NOVELA POLICIAL NA ILLA DE GOTHARD
Título: A noite do corvo
Autor: Abel Tomé
Editorial: Galaxia
O século XX consolidou as tramas policias como das preferidas polo público consumidor de ficción, sexa esta literaria ou cinematográfica, as dúas grandes plataformas desde as que se manifesta. Neste caso, como é obvio, tócanos a literaria policial, que escolleu Abel Tomé para a súa primeira aventura narrativa. Porque a trama policial, a pouco que o narrador sexa experiente e manexe ben a dosificación de información, é das manteñen o lector pegado ás paxinas da novela, como hipnotizado por unha sucesión de acontecementos onde parece que cada páxina que se le deixa o lector un pouco máis preto da resolución do misterio inicial proposto. Tal acontece nesta A noite do corvo que comeza co asasinato dunha familia, os Haggerty, o brutal asasinato dos pais e os dous fillos dunha familia que aparentemente non tiña inimigos como para que lles segaran a vida con sete coiteladas a cada un ( e o número delas tampouco é tan indiferente). A partir de aí, o inspector Gonçalves irá tirando dos fíos pertinentes até chegar a establecer quen foi ou foron os culpábeis de tan atroz crime. E a súa voz guiaranos por un mundo distópico que ten moito de trasunto do mundo real. Así, velaí a illa de Gothard, unha illa medievalizante que se mantén cunha cultura e características peculiares, fronte, por exemplo, a veciña cidade de Beth, con dous clans que se reparten o poder na illa ao longo do tempo, uns donos dunha mina e outros donos da banca. Os Faol e os Cárthaig.
En Gothrad as mulleres son un cero á esquerda, están totalmente baixo o poder dos homes, como ocorre hoxe en boa parte do mundo. E mantense un réxime de tradicións que son os que marcan a lei na illa, unha illa gobernada por esas dúas familias por tras dun Consello unicamente masculino, onde os xuízos son populares e que ten como figura principal un chanceler, unha illa da que non se pode entrar e saír libremente e onde terá que acudir Gonçalves para esclarecer o misterio do asasinato, pois é a policía de Beth a que ten xurisdicón na illa. Beth, unha cidade coma calquera outra, cos ricos vivindo no centro e os pobres nos arrabaldes. Así, entremesturando a información relativa ao progreso da investigación e os datos relativos a tan distópico lugar, vai decorrendo a trama. Mesmo Gothard ten unha mitoloxía propia. Iso si, o mundo da arte, principalmente a música mais tamén a pintura, compártense entre a distopía e o mundo real. E Gonçalves ten moito do típico policía de volta de todo, un tanto cínico e descrido, posición desde a que nos vai comentando sobre aspectos da vida que deben mover o lector a reflexionar. Un Gonçalves que tamén ten detrás a misteriosa morte da súa parella, Anne Marie, da que se nos irá informando pouco a pouco e nos momentos en que peor de ánimo se atopa Gonçalves. Que conta con dous axudantes singulares: Petrie, un solitaio obseso sexual, e Lúa, a inocente e miúda Lúa, coidadora tamén do enfermo do seu pai. E moi competentes no seu traballo ambos e dous.
Non resulta nada doado establecer cal dos dous fíos da trama tira máis do lector, dependerá dos seus intereses na lectura. Aínda que o ángulo policial parte con vantaxe, por iso de que o que procura o lector é a resolución do misterio que leve ao reestablemento da orde, o certo é que a distopía estrañizante, a illa de Gothard e as súas peculiaridades, tamén ten a súa forza, tanto polas dificultades que engaden ao sempre complexo traballo policial, coma polas súas propias características. O certo é que os dous fíos se complementan á hora de conformar o posíbel horizonte de expectativas do lector, nun discurso que tende a ser moi directo, no que se bota man do perído curto, sinxelo, contundente, onde os títulos dos capítulos se corresponden con citas do “Canto de min mesmo” (Walt Whitman), o que supón un tour de force no cal o autor sae ben parado, pois correspóndense ben co contido dos capítulos.
En definitiva, eis un título que proporciona unha horas de agradábel lectura, especialmente para os amantes da literatura policial ou da literatura distópica. Supón a primeira aventura narativa dun novo autor, ao que agardamos ler en posteriores entregas que rematen de definilo dentro do panorama da literatura actual.
ASDO.: Xosé M. Eyré