a redor de ESCOLA DE MULLERES, de Inma López Silva, Galaxia

Porxmeyre

06/07/2023

ESTA PODERÍA SER A CRÍTICA DE ESCOLA DE MULLERES

Título: Escola de mulleres

Autora: Inma López Silva

Editorial: Galaxia

Podería. E seguramente será, Porén vainos levar a tocar temas que exceden  a importancia dun libro e que hai que tratar xa porque o silencio só dilúe a gravidade e á vez convértese en esterco que alimente novos comportamentos similares. Se en lingüística se fala de bilingüismo cando  o/a emisor(a) é capaz de usar dúas linguas en igualdade condicións, se o texto é unha manifestación lingüística, se hai autorías que publican á vez en castelán e galego á vez, o máis lóxico é concluír que esas autorías tamén son bilingües. Esta Escola de mulleres é un exemplo. Vostedes non terán ningún problema en acrecentar outros polo estilo. Non é que esteamos en contra das traducións, cando non son autotraducións e sen indicación de que se trata dunha tradución. Mais o lóxico é que esas (auto)traducións non aparezan nos trinques á vez cá galega. Xa non só por lóxica, senón porque a versión en castelán despraza a orixinal galega a lugares pouco accesíbeis da libraría. Na Galiza compiten as dúas versións e non en igualdade de condicións. Pasado o tempo nada impedirá que a literatura castelá reclame esas autorías como propias.

Isto leva sendo así desde hai moito tempo e é necesario reflexionar sobre el, representa un perigo de asimilación demasiado grande. Tamén é algo propio da literatura actual. Con autorías antes do 75 non pasaba iso, entón había autores que publicaban unhas obras en castelán e outras en galego (Otero Pedraio, por poñer un caso) mais o mesmo título non competía en galego e castelán á vez. E tamén, rara avis, hai autorías que fan figurar que se trata dunha autotradución e mesmo agardan un tempo antes editar esa autotradución, por sinal: Yolanda Castaño

Ben, imos parar aquí, a cuestión é demasiado densa para estas páxinas. Concluímos que non erramos se denominamos autorías bilingües as que editan en galego e castelán á vez. E téñase en conta que despois de bilingüismo vén a diglosia. Sería preferíbel que non chegara nunca. Mais penso que tamén xa se chegou, cando hai autorías que, lendo a versión galega, parece evidente que se escribiu penando na autotradución

Eu mesmo tiña unha postura pouco clara sobre isto. Non me apetecía nada facer crítica a autorías bilingües. Hoxe chego á conclusión de que é moi necesario facelas por ser unha maneira de reforzar a súa galeguidade, por moito que as nosas críticas poidan ser empregadas como aval diante das editoras castelás, que adoitan ser editoras pequenas.

Ben, chegou o momento de dicir cousas de Escola de mulleres. Xa lles adianto que o título está moi ben traído e resulta fundamental para entender cabalmente o romance de Inma López Silva. Debemos repensar o enredo sempre pensando no título. Non resulta nada complicado porque o enredo é un enredo convencional, preséntanos a Gloria, unha muller que quere triunfar mais que atopa teitos de cristal tanto na vida académica profesional como na persoal do seu particular limbo. Non quero adiantarlles moito do contido, mais si debo dicirlles que chegará un momento en que renuncie á primeira centrando a súa vida na segunda. Na apertura dunha libraría baixo o nome de École des Femmes. Os cartos precisos para a súa apertura obtenos Gloria da prostitución. Cando decide prostituírse non atopa teitos de cristal, é ela a que impón as condicións. Resulta tan brutal como certa esta crítica social: a muller non é dona do seu destino, sempre será unha sombra de alguén. A única redención atópaa Gloria cando de revela e pasa a controlar ela mesma o seu corpo e mais a súa vida laboral. Desde este punto de vista, á luz das páxinas do romance, é unha historia que pasa do “querer e non poder” á renuncia como maneira de obter unha vida profesional plena.

Molière estreou en 1662 unha comedia chamada así L´École des Femmes. Recólleo ben Inma López Silva no seu texto. Malia ser unha comedia, unha comedia realista onde as personaxes son do seu tempo, a peza de Molière escandalizou, e non pouco. Hoxe mesmo a podemos ler como unha reivindicación da muller e crítica da convencional vida das mulleres. Mais esta Escola de mulleres ten pouco de comedia, abala entre o dramático e o tráxico, como a vida de calquera muller. Como na vida de calquera muller, a auténtica “escola” debe atopala na propia vida, é dela de quen debe aprender. Outras tres personaxes que aparecen no romance de Inma López Silva son María Casares, Simone de Beauvoir e Zelda Fitzgerald, que baixo o carimbo “Crítica da Escola de Mulleres” comentan a vida de Gloria e os seus arredores. Elas as tres, que tiveron unha vida sentimental moi pouco habitual e moi persoal, que tamén se ve recollida na Escola de mulleres. As súas filosofías  de pouco lle serven a Gloria (sempre no limbo, ata que decide marchar a New York), unha Gloria que ten que aprender da “escola da vida”. Os títulos, tanto do romance como dos fragmentos de cada capítulo están aí para lembrarnos cal é verdadeira “escola” para as mulleres. Estruturalmente é un libro moi ben traballado, moi intelixentemente traballado, de principio a fin propón unha lectura feminista tanto da novela como da vida real; unha lectura libre e non dirixida.

O que menos nos gustou son as “oportunidades perdidas”. Que ás veces teñen que ver coa lingua, no enredo hai moita copulación, moitos “polvos”, como se en galego non houbera (a fartar) términos para esa acepción. A mesma autora unha vez deixa “canivete”… Mais non só. A libraría École des Femmes, especializada en libros franceses, engade despois libros en alemán, inglés e portugués. Perdeuse unha boa ocasión para visibilizar a literatura galega. Non é obrigatorio para ningunha autoría, mais si se agradece esa visibilización. Tampouco hai libro en castelán. E finalmente, a música, unha das personaxes reivindica a Andrés do Barro a través dunha canción súa en castelán. Isto resulta moi triste porque o mesmo Frank Sinatra prohibiu que se escoitara na Casa Branca a música dos Tamara despois de escoitar a Pucho Boedo interpretando “Negra Sombra”. Tíñalle ciumes. Contoumo a  min a persoa que puxo o disco. Como se ve, a lingua non era ningún problema.

Claro que se falamos de cousas tristes, a peor de todas é que no ensino lles recomenden a lectura do romance de Inma López Silva na versión orixinal galega, mais @s alumn@s lean a versión castelá, porque lles resulta máis doado atopala e tamén lela.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido