a propósito de QUE TEMPOS!, de Xaquín Marín, en Embora Edicións

Porxmeyre

22/02/2022

XAQUÍN MARÍN, O HUMOR ABSOLUTO

Título: Que tempos!

Autor: Xaquín Marín

Editorial: Edicións Embora

Ben, antes de nada, aclararei a razón do título. Non quero con el significar que Xaquín Marín bote man de todos os tipos de humor gráfico posíbeis, hai tantas tipoloxías que calquera se un perdería nelas e, alén diso nesas tipoloxías non todas as formas de humor teñen utilidade social, e esta é unha constante no humor de Xaquín Marín, as súas viñetas sempre teñen orixe nunha fonda reflexión social…que non ten porque ser sisuda, en tantas ocasións reflicte unha lóxica incontrovertíbel nacida da extrema conciencia de clase e tamén de nación. Mais non vou ser eu quen se aventure a definir un humor no que Anxo Mena, Alfredo Conde, Francisco Castro, María Xosé Porteiro, Eva Veiga, Félix Maraña, Anxo Franco, Yolanda Castaño, María Solar, Miguel Toval e Alberte Ansede, pousaron os seus ollos escrutadores na mesma tentativa á hora de presentar os diferentes capítulos do  libro.

            A razón do meu título é moi sinxela e trata de describir o libro doutro xeito. Que tempos! É ese libro que tanto desexamos porque á hora de obsequialo constitúe un éxito seguro. E á vez é o obsequio que tod@s desexariamos que alguén nos fixera. Por iso digo que é humor absoluto, porque tanto satisfai a quen o obsequia como a quen é obsequid@.

Anxo Mena, é quen prologa o libro, salientando                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                 a militancia crítica, social e humanística desta selecta temática das viñetas de Xaquín Marín. Despois, Alfredo Conde introduce o mangado de viñetas tematizadas a redor dos “desastres naturais” (digo isto con moita ironía, nótese) onde podemos atopar desde o Prestige até os lumes que tanta Galiza teñen queimado, e os eucaliptos (“Galicia conta con máis eucaliptos que os que hai en todo o continete australiano” que os provocan, Conde salienta a capacidade crítica e fondura da mensaxe das viñetas do Xaquín: “O debuxo de Xaquín di máis que vinte editoriais xuntas”

            Un texto de Francisco Castro dá entrada ás viñetas que teñen “o problema da lingua” (máis ironía) como tema, identificando o estilo dos debuxos de Xaquín Marín como unha mestura entre Andy Warrhol e Castelao, fixándose no “exercicio lúcido do humor intelixente” que leva ao “escarnio” da realidade realizando desde un humor que nace “do amor a un país,  a unha cultura, a unha lingua, a unha paisaxe, a un xeito de ser e de sermos”.

            María Xosé Porteiro dá entrada á selecta que se ocupa do “migrantes”, realizando unha breve e intensa panorámica deste fenómeno social que atinxe a todo  o mundo e salientando a “xenialidade e agudeza” das viñetas de Xaquín Marín. Eva Veiga, encargada de prologar as viñetas que teñen como tema o clima, cualifica as viñetas de “alfaias” procedentes “dunha sutil decantación dun esforzo tanto formal como intelectual á fin de (…) entender aquilo que afecta á sociedade” e define as súas viñetas como “dardos”, recunca ao inserir a Marín nunha tradición que arrinca en Castelao e mesmo acha nas viñetas de Xaquín “unha poética propia (…) que pon ao descuberto a estulticia e irresponsabilidade do ser humano” a través dunha “mordacidade” “construtiva”.

            As viñetas arredor do terrorismo veñen precedidas das palabras de Félix Maraña, quen sinala que o humor de Xaquín Marín procede de alguén que leu  con oito proveito a “Fernández Flórez, Camba, Cunqueiro y el gran padre Castelao”. A propósito disto, Eva Veiga lembraba tamén a Celestino Fernández de la Vega. Maraña di que o humor de X.M. é unha forma de se  enfrontar á barbarie “en todas sus formas” desde a “remoción de conciencia” que provocan os seus debuxos

Pola súa banda, Anxo Franco prologa un mangado de viñetas que ben poderiamos titular “Dos nosos tempos”, como fixera Cuevillas, pois son viñetas a escarnecer a “filosofía de vida” (expresión miña) dos tempos en que vivimos. O prologuista cita a Charles Chaplin e so seus “Tempos Modernos” onde anunciaba “ o tráxica que pode resultar a estupidez humana por moito que se adorne de eficiencia e produtividade. Pois “Xaquín Marín retrata nestas obras, con distintos estilos e ténicas, a erosión da vida moderna”. Cómpre indicar que neste mangado entran as colores nas viñetas.

Porén, cando é a vez de tematizar a xustiza, viñetas prologadas por Yolanda Castaño, volven ao branco e o negro. Un negro que a prologuista cualifica de “brillante”, porque é co negro que X.M. dá forma nos seus debuxos, e tamén porque estes nacen dunha “firmeza ética” da que nace da “conciencia de clase posta en  negro sobre branco, tomando liñas e formas para berrar sen palabras.(Engado eu “que á única maneira que nos deixan berra a galegas e galegos  cando nos rouban a lingua)”. Considera a Xaquín Marín como pensador e debuxante único, con quen se “rompeu o molde”.

O capitulo que se centra nos sentimentos e pensamentos que a X. M. lle espertan un determinado número de personaxes, é María Solar, quen reproduce unha conversa de Xaquín con Fraga Iribarne a respecto da recepción que este tiña dos debuxos do xenial X. Marín. Outras personaxes que aquí aparecen son Donald Tump ou o Rei Juan Carlos. Salienta María Solar a estreita relación que mantivo X. M con don Isaac Díaz Pardo e salienta a “sinxeleza do profundo” das viñetas do homenaxeado.

Outro conxunto de viñetas que tematizan lados escuros da sociedade actual, prológaa Miguel Toval quen salienta a dupla condición de debuxante e filósofo na súa tarefa diaria de alegrarnos o día con humor repleto de trascendencia social crítica, tamén como forma de protesto perante a “resignación” que din que é inherente ao ser galego fronte aos abusos e ultraxes.

Pecha estes prólogos capitulares Alberte Ansede, quen salienta a “enteireza e valentía (…) como para non deixarse intimidar pola atmosfera do pensamento único”. E que as viñetas de X. M supoñen un exercicio de liberdade, “que é un camiño sempre en construción”.

Con este título van aló máis dunha ducia de libros coas viñetas de Xaquín Marín, que supoñen outras tantas homenaxes a un cronista da sociedade irrepetíbel que desde as súas viñetas nos lembra a necesaria solidariedade coa xustiza social desde unha incuestionábel esencia de galeguidade, que contrasta coa banalidade con que certos partidos políticos nos consideran.

E Embora Edicións consolídase como a editora que máis o lembrou.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido