AMORES SON OU NON SON AMORES
Título: Alguén ao lado
Autor: Xabier Quiroga
Editorial: Xerais
Quen coñeza o corpus narrativo anterior a este novo romance poderá distinguir un primeiro ciclo formado por Atuado na braña, Era por setembro e Se buscabas un deus, nos cales insiste na procura da identidade e na necesidade de comprender un pasado traumático marcado polo Golpe de Estado franquista; a represión fascista; os silencios familiares, a ocultación da verdade e as consecuencias que todo iso segue tendo sobre o presente.
Posteriormente chega a triloxía que ten como protagonista central a Pepe Reina (Reiniña) composto por O cabo do mundo, Izan o da saca e O baile dos estorniños onde se olla unha arquitectura narrativa consciente onde as investigacións parten do presente para reconstruír feitos do pasado nun diálogo constante entre Historia e ficción. Despois con Zapatillas rotas evolúe cara a crítica social e dignidade da vellez., e con Coa man esquerda achégase á traxedia íntima dunha familia esmagada pola miseria e pola violencia.
Así chegamos ao título que comentamos hoxe nestas páxinas da Ferradura en Tránsito II; Alguén ao lado presenta unha orientación temática, pouco frecuentada na narrativa galega actual, como é o das relacións afectivas. Por moito que existan precedentes valiosos este tipo de imaxinarios narrativos aínda non acadaron continuidade histórica na narrativa actual. Mentres noutras literaturas acadan éxitos en número de vendas e prestixio literario aquí aínda queda moito por facer e este romance de Xabier Quiroga pode constituír un novo punto de partida que, por fin, regularice o abano temático referente as relacións afectivas. Tal e como en Portugal fan José Luís Peixoto ou Dulce María Cardoso; no Brasil Carola Saavedra ou Adriana Lisboa; no Xapón Hiromi Kawakami ou Mieko Kawakami; na litertura francesa David Foenkinos ou Philippe Besson; a estadounidense conta com Jeffrey Eugenides, Lily King ou Hanya Yanagihara; mentres na británica son David Nicholls, Julian Barnes e Ian McEwan, a irlandesa conta com Sallly Rooney; porén é na italiana onde mais notoriedade acada tendo como autorias mais salientábeis a Elena Ferrante , Domenico Starnone , Niccolò Ammaniti, Margaret Mazzantini (obras súas foron levadas ao cine ou tv.) e tamén Paolo Giordano.
Se a cultura galega non pasara polas estreiteces que a caracterizan Alguén ao lado conta con todos os elementos necesarios para ser traslada a imaxes. Pois, alén das relacións afectivo-amorosas, a contextualización do enredo vertebral non renuncia á crítica social e política, un subtema que comprende desde a crítica ao caciquismo, pasando pola presenza de Vox ou a arrincada de carteis electorais do BNG, no que se refire á Galiza mentres o transcurso en Marrocos está descrito por ollos que coñecen ben o lugar e non desde simples consultas en folletos propagandísticos ou consultas na web. A este respecto Xabier Quiroga sempre tivo en moita consideración a recompilación de información documental.
Agora é o momento de comentar o imprescindíbel sobre o contido do enredo, que se estrutura fundamentalmente a redor de dúas personaxes masculinas: Luís (ou Lis) e Joaquín ou o Iak. Cando Luís recibe un billete de avión a Marrakech e unha estraña mesaxe e decide acudir ponse en marcha un proceso que o sacode da súa vida sentimental, aletargada desde o intenso e traumático pasado que viviu ao lado do Iak e de Marta (ou Mar), para a que necesita atopar respostas que só o Iak lle pode ofrecer. E antes de continuar sinalemos o constante xogo lingüístico entre esas tres personaxes pois non é un simple aditamento do enredo senón unha forma de reclamar atención permanente de quen le. Alén diso todas as relacións afectivas e sentimentais pivotan sobre esas dúas personaxes. Marta e unha das tres personaxes centrais, forma, con Lis e Iak, o triángulo amoroso principal, é o obxecto do amor romántico e platónico de Lis. Anca, que para Lis actúa como una segunda nai, introduce unha relación amorosa tóxica cun marido que maltrata. Lidia amplía a reflexión sobre as relacións sentimentais. sendo a querida de don Celso, o obsesionado xefe de Luís a quen encarga que a vixíe de noite e de día para saber todo dela. A Tía Filomena (ou Filo) cumpre o rol de conselleira sentimental e mesmo erótica. Neste contexto Marisa aparece como ratificación de que amor de Lis por Marta lle impide mesmo desenvolver con ela unha pulsión erótica. Finalmente Latifa, a súa aparición conduce a unha especie de xustiza poética, tanto para ela mesma como para Lis e inclusive o propio Iak, que é quen os pon en contacto.
Deste xeito no discurso vanse alternando capítulos que acontecen no presente de Marrakech, con outros que son lembranza do pasado nun concello rural e aburrido do interior.galego. Contando tamén cos que se refiren aos obradoiros de escrita creativa, e niso non queremos adiantar máis nada, só dicir que que no desenlace do enredo se tornarán fundamentais. Desde o punto de vista lingüístico cando o texto se volve lembranza a lingua empregada (sendo Xabier Quiroga o autor é un aspecto que nunca se debe esquecer) é coloquial nun rexistro moi axeitado para a idade daqueles mozos e mozas. Mentres que cando se trata do enigmático, e parco en palabras, Kamal, que exerce como guía de Lis, a lingua adquire un ton máis formal.
Para remate digamos que este (valente) romance Xabier Quiroga fala de cicatrices no corazón , da necesidade de reinventarse para seguir adiante, de decisións (ou indecisións) que determinan vidas, de procuras sobre o que é esencial para a existencia humana. Non cabe dúbida que nesta mudanza de rexistro narrativo, afastado da memoria histórica e da procura dunha identidade colectiva, Xabier Quiroga segue amosando unha pericia narrativa ao alcance de moi poucas e escollidas autorías.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)

