MÁIS SOBRE O DEBATE ENTRE O REAl E O FICTICIO, A PROPÓSITO DE A MULLER XABARIL
Título: A muller Xabaril
Autora: Fina Casalderrey
Editorial: Xerais
O debate entre o realismo e o ficticio está nun punto realmente apaixonante. De momento o novo realismo poucos máis reultados deu cá autoficción. É dicir, predomina o individual sobre a problemática social colectiva. Non só aquí, de xeito que houbo quen se preguntou se un realismo así paga a pena, até que punto está desaparecendo a ficción? Pois este novo romance de Fina Casalderrey entra de cheo na cuestión e chega a unha conclusión. Diso escribiremos máis abaixo. Antes volverei lembralles que, segundo Marcelo Spalding, o romance é a historia dunha situación, dun decurso vital e social, como aquí é o caso, mentres a novela so relata o decorrer dunha vida. O cal vén sendo que a novela presenta un enredo con mínimas ramificacións e o romance todo o contrario, é moi rico nelas.
Tamén lles digo que isto non é pura interpretación miña. O texto non elude as cuestións metaliterarias, todo o contrario tenas ben presentes. Por sinal, cara a metade do romance: “Que é estar tola? Ás veces a vida non cabe dentro da razón, por iso toleamos ou por iso botamos man da ficción.” Parece estar clara esa metaliteratura, porén é no remate do enredo cando se amosa máis contundente.
Outro aspecto que lles quero comentar é que a autora bota man dun recurso no cal é moi experiente e nótase, as cartas, o epistolario, toda unha garantía. Sobre todo a partir de aí vaise contando a historia da muller xabaril, que sempre será un misterio cheo de bondade, inxusstiza e dolor. Chámanlle a muller xabaril, ou simplemente o xabaril, principalmente a rapazada mais tamén @s adult@s non teñen miramentos con ela, aínda que sexa unha muller culta que con ninguén se mete. A sociedade xúlgaa polas aparencias, tal e como sucede na vida real. Porén a súa identidade non é o único misterio. Hai outro moi importante: a razón pola cal a muller xabaril doa toda a súa facenda a un dos protagonistas e fío mediante o que imos sabendo o acontecer vital desta muller, unha muller estrafalaria, segundo a sociedade, que procura vivir a súa vida sen ataduras renunciando ao que teña que renunciar, padecendo represión e cárcere nos tempos do fascismo franquista. Como se pode ir adiviñando, o romance ten un longo percorrido temporal, aínda que o fascismo franquista ten especial mención non esquezamos que boa parte do século XX houbo que vivir baixo a súa bota.
Ademais do maléfico xulgar polas aparencias nada máis, o romance é unha reivindicación feminista ben clara. A consideración social e política da muller está sempre presente como aspecto central ao que se enfronta a muller xabaril, que padece moi especialmente a muller xabaril con esa decisión súa de vivir libre e sen ataduras, percorrendo camiños como pode mais sen cesar. Precisamente eses camiños percorridos non teñen o protagonismo da consideración social e política, importa máis o horror a que estivo exposta (por sinal, no cárcere) que o lugar onde sucedeu. Prima o interior sobre o exterior.
Tampouco hai que deixar de lado os coidados a maiores. Ramiro, ese protagonista de que antes falamos, pasa o seu tempo coidando da nai, e cando non pode ten unha asistenta, que xa é coma da familia. O cal reflicte a soidade, tanto das persoas maiores coma d@s que @s atenden. Haberá quen diga que os tempos mudaron, como se iso fora unha explicación en lugar de resignación diante dunha situación política e social que é a verdadeira culpábel e á cal non se censura. Xustamente a muller xabaril, coa súa actitude rebelde, transmítenos o contrario.
En definitiva a da muller xabaril é unha historia dura, infausta, moi dolorosa. Mais tamén unha lección de rebeldía e testemuño claro de que a ficción é imprescindíbel para contar o real. Pois na realidade todo o romance iníciase querendo explicar a fotografía que lle pon remate. Por iso lles dicía que Fina Casalderrey, innegabelmente, toma partido pola ficción no debate que mentamos no inicio desta crónica libresca.
Que Fina Casalderrey posúe un poder fabulador extarordinario, xa o sabiamos. Agora o que gardamos é que veñan máis títulos para adult@s.
Da importancia da música no romance creo que non necito máis que lembrarlles o anterior artigo, onde me fixo na súa rica banda sonora.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación da Crítica Galega)