crítica de A NOITE DA DEUSA, de María López Sández, en Galaxia.

Porxmeyre

17/07/2020

A AVENTURA FEMINISTA

Título: A noite da deusa

Autora: María López Sández

Editorial: Galaxia

Antes de comezar a ler a novela, fagan o favor de reparar no texto onde Galaxia explica que en “Costa Oeste” se publican títulos non só concibidos para a mocidade senón que eses mesmo títulos tamén teñen lectura proveitosa entre os máis medrados. É importante. Xa non só porque nós levemos anos e anos defendendo que as lecturas LIX tamen deben ser lecturas adultas, exactamente igual que lecturas supostamente adultas tamén son apaixonadamente segeuidas por mozos e mozas. Evidentemente hai lecturas LIX que están concebidas só para lectores LIX (mentres outras tamén teñen unha lectura adulta máis que recomendábel), mais aínda neses casos non debemos deixar de saber que é o que len @s nos@s fill@s. Aliás, isto vém moi a conto dese “novo xénero” que andan inventando por aí: as lecturas para “xoves adultos”. En teoría son lecturas que se preocupan especialmente polos probelmas xuvenís, e aí centran a súa temática…porque seica a literatura xuvenil a destendía…É moita presunción, esa, na nosa opinión, e falsa. Os problemas xuvenís (ou os probelmas adolescentes, que vén sendo o mesmo) nunca estiveron desatendidos (outra cousa é que foran completamente atendidos e divulgados, entre outras cousas porque a inmensa maioría de lectores era adulta) e por iso lles resulta doado  a esta xente atopar antecedentes clásicos que dean lustre ao novo xénero. Un novo xénero no cal, mentres estea representado por autores como Federico Moccia ou Blue Jeans, nós non poderemos crer nunca, porque non pasa de sentimentaloidismo sen valor literario e que ás veces mesmo provoca risos (Imaxinen a Corín Tellado escribindo para adolescentes exclusivamente…).

                     Han dismular que non me deteña máis nese asunto; a verdade é que dá para moito e xa, hai anos, dei contal del na Ferradura en Tránsito cando estaba en Blogaliza, si, mais a verdade é que o tema destas liñas é a nova novela de María López Sández, A noite da deusa. Déixenme, no entanto, dicir que, mentres teñamos novelas como a de López Sámdez en lugar das de Moccia ou Blue Jeans, é unha boa noticia para a literatura galega precisamente porque aquí si que hai literatura e foxe do sentimentalismo de quita e pon.

                     Para comezar, a de María López Sändez é unha aventura feminista, tal como titulamos. Unha aventura feminista e marabillosa, precisamente porque parte de un mundo marabilloso (cunha Pitonisa, con obxectos sagrados ou talismans…a ese mundo marabilloso me refiro) para explicar como as mulleres sobreviven no infamundo ( e cando digo mulleres refírome as mulleres adultas e tamén mociñas que aínda non menstruaron, como a protagonista central) e son maltratadas, infravaloradas e ignoradas no mundo exterior (tanto no pasado, como no presente). E é, polo tanto, tamén unha novela de denuncia. Denuncia por exemplo do “mesianismo” (masculino) na literatura, das terxiversacións mitolóxicas que sufriu o mundo feminino para sometelas ao masculino (co catolicismo polo medio, e non só, porque Morgana e Artur xa representan outro mundo), ou  tamén denuncia da soberbia masculina. Qude aí dito para dar exemplo. E non é unicamente un libro que denuncie o sometemento das mulleres por parte do mundo masculino. Tamén está aí, por exemplo, a intrasixencia de Eleanor, mesmo unha sororidade que tamén resulta un abostáculo para Xía ( a protagonista central) cando a mandan regresar sen cumprir o seu obxectivo. E tamén está aí a necesidade das mulleres de saír do inframundo, facerse valer e respectar no mundo exterior, aínda que esa ousadía as faga obxecto de persecución

                     É agora momento para explicar que a novela se compón de tres partes. “No inframundo”, “No mundo exterior” e “O val das mouras”. Por iso falamos antes do inframundo e do mundo exterior. Que, evidentemente, o inframundo é unha imaxe simbólica (moi acertada), para describir sincreticamente (e fotograficamente) a situación en que viven as mulleres (tanto hoxe coma onte), e o mundo exterior no que se aventura Xía ( e non só ela) non precisa simboloxía, mais a descrición parcial que del se fai si debe entenderse de forma simbólica. Tamén son dous exemplos. Porque simboloxía hai moita máis, a suficiente máis como para que renunciemos a unha exposición máis promenorizada. Vencendo precisamente unha tentación bastante forte mais que levaría a monotemizar estas liñas, como podería ser a necsidade de luz, a necesidade de mensaxeiras, o papel da memoria, a simbloxía da auga ou do espello e mesmo  papel da “pitonisa” ou lideresa….

                     Nin que dicir ten que a novela de María López Sández está escrita para mobilizar, para concienciar (desde mesmo antes de ser mulleres) que o mundo feminino debe mobilizarse, saír  á luz e loitar, abandonar os agochos por moi cómodos que parezan. Conquistar espazos vetados, en defintiva; deica poder camiñar mulleres e homes da man e en pé de igualdade. Evidentemente ha ser moi importante o papel director (e non dirixista) de quen promova a lectura (na aula ou fóra dela). E evidentmente tamén ha ser moi importante a lectura adulta (aínda que poida resultar incómoda, imaxinamos, nalgunha ocasión), de feito esta novela non debería pasar sen esa lectura adulta ( e non só feminina e feminista, tamén masculina), non só por esclarecer ou tematizar a necesidade dunha loita imprescindíbel para que a humanidade se poida chamar xusta sen medo a mentir.

                     Tecnicamente falando, a primeira parte antóllasenos que debera ser máis curta (aínda non se percibe ben o obxectivo do discurso), mais iso ten unha compensación nas dúas seguintes partes. E, alén do simbolismo aludido tamén María López Sändez trata con primorosidade as descricións (nas cales o colorido, e a luz, teñen unha importancia ben grande) e, por veces acode a un estilo retórico (elegante, clásico, solemne) que non resulta nada artificioso e si é útil á hora de configuarar unha atmosfera tan especial como a que domina o texto ( e que non se perde na sáida ao mundo exterior, moi a ter en conta).

                     Sexan moz@s ou adult@s non perdan de ler esta denuncia feminista en clave de aventura simbolista.

ASO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content