conecimento, á revelación, á desestabilización, porque pode que detrás do silencio se acubillen informacións que fagan de ti outro que non crías ser. O silencio é contrario da memoria. A memoria enche o  silencio, o baleiro. Por iso falar do silencio é falar da memoria. E a memoria do que somos vén tendo unha correspondencia directa co que foron os que nos precederon. Vivimos nunha sociedade presidida por un gran silencio, o grande silencio que ten que ver coa ditadura franquista e o previo golpe de estado. Rachar ese silencio significa, para os vencedores e represores, reabrir vellas feridas. Porque o silencio tapa feridas, impide que se fale delas. É un exemplo ditado pola actualidade, máis nada, porque esta de Pablo L. Orosa non é unha novela máis sobre o golpe de estado e a ditadura franquista, sobre a guerra civil. Non. Mais si é unha pedra de toque para que nunca máis haxa silencios, para retaurar a memoria como remedio. Porque Fálame do silencio significa a restauración dunha memoria familiar, é a restauración dunha memoria familiar e social.

Cinco anos despois da morte de Daniel Glukmann, o xornalista Samuel Eirís recibe o encargo póstumo de completar a súa historia. Así comeza a presentación editorial dunha novela que é unha viaxe interior pola familia dos Glukmann, mais tamén unha recreación da Coruña de mediados dos anos 70 do pasado século, cincuenta anos atrás, despois de superada a ditadura, do tempo da chamada Transición. Mais, como dixemos, é unha memoria familiar, que ninguén procure unha memoria da Transición. O que teña de política esta trama hai que procuralo antes, no pasado, nas condicións impostas por un pasado do que ninguén puido fuxir. Restablecer esa memoria significa acceder a unha información que suporá modificar a propia esencia do presente. Porén non son só eses anos de mediados dos setenta as corrdenadas temporais da novela, nin moito menos, esta primeira novela de Pablo L. Orosa lévanos por todo o século XX case deica a actualidade.

En certos momentos a novela lémbranos a Xurxo Souto, o primeiro, que saibamos, en falar do Mar de María Antonia (Contos do mar de Irlanda, Xerais, 2014), denominación que aquí se emprega en máis dunha ocasión. E tamén hai outras ocasións onde nos parece ter a Manuel Rivas detrás, todo o que ten que ver co boxeador Charly G., que é unha personaxe moi de Rivas, e mais todo o que ten que ver co Durban, que é un refuxio de mareantes rexentado por un basco, cun pendente, naquela Coruña dos anos 70, concretamente no 77. Non cabe dúbida que son dúas influencias do mellor para propoñer un discurso reivindicativo da memoria, pois son dous autores que se sinalaron sempre como grandes recuperadores da memoria, ese antídoto contra o silencio.

Construída a modo de puzzle do cal o lector vai xuntando pezas segundo le, aconséllase unha lectura concentrada, unha lectura pouco fragmentaria. Para fragmentaria xa chega a novela, onde nos podemos atopar desde fragmentos ben breves a outros que non o son tanto. Porén é que así adoita ser a memoria, fragmentaria. Lembramos unhas cousas e outras non nos son máis que un baleiro, un oco, un abismo, até que alguén nos axude a esclarecer ese silencio, até que alguén nos fale do(s) silencio(s) e nos permita recompoñer a memoria, a nosa memoria como indivíduos e a memoria social, que nunca podemos esquecer porque o ser humano é un ser social esencialmente. Boa vinda pois a este novo autor que se estrea na nosa narrativa cunha novela reivindicadora da memoria que, sen abusar, tamén ten os seus momentos líricos, momentos dun lirismo colorido que axudan a crear ambientes intensos, que tensan a linguaxe até dotala sun significado amplo, tan vago como preciso pero que en definitiva nos chega moi adentro.

Novela tamén de familias truncadas, truncadas detrás do silencio, que é a súa lousa. Coma tantas que herdamos do século XX, principalmente da ditadura franquista, mais foi un século tan convulso que esa non é a única causa de desmembramento das familias. A estrutura fragmentaria contribúe a estableer un silencio antes e despois do fragmento, en perfecta sintonía co tema da novela, e que convida ao lector a integrar a historia final, a historia completa, unha vez destapados os silencios que impedían o coñecimento da verdadeira historia da que é herdeiro Daniel Glukmann. Finalmente, novela reivindicativa para que nunca máis se volvan repetir historias rotas, trucadas, que impiden ter unha conciencia clara e fidedigna do noso lugar na historia. Non é indiferente que sexa un xornalista, Samuel Eirís, o encargado de rachar esas zonas de silencio na historia da familia de Daniel Glukmann.

ASDO: Xosé M. Eyré

 

 

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido