FILOSOFÍA EMERXENCIAL
Título: Emerxencia
Autor: Maurizio Ferraris
Traduce: Inma Otero Varela
Editorial: Euseino?
Se ben a filosofía emerxencial conta con numerosos antecedentes históricos, non falta quen diga que Charles Darwin foi o primeiro, non foi até finais do XIX e principios do XX que a filosofía emrexencial se desenvolva como tal. Maurizio Ferraris, un dos principais filófos europeos, realiza unha posta a punto de filosofía emerxencial nesta obra de 2016, que conta con versión galega antes que castelá. Desde o punto de vista realista propón un emerxentismo metafísico baseándose nun empirismo transcendental e estuda filosofía trascendental na ontoloxía, na epistemoloxía e na política, que son os tres apartados nos que organiza o libro. Con respecto á ontoloxía estuda as relacións entre realidade e verdade, individuos e obxectos, fenómenos e nóumenos, ética e ontoloxía e a falacia trascendental ( que identifica ontoloxía e epistemoloxía) en capítulos breves, para centrase despois, máis demoradamente, no rexistro e nos individuos. No rexistro, esa propiedade necesaria para que exista algo, deixar rexistro de si, pasa revista ao realismo á materia e á memoria ( da ontoloxía emerxe a epistemoloxía, o pasado é repetido pola memoria); á inscrición, iteración e alteración; e o realismo trascendental (como a mente emerxe do mundo, como da psasividade de pode pasar á actividade).
No apartado destinado aos individuos estuda o mantemento do trazo nun estado; como os individuos somos externos a outros individuos ( non hai entidade sen exterioridade) e como non hai nin suxeitos nin obxectos, só relación. Despois céntrase na inemendabilidade, as cousas non poden ser modificadas polo pensamento, existir é resistir (base do realismo negativo).
No segundo capítulo (epistemoloxía) comeza por estudar o significado pentecostal, o significado emerexencial e a icnoloxía (doutrina das pegadas que aínda non son psique). O libro está tamén organizado nunha sucesión temporaria desde a creación do mundo á actualidade, que se nota máis nos dous primeiros capítulos, ficando o terceiro fóra desa sucesión. Despois, no apartado destinado á dirección, estuda o sentido como dirección e como significado (o sentido inconsciente constitúse mediante a inscrición, o consciente mediante a imitación); como desde a ontoloxía se accede á epistemoloxía e á política; a fenomenoloxía; a direccionalidade ( como o sentido emerxe do corpo e do ambiente fronte ao contrutivismo de Kant); a iteración (compartir un espazo común e obxectos dotados de positividade que son independentes ás nosas conceptualizacións); a fixación e o envite (que procede dos individuos). Despois estuda a iteración a propósito das termites e como emerxe un sentido global xerado por individuos que non o tiñan antes; despois a tecnoloxía, onde confesa a natureza especulativa do libro e revisa os conceptos de historia, exemplificación e abstracción. Nun terceiro apartado achégase ao tempo das pirámides estudando a xénese do significado consciente e da propia consciencia; a documentalidade (pois o rexistro era condición indispensable á vida); a intencionalidade (onde distingue obxectos naturais e obxectos sociais);a responsabilidade (onde analiza o comportamento moral) e a finalidade (onde establece a primacía da documentalidade sobre a intencionalidade).
Á súa vez, na terceira parte, política, tratar de entender que é o que determina a acción é ocuparse de política (115), pregúntase como emerxe a emancipación e desenvólveo en tres apartados: fariseísmo, servidume voluntaria e acción exemplar. Cando trata o fariseísmo ocúpase da integridade moral (que non depende de enfrontarse ás propias responsabilidades, senón das opinións que se teñen), do idealismo transcendental, do realismo e antirrealismo (que teñen implicacións políticas), ademais do posmodernismo (as cousas dependen das palabras, só co pensamento podemos concibir a realidade), así como das relacións entre ontoloxía e epistemoloxía, non hai suxeitos e obxectos senón unha combinación de ambos, tilda o idealismo do século XX de naturalista. No apartado dedicado á servidume voluntaria ocúpase da Web ( esa gran forma de emerxencia) e nega que a tecnoloxía sexa fonte de alienación senón de revelación, sabemos o que queremos e o que somos grazas ás técnicas que empregamos, tamén conclúe que o ser humano nace encadeado e que o seu natural é a submisión, a realidade social padécese de xeito pasivo pero onde hai resistencia hai existencia, chégase así á inemendabilidade como principio da emancipación, e á liberación chégase desde a imbecilidade, característica do ser humano. No terceiro apartado, acción exemplar, conclúese que a desobediencia non chega e a resistencia debe transformarse en exemplaridade, o estatuto moral dunha persoa vén marcado pola súa relación coas normas (que non son morais senón pragmáticas e históricas), a revolución é posible pero precisa accións reais e non só pensamentos e é importante que a acción exemplar sexa individual, para preguntarse despois de donde sae a decisión?, é necesario emanciparse? , é xusto liberarse?, a intencionalidade colectiva vén por imitación e deriva da documentalidade, as acción exemplares son reaccións, reaccións que parten do obstaculizante que é a realidade, para concluír que sen ontoloxía non hai epistemoloxía nin ética.
Porén, esta preciosa tradución de Inma Otero, ten unha curiosidade que a sociedade na que vivimos converte nun feito salientábel. Entre o seu corpo referencial, nas notas, aparecen dous libros galegos: A servidume voluntaria (1576) Iñás-Oleiros, A Coruña: Trifolium; e Bartleby, o escribente (1853), tradución de Eva Díaz Rodríguez, Vigo: Xerais, 2009. O que vén confirmar que desde unha lingua como o galego se pode chegar a calquera lado, non por ser unha lingua B estamos condenados á autarquía, a vivir para nós mesmos, que xa de por si sería suficientemente aceptábel. Desde unha lingua como o galego a fronteira é o mundo. Por iso, de aí a inquina que nos teñen os políticos gobernantes, odian que iso popida ser así, queren que o galego sexa unha cousa só de andar pola casa, mentres dure que sexa sí iso e non durará moito porque na súa concepción é só iso. Pois ben, este libro demostra como lles saen as contas furadas.
ASDO.: Xosé M. Eyré
[…] Ferraris e o seu libro Emerxencia escribe Eyré dous artigos: “Crítica de Emerxencia” e “Subliñados de Emerxencia”. No primeiro fai unha recensión pormenorizada e rigorosa […]
[…] Ferraris e o seu libro Emerxencia escribe Eyré dous artigos: “Crítica de Emerxencia” e “Subliñados de Emerxencia”. No primeiro fai unha recensión pormenorizada e rigorosa do […]