crítica de A AFOGADA, de Rocío Leira, en Xerais

Porxmeyre

11/06/2021

NOTÁBEL EXERCICIO DE TENSIÓN NARRATIVA

Título: A afogada

Autora: Rocío Leira

Editorial: Xerais

Se hai algo que as lectoras e lectores de narrativa agradecen maiotariamente, é que o que están lendo lles cree tensión, que a autora ou autor saiba mantela ou incrementala capítulo a capítulo, e que o remate @s sorprenda. Ben. Pois non busquen máis. Todo iso atoparano en A afogada, novela curta coa cal Rocío Leira se fixo co XXII Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo.

                     Utilizando ben a primeira persoa ben a terceira, Rocío Leira tece a historia dunha moza de altas capacidades mentais mais que, como acontece moitas veces nestes casos, vivir a vida non lle resulta nada doado, máis ben todo o contrario. A historia dela, Laura, a da súa nai (que a moza sente como sobreprotectora), a do seu pai, a da súa case mellor amiga Sonia (dicimos case porque non ten ningunha mellor amiga e esta é a que máis se achega) e a de Miguel. De primeiras Miguel é o mozo de Sonia, mais Laura namórase de tal xeito del que rematará facéndose moza de Miguel. E, verán, cóntolles isto porque é o comezo, só o comezo, do enredo e pouco desvelamos. Pouco, porque o que fai Rocío Leira na novela é amosarnos, case personaxe a personaxe (esqueceramos que tamén hai un mergullador experto que non cre a versión do afogamento de Laura que dan Miguel e Sonia) que as cousas nunca son como parecen e cada personaxe garda un mundo interior que cando sae á luz é como cando se lle van retirando as distintas capas a unha cebola, por debaixo aínda hai outra que non contabamos, que non contabamos porque no noso horizonte de expectativas non imaxinabamos o que aíndanos queda por coñecer. E isto acontece con Laura, moi marcadamente, ela é a protagonista central, co seu pai, coa súa nai, con Miguel e, en menor medida con Sonia.

                     Se cada vida é un misterio en por si, cando se poñen en relación tres personaxes entre as que se establece o (típico/tópico) triángulo amoroso, a cantidade de misterio increméntase exponencialmente. Se a iso engadimos que Miguel pertence a unha clase social mellor acomodada social e economicamente, e que a nai e o pai de Laura non son, aínda que o queiran ser, os proxenitores ideais, o cóctel xa vai indo moi medrado.Mais hai que dicir tamén que Rocío Leira bota man de capítulos breves, alternando personaxes neles, e sabe ir apertando unha volta de parafuso que cada pouco tempo (non esquezamos que esta é unha novela breve, 114 páxinas) nos obriga a reconsiderar o que sabemos das personaxes, nunha estratexia narrativa que emprega con moita efectividade, pois mantennos nun contínuo estado de desasosego (por unha banda, pois nunca estamos certos do que sabemos) e de abraio (pois todo o novo que imos sabendo das personaxes confírmanos unhas personalidades aparentemente exitosas mais realmente infortunadas no desempeño de vivir).

                     Disto conclúese que, en A afogada, a partir das personaxes propostas ou protagonistas (poucas, estamos nunha novela breve) afóndade do estudo das sus vidas e miserias humanas da maioría (da grande maioría, xa vimos que non todas poden entrar aquí), deixándonos unha mensaxe moi clara: vivir non é sinxelo, nin para as persoas dotadas de altas capacidades mentais (ou a súa nai, sobre todo, e o seu pai) nin para as que proveñen de familias ben acomodadas social e economicamente (a de Laura tampouco de pode queixar), xa que, por detrás do éxito aparente agáchase unha realidade moito máis chea de lodos ca de auga cristalina. No fondo sempre está a traxedia ou, como mínimo, a ameaza dun vivir insatisfactorio, mesmo degradante, decepcionante, nada ideal.

                     Mais o malo é que hai un aparatdo así chamado: o malo. O malo, ou parte non positiva, ten que ver moito coa lingua, especialmente co uso de léxico castelanizante (“capullo”, por sinal) que tamén se manifesta na fraseoloxía e no uso dunha onomástca híbrida co castelán, non especificamente galega. Certamente, non son moitas as veces en que isto acontece, mais era totalmente evitábel, sobre todo o referido á onomástica.

                     Choutando por riba disto, a verdade é que nos atopamos cunha novela breve canónica, de estrutura moi estudada e coidada e cunha moi ben planificada dosificación da información…para que o resultado sexa un discurso que nos mantén apegad@s ás súas páxinas e que demanda, a berros, a lectura dunha única sentada, cousa ben posíbel dada a extensión.

ASDO.: Xosé M. Eyre

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido